Negro, Mar
Mar continental anexo ao Mediterráneo (400.000 km2). Esténdese entre Europa e Asia, limitado polos territorios de Rusia, Ucraína, Xeorxia, Romanía, Bulgaria e Turquía. Comunica co Mediterráneo polo Bósforo, o mar de Mármara e os Dardanelos e co mar de Azov polo estreito de Kerč’. As costas meridionais son xeralmente rochosas e escarpadas, mentres que as do N, pola contra, son areosas e chás, en particular entre a península de Crimea e a desembocadura do Danubio. Polo sector N esténdese unha vasta plataforma continental, con profundidades inferiores aos 100 m; cara ao centro e ao S a profundidade aumenta ata os 2.240 m de máximo. Durante o Plioceno (Terciario) e ao comezo do Cuaternario, os movementos tectónicos que afectaron á área dos estreitos unírono co Mediterráneo. Os portos principais son Odessa, Sebastopol (base naval), Burgas, Varna, Trebisonda, Zonguldak e Samsun. A pesca é importante na plataforma continental. Na Antigüidade os gregos chamárono mar inhospitalario (πόντος άξεινος) a causa da súa inclemencia. Despois de que os milesos e os xonios fundasen diversas factorías e colonias a partir do s VIII a C, considerárono un mar hospitalario (πόντος εύξεινος). Nas ribeiras setentrionais constituíuse o Reino de Espartocides na segunda metade do s V a C, mentres que na costa meridional, as cidades gregas incluídas baixo a soberanía dos reinos de Bitinia e do Ponto pasaron, xunto con estes reinos, a formar parte do Imperio Romano (s I a C). Os romanos coñecíano co nome de Pontus Euxinus. Denominado Mar Negro na Idade Media, quizais pola cor das súas augas, os bizantinos desenvolveron un comercio moi importante co Extremo Oriente e os países eslavos. Cara ao s XIII, as repúblicas mariñeiras italianas apoderáronse do dominio comercial ata a caída de Constantinopla (1453). A partir desta data ficou baixo o xugo otomán, pero no s XVIII Rusia, aliada con Austria (1726), efectuou unha gran presión sobre os Balcáns occidentais e anexionou Crimea, o territorio do Kuban’, Moldavia e Valaquia.