neerlandés -sa

neerlandés -sa

(< fr néerlandais)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos Países Baixos e a Holanda (desde 1814), aos seus habitantes ou á súa lingua.

  2. s

    Natural ou habitante dos Países Baixos ou de Holanda (desde 1814).

  3. s m [LING]

    Lingua xermánica do subgrupo occidental do phylum indoeuropeo que procede do baixo francés. Fálase nos Países Baixos na parte setentrional de Bélxica e no NO de Francia (Flandres francés). As diferenzas dialectais están máis acentuadas en Bélxica ca nos Países Baixos, onde a expansión do neerlandés cara ao L e cara ao N se sobrepuxo ao resto de dialectos saxóns e influíu no frisón. A parte setentrional de Bélxica mostra diferenzas máis marcadas entre os dialectos flamengos falados en Flandres Occidental, Limburgo e Brabante. Na República Sudafricana implantouse unha forma de neerlandés, procedente da colonización dos holandeses e dos bóers, o afrikaans.

  4. arte neerlandesa [ARTE]

    Arte que se desenvolveu no territorio dos Países Baixos. Os primeiros edificios de interese foron os construídos polos monxes beneditinos, como a abadía de Egmont (889). No románico, a arquitectura caracterizouse pola sobriedade e o emprego do ladrillo como material básico de construción, como nas igrexas de San Xervasio e Santa María de Maastricht. En pintura destacou o Evanxeliario de Egmont (s IX). Despois da etapa cisterciense, da que destacan as igrexas de Roermond e Rolduc, introduciuse o estilo gótico baixo a influencia francesa. A simplificación de estruturas e de elementos decorativos deu lugar ás igrexas de planta basilical con deambulatorio en Amsterdam, Delft, Deventer, Dordrecht, Hulst e Nimega. No s XV foi a miúdo substituído polo tipo de templo hallenkirche e edificáronse igrexas con cuberta de madeira e altas torres como a de Edam, Hoorn e Haarlem. En arquitectura civil construíronse palacios municipais en Gouda e Middelburg, así como recintos amurallados en Delft e Haarlem. A escultura foi renovada por Claus Sluter, e en Utrecht desenvolveuse unha escola de miniaturistas e escultores en madeira da que destacou A. van Wessel. En Haarlem a escola pictórica neerlandesa, onde destacaron A. van Ouwater e G. tot Sint Jans, impuxo o naturalismo da pintura flamenga e a afección aos efectos da luz e da sombra. O Renacemento italiano non tivo moita aceptación, e a obra do arquitecto H. de Keyser anunciaba xa o clasicismo do s XVII. En pintura, no s XVI destacou H. Bosch e formáronse escolas en Amsterdam, Haarlem e Leiden. Tras a Paz de Westfalia (1648) e a independencia política, o calvinismo motivou toda a arte. A arte pictórica intentou facer o inventario humano (retratos de grupo e individuais de F. Hals e Rembrandt), xeográfico (paisaxes de J. van Goyen, M. Hobbema e J. van Ruysdel) e arquitectónico do país (G. Terborch, P. de Hooch, J. Vermeer e J. van der Heyden). Na arquitectura do Barroco predominou a atención polas igrexas, onde se impuxo a planta centralizada representada na Nieuwe Kerk de Haarlem, e na arquitectura civil seguiuse o clasicismo palladiano, como na casa do concello de Amsterdam, obra de J. van Campen. A escultura limitouse ás tallas de imaxes de defuntos. No s XVIII a pintura copiou os temas e as maneiras do s XVII, e a arquitectura e a escultura seguiron a influencia do rococó francés na decoración de interiores. No s XIX destacou a obra do arquitecto racionalista H. P. Berlage e no eido da pintura destacaron o postimpresionista V. van Gogh e o fauvista K. van Dongen, aínda que desenvolveron a súa traxectoria fóra do país. En 1917 fundouse o movemento artístico De Stijl, desde onde se expresaron as novas ideas pitóricas de Piet Mondrian e T. van Doesburg e as arquitectónicas de J. J. P. Oud e outros. A arquitectura do s XX adoptou a grande escala os traballos urbanísticos de Le Corbusier e F. L. Wright. O grupo COBRA representou a integración da pintura neerlandesa na segunda vangarda.

  5. cine neerlandés [IMAX]

