neve

neve

(< lat nive)

    1. s f [METEOR]

      Conxunto de pequenos cristais de xeo que proceden da conxelación da auga das nubes e que caen sobre a terra en forma de folerpas ou farrapos. Cando a temperatura dunha nube se sitúa por debaixo de 0°C, as pequenas gotas de auga que a constitúen poden transformarse en pequenos cristais de xeo, pero a conxelación non se produciría se as gotas non contivesen os denominados núcleos de cristalización, que son partículas de polos de dimensións microscópicas. Unha vez formados os cristais de xeo reúnense en grupos, as folerpas de neve, que se durante a súa caída atopan temperaturas superiores aos 0°C poden fundirse e chegar á terra en forma de chuvia. Cando o proceso de conxelación das gotas das nubes é moi rápido e vai acompañado de correntes verticais de aire dá lugar á pedra ou á sarabia. Cando o frío é insuficiente, a neve transfórmase nunha masa granulosa denominada neve en po e, despois, en xeo, pero existen certas zonas, denominadas zonas de neve perpetua, onde a neve dura todo o ano. Ten unha influencia considerable sobre o clima, xa que constitúe, acumulada nas montañas, unha importante reserva de auga e provoca fenómenos xeolóxicos, como os glaciares e os aludes.

    2. neve en po [METEOR]

      Masa granulosa e chea de burbullas de aire que corresponde a un estadio intermedio entre a neve e o xeo. Está formada por sucesivas fusións e recristalizacións en zonas onde se acumulan importantes espesuras de neve.

    3. neve perpetua [METEOR]

      Precipitación sólida que permanece en alta montaña dun inverno a outro.

  1. s f

    Brancura suprema dalgunha cousa.

  2. s f [TECNOL/COMUN]

    Imaxe que aparece na pantalla dun televisor ou dun radar e que é causada por parasitos, un sinal insuficiente ou sinais de ruído producidos no mesmo receptor.

  3. neve carbónica [QUÍM]

    neve carbónica.

Refráns

  • A neve enriba da lama logo trae a auga.
  • Abriga a neve ao trigo como abriga unha nai ao seu fillo.
  • Ano de nevadas, ano de fomadas.
  • Ano de neves, ano de bés, se na túa casa os tes.
  • Ano nevento, ano farturento.
  • Cando na beiramar neva ¡que fará na serra!
  • Cando na ribeira neva ¡como nevará na serra!
  • Día de san Nicolás está a neve de pao en pao e, se non, no chao.
  • Día.de san Nicolau está a neve de pau en pau e, se non, está no chau.
  • Neve en febreiro ata para a fouce ten tempereiro.
  • Neve febreiriña come á mala veciña.
  • Neve febreiriña pica a galiña.
  • Neve que cae na lama por auga chama.

Palabras veciñas

nevarío | nevarisca | nevariscar | neve | neveira | Neveira | Neveira, A