Negueira de Muñiz
Concello que pertence á comarca da Fonsagrada, situado no L da provincia de Lugo e da Comunidade Autónoma de Galicia ( 43° 07’ 10’’ latitude N e 6° 53’ lonxitude O). Limita ao N, S e L con Asturias e ao O co concello da Fonsagrada (comarca da Fonsagrada). Abrangue unha superficie de 72,3 km 2 , cunha poboación de 222 h (2007), distribuídos nas parroquias de Barcela, Marentes, Negueira, Ouviaño, Río de Porto e San Pedro de Ernes. A súa capital é o núcleo de Negueira localizado a 94 km da capital provincial. Algunhas das parroquias teñen entidades en territorio asturiano, que contan, así mesmo, coa advocación parroquial correspondente. Depende do partido xudicial da Fonsagrada.
Xeografía física
O relevo caracterízase por ser moi accidentado, con elevados cumios de máis de 1.000 m, e pola presenza do estreito val do Navia onde se construíu o encoro de Salime na década de 1960. O substrato xeolóxico, de lousas e xistos, foi rexuvenecido pola oroxenia alpina, e incidido posteriormente pola rede fluvial. Ao L do val do Navia atópanse as cadeas montañosas do Valedor e Carondio, que culminan no pico Busbeirón (1.388 m), mentres que ao O se atopan alturas máis modestas (montes dos Chaos). O clima característico é o oceánico con matices de montaña xa que presenta temperaturas medias anuais frescas (9-10°C), con invernos fríos (2-3°C) sobre todo nas áreas elevadas e veráns moderados (16-17°C). As precipitacións son moi elevadas (1.500-2.000 mm) e en forma de neve no inverno. O val do Navia goza dun microclima característico que permite o cultivo da vide, pola suavidade das temperaturas (11°C), con veráns máis calorosos (19-20°C) e precipitacións menos abondosas. As néboas por inversión térmica están presentes en todo o val do Navia, especialmente coa construción do encoro. A rede fluvial articúlase ao redor do río Navia e os seus pequenos afluentes. A vexetación autóctona ten un grao de conservación bastante adaptable, debido á escasa presión humana sobre o territorio. Os bosques de caduciolias son frecuentes sobre todo nas ribeiras do encoro de Salime.
Xeografía humana
É o concello con menos poboación de Galicia (310 h en 1996, 259 en 2001 e 222 h en 2007). Esta despoboación foi consecuencia tanto do éxodo rural sufrido polo concello desde principios do s XX, como pola construción do encoro de Salime, que anegou moitas aldeas do fondo do val do Navia. Estes habitantes foron relocalizados nos asentamentos de colonización de Castro de Rei e Cospeito. Negueira de Muñiz é un concello relativamente novo, pois naceu en 1928 por segregación do da Fonsagrada, contando nestas datas con 1.534 h, que pasaron a ser 1.424 en 1950. O concello caracterízase pola súa poboación rural, agrupada en pequenas aldeas concentradas, de moi poucas vivendas. Son aldeas mal comunicadas, cunha grande deficiencia en infraestruturas, dadas as escasas densidades de poboación. O crecemento natural (2006) é negativo (-4,7‰), a taxa de natalidade (2,3‰) e mortalidade (7‰) son baixas, froito da despoboación. A estrutura por idades mostra tamén un avellentamento da poboación pois só o 11,3% da poboación son menores de 20 anos fronte ao 37,4% dos maiores de 65 anos e o 51,4% do grupo intermedio. Por sexos domina os homes, 51,35% fronte ao 48,64% de mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Negueira de Muñiz é do 43,1% (48,8% a masculina e 36,9% a feminina); a taxa de ocupación é do 38,4% (42,1% a masculina e 34,2% a feminina) e a taxa de paro é do 11% (13,6% a masculina e 7,3% a feminina). Negueira de Muñiz é un concello rural. O 28,1% da poboación ocúpase no sector primario, onde destacan as actividades forestais. A superficie dedicada a bosques é moi elevada (2.674 ha) para a superficie do concello. Destacan as especies autóctonas, hoxe desprazadas polo piñeiro de repoboación. O resto de sectores, incluída a agricultura, están moi pouco desenvolvidos, dado o illamento do concello e as dificultades impostas polo relevo. A industria representa o 4,5% e a construción o 11,2%, os servizos ocupan o 56,2%.
A principal vía de comunicación é a LU-702, entre o Porto do Acevo e Negueira, así como a estrada local entre Ouviaño e San Antolín de Ibias.
Historia
Durante o Antigo Réxime as súas parroquias, situadas na provincia de Lugo, encadrábanse na xurisdición de Burón, señorío do conde de Altamira e Tomás Quindós. Desde 1833 formou parte, xunto coa Fonsagrada, do concello de Burón. A partir de 1925 pertenceron administrativamente ao municipio da Fonsagrada. A formación do actual concello debeuse a un dos seus veciños, Antonio Muñiz Alonso (de quen tomou o nome en 1929), que apoiado por outros veciños, logrou a segregación en 1928 do concello da Fonsagrada para o que empregou os argumentos da súa distancia respecto á capital municipal, o illamento en inverno e a falta de vías de comunicación. Na década de 1960 construíuse o encoro de Salime que obrigou os habitantes de varias aldeas do concello a abandonar os seus fogares ao quedar illados sen unha ponte que os unise co resto do concello. En 1977 creouse a comuna de Foxo, na parroquia de Barcela, que defendía unha forma de vida libre afastada do consumismo capitalista.
Patrimonio cultural
Do seu patrimonio cultural destacan a igrexa parroquial de San Salvador de Negueira, con retablos en estilo barroco; algúns restos de xacementos mineiros, como as medorras do Foxo e Vilauxín, na parroquia de Barcela; e os castros de Carballín e Pena dos encantos, na parroquia de Ouviñao. Do seu patrimonio natural destaca o espazo de Negueira declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. O 17 de xaneiro celébrase o Santo Antón no lugar de Vilaseca, parroquia de Negueira; a romaría de Nosa Señora da Veiga, o 15 de agosto; a festa do viño xove en Negueira durante o mes de outubro, o san Vicente o derradeiro sábado de maio e o 25 de xullo a festa do apóstolo Santiago en Ouviaño, ademais da romaría da Nosa Señora da Veiga en agosto.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Fonsagrada, A |
| Extensión | 72 Km2 |
| Poboación Total | 222 h |
| Poboación Homes | 114 h |
| Poboación Mulleres | 108 h |
| Densidade de poboación | 3.08 h/Km2 |
Parroquias
| Barcela |
| Marentes |
| Negueira |
| Ouviaño |
| Río de Porto |
| San Pedro de Ernes |