    Arte cinematográfica que se desenvolveu nos Países Baixos. A produción holandesa destacou principalmente no documental, co que G. Rutten foi premiado en Venecia con Dood water (1934) e Bert Haanstra destacou con Spiegel van Holland (1950). W. Staud adaptou unha obra holandesa en Ciske de rat (1955), filme premiado en Venecia. Destacaron os directores Jean Van de Velde, Bert Haanstra, Robert Jan Westdijk, Fons Rademakers, que recibiu en 1987 o Oscar á mellor película estranxeira por De aansiag, e Paul Verhoeven (Soldiers of Orange), a figura máis internacional, que en pouco tempo chegou a Hollywood. Os eventos cinematográficos que cobraron moita forza a finais do s XX foron o Rotterdam Film Festival, inaugurado en 1971, e que lanzou á fama a actores de renome como Jim Jarmusch, Wim Wenders e Hal Hartley; o Nederlands Film Festival, que se celebra en Utrecht, e que outorga o máximo galardón do cine neerlandés; e por último o Holland Festival, que desde 1947 reúne en Amsterdam formas experimentais e non convencionais de arte, cun completo programa que inclúe, ademais de cine, exposicións de arte e música. A cinematografía neerlandesa de principios do s XXI, da man de directores de recoñecido prestixio como Mike van Diem, Martin Koolhoven, Paula Van der Oest, Ben Sombogaart, Eddy Terstall, Jean Van de Velde e o realizador de orixe arxelina Karim Traïdia, está tratando de explorar novas linguaxes fílmicas e rompendo coas convencións do cine clásico.

  6. literatura neerlandesa [LIT]

    Gran parte da literatura neerlandesa medieval produciuse nas provincias flamengas e brabanzoas, polo que, despois da Guerra dos Países Baixos (1568-1648), as provincias holandesas herdaron o corpo económico e cultural brabanzón. Os poetas da xeración de 1650 escribiron unha poesía experimental revoltosa e provocadora, seguidora de P. van Ostayen e dos modelos flamengos de entreguerras (Lucebert, H. Andreus, S. Vinkenoog, R. Campert, G. Kouwenaar, P. Rodenko e S. Polet). Os prosistas, como W. F. Hermans, H. Mulisch, G. K. van het Reve e J. Wolkers, reflectiron os movementos libertarios nos Países Baixos mentres que o teatro non achegou grandes novidades, ata que experimentou no campo social con grupos colectivos, dos que destacaron Dimitri Frenkel Frank e L. de Bóer. Na poesía, a década de 1660 declararou unha tendencia máis realista e comprometida con H. Verhagen e Hvan de Waarsenburg, e despois de 1660 o clasicismo converteuse en academicismo formal, e o romanticismo penetrou no ambiente holandés con Bilderdijk, B. Wolff e A. Deken. A. Loosjes escribiu a primeira novela histórica de Europa en 1808 e Drost, Van Lenep e Oltmans imitaron a W. Scott. En poesía destacaron Tollens, Potgieter e N. Beets. Apareceu a revista De Gids, a máis importante no mundo literario do s XIX nos Países Baixos e en Flandres comezou a recuperación do patrimonio cultural con J. F. Willems, e a da poesía popular con Ledeganck e P. van Duysse. O gran renovador nos Países Baixos foi Multatuli, con quen comezou a época moderna. O movemento de 1880 estivo constituído polos poetas J. Perk, W. Kloos, A. Verwey, H. Swart e H.Gorter, mentres que a xeración de 1910, constituída por J. C. Bloem, A. Roland Holst e M. Nijhoff, opúxose ao impresionismo. Seguindo o exemplo do flamengo P. van Ostayen, H. Marsman e H. van den Bergh introduciron nos Países Baixos a poesía expresionista, á que J. Slauerhoff agregou a fuxida do seu propio rancor vital. Outros autores que destacaron foron o novelista Coolen e F. Bordewijk. Tras a década de 1940, a novela psicolóxica marcou a literatura neerlandesa. O médico Simon Vestdijk, un dos máis destacados autores neerlandeses do s XX, escribiu novelas de carácter psicolóxico que revelaron a influencia do existencialismo. O seu contemporáneo Gerrit Achterberg explorou temas semellantes da vida e morte en moitos dos seus poemas. O Diario de Anne Franck é quizais o traballo máis importante da Segunda Guerra Mundial. Tras a contenda, cómpre salientar as alteracións na poesía neerlandesa que introduciu Lubertus Swaanswijk a través do surrealismo. Na fición, destacaron os escritores Ana Blaman, Alfred Kossman e A. Van der Veen, que tamén sentiron a influencia do existencialismo. Posteriormente, esta mesma tendencia quedou patente nos traballos de Willem F. Hermans, Wolkers e Harry Mulisch, nos que domina a absurdeza e a desesperación. Nas últimas décadas do s XX cómpre salientar as narracións de Annie M. G. Schmidt.

  7. música neerlandesa [MÚS]

    Música que se desenvolveu en Holanda. O seu período de esplendor coincidiu coa unión política e cultural con Flandres, parte dos Países Baixos, xunto con Valonia e o N de Francia, que tivo un papel predominante na vida musical dos ss XV e XVI. Holanda tivo dúas grandes figuras musicais: Jacob Obrecht e Jan Pieter Sweelinck. Con motivo da independencia apareceu unha música nacional con Alphons Diepenbrock (1862-1921) e Johan Wagenaar (1862-1941). O músico máis importante do s XX foi Willem Pijper (1894-1947), aínda que tamén destacaron Kees van Baaren (1906-1970) e Lex van Delden (1919). Destacaron as orquestras do Concertgebouw de Amsterdam (1888) e da Residentie da Haia, os directores Edo de Warts e B. Haitink e a formación do Nederlandse Ballet.