neogramática
(< neo- + gramática)
Escola lingüística alemá que se desenvolveu durante o último cuarto do s XIX e comezos do XX na universidade de Leipzig. Nos seus principais postulados teóricos defenden un estudo diacrónico da lingua, a concepción das linguas como unidades desprezando as influencias externas que poden aparecer, a crenza da existencia dunha fronteira lingüística delimitada e rigorosa e a consideración dos fenómenos lingüísticos como feitos illados sen atender ao conxunto do sistema. Estableceron a existencia de leis fonéticas que se cumpren sen excepción e que a analoxía é un factor normal na transformación lingüística. Interesáronse tamén pola lingua falada, e ampliaron así a limitación dos seus predecesores á lingua escrita. As súas teorías aparecen en Morphologische Untersuchungen (Investigacións morfolóxicas, 1878-1910) de Osthoff e Brugmann. Outros integrantes da escola foron Berthold Delbrück, Herman Paul e Wilhelm Meyer-lübke.