Nevada
Estado de EE UU (286.352 km2; 1.998.257 h [2000]). A súa capital é Carson City. Atravesado polas Montañas Rochosas, forma parte de Gran Conca, moi accidentada e coa altitude máxima no cumio Jefferson (3.599 m), no centro do estado. O clima é de tipo continental. As dúas áreas urbanas máis importantes son Las Vegas e Reno, que concentran máis do 75% da poboación total. O turismo é a principal fonte de ingresos grazas ao xogo (Las Vegas) e á simplificación dos trámites nos matrimonios e divorcios (Reno). A agricultura é de regadío, sobre todo cerealística, e a gandaría, bovina. Posúe importantes recursos minerais, como cobre, cinc, ouro, prata e mercurio. Habitado por algunhas tribos indias, non foi colonizada ata finais de 1845. En 1848 o Tratado de Guadalupe Hidalgo pasouno de México a EE UU. Convertido en territorio desde 1861, en 1864 converteuse no 36 estado da Unión pola importancia que cobrou como fornededor de prata e ouro.