Neves, As

Neves, As


Concello da comarca do Condado, situado no S da Comunidade Autónoma de Galicia e no SL da provincia de Pontevedra ( 42° 05’ de latitude N e 8° 25’ de lonxitude O). Limita ao N con Ponteareas, Mondariz (comarca do Condado) e A Cañiza (condado da Paradanta), ao S con Portugal, ao L coa Cañiza e Arbo (comarca da Paradanta), e ao O con Salvaterra de Miño e Ponteareas (comarca do Condado). Abrangue unha superficie de 65,5 km2c unha poboación de 4.467 h (2007) distribuídos nas parroquias de Batalláns, Cerdeira, Liñares, As Neves, Rubiós, San Cibrán de Ribarteme, San Pedro de Batalláns, San Xosé de Ribarteme, Santiago de Ribarteme, Setados, Taboexa, Tortoreos e Vide. A súa capital é a vila das Neves, localizada a 64 km de Pontevedra e 124 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á diocese de Tui-Vigo e ao partido xudicial de Ponteareas.
Xeografía física
O relevo do concello está marcado por unha gradación altitudinal de N a S, desde a serra da Paradanta ata o val do Miño, que serve de fronteira con Portugal. A serra da Paradanta e os seus contrafortes constitúen o último tramo da Dorsal Occidental Galega, que no concello das Neves ocupa a metade N e L. Cara ao S, as altitudes descenden en chanzos topográficos ata o val do Miño, onde se asentan a maior parte da poboación e os cultivos. No centro do concello, os contrafortes da serra esténdense ata áreas máis meridionais, e actúan como divisoria de augas dos cursos fluviais do Termes e do Chutiana, tributarios do Miño, que presentan un percorrido con dirección N-S moi marcado, seguindo as liñas de fractura existentes. Litoloxicamente predominan as rochas arcaicas e paleozoicas, os granitos de biotita postectónicos, especialmente no O e NO do concello, e os granitos de dúas micas, aínda que tamén existe algún afloramento de xistos. O clima das Neves pódese encadrar dentro do dominio climático oceánico húmido. As temperaturas presentan valores suaves, sen invernos fríos (8,5°C en xaneiro) nin veráns excesivamente calorosos (22,5°C en xullo). A temperatura media anual sitúase en 14,5°C e a oscilación estacional en 14°C. Este ambiente térmico favorece que as xeadas sexan excepcionais no Miño e nos vales do Termes e Chutiana (320 días ao ano libres dela), aínda que a medida que ascende a altitude cara ao N e L, as condicións térmicas endurécense e as xeadas invernais son máis frecuentes. O relevo litoral que existe neste sector de Galicia actúa como pantalla pluviométrica con respecto aos vales do interior e fai que se reduzan as precipitacións a uns 1.200 mm. O réxime pluviométrico é simple, cun máximo no inverno (38% das precipitacións) e unha acusada seca estival (8%) que favorece a aparición de fenómenos de aridez en xullo e agosto. As estacións intermedias repártense o resto das precipitacións (outono 28% e primavera 26%). O número de días de chuvia é reducido, aproximadamente 130. A rede hidrográfica xira arredor do Miño, que forma o límite S do concello, ademais dos ríos Termes e Chutiana. As calidades ecolóxicas e paisaxísticas da serra da Paradanta e das ribeiras do Miño son notables. A vexetación autóctona de bidueiros, castiñeiros e carballos está presente de maneira diseminada nas zonas baixas e próximas aos ríos. Teñen máis extensión as especies de repoboación, como eucaliptos e piñeiros, así como as formacións de codesos e toxos.
Xeografía humana
A evolución demográfica acontecida desde o primeiro censo de 1887 foi moi irregular, xa que coñeceu varios períodos de forte incremento, xunto con outros de perdas notables, aínda que a partir de 1950 o declive poboacional volveuse constante. Ata 1910 o elevado saldo vexetativo positivo contrarrestou as saídas emigratorias cara a América e os efectivos humanos medraron a un ritmo do 0,75% anual. A década de 1910, en cambio, foi dun retroceso anual do 0,4% debido a unha intensificación da corrente emigratoria e á incidencia da epidemia de gripe de finais do decenio. Na década de 1920 retomouse o crecemento demográfico, que se mantivo ata 1940 a un ritmo do 0,6% cada ano. A emigración cesou sobre todo a partir da crise económica internacional de 1929, e mantívose a imposibilidade de emigrar durante a Guerra Civil Española, o que propiciou o aumento poboacional malia a negativa influencia do episodio bélico na mortalidade. Na década de 1940 produciuse un estancamento no número de habitantes, que tan só medraron en 30 persoas ao longo de todo o decenio, debido á caída da natalidade e á apertura dunha nova corrente de emigración a partir de 1945. Así, en 1950 acadouse o máximo demográfico con 6.892 h, data a partir da que xa non deixou de perder efectivos a un ritmo do 0,56% anual. A emigración europea primeiro, a atracción laboral do eixo industrial Vigo-Porriño despois e o saldo vexetativo negativo están na base deste decrecemento, que coñeceu o período de máxima perda entre 1981 e 1991, cando o concello perdeu o 15% dos seus habitantes. Entre 2001 e 2007 o concello perdeu o 0,24% da poboación Consecuencia desta dinámica demográfica, a estrutura da poboación coñeceu un progresivo avellentamento, de xeito que os maiores de 65 anos (27,3%) superaban en número aos menores de 20 anos (14,7%); o grupo máis numeroso é o das idades intermedias: 58%. O saldo vexetativo negativo (-9‰ en 2006) é froito dunha natalidade moi escasa (5,4‰) e dunha mortalidade elevada (14,4‰). As mulleres predominan en número (51,24%) sobre os varóns como consecuencia da súa maior esperanza de vida. A poboación aséntase fundamentalmente nos vales dos tres ríos principais. O poboamento está diseminado en multitude de pequenos núcleos, a excepción das parroquias das Neves, Tortoreos e Vide, que contan con maior volume demográfico, aínda que só a primeira ten certos trazos urbanos.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello das Neves é do 40,4% (57,8% a masculina e 25% a feminina); a taxa de ocupación é do 31,6% (47,8% a masculina e 17,2% a feminina) e a taxa de paro é do 21,8% (17,2% a masculina e 31,2% a feminina). O concello das Neves ten unha economía bastante diversificada, en que todos os sectores económicos contribúen de xeito notable á estrutura produtiva. A agricultura está bastante orientada ao mercado e especializada en cultivos de alto valor, como os viñedos e a horticultura, en moitas ocasións en invernadoiros. O 5,5% da poboación activa dedícase ao sector primario. O viñedo é moi rentable e pertence á denominación de orixe Rías Baixas, dentro da subzona do Condado. A gandaría non posúe excesiva significación, pero si a explotación forestal, que conta con terreos moi aptos para o desenvolvemento de especies de repoboación (eucaliptos e piñeiros), que ocupan o 60 % da superficie. A agricultura a tempo parcial é bastante practicada entre os traballadores non agrarios, e serve de complemento á renda familiar. A industria, pola súa banda, ocupa ao 22 % dos activos e aproveita os recursos endóxenos, dos que destacan serradoiros, industrias de materiais de construción, que se nutren de materia prima nos áridos procedentes das ribeiras do Miño; e as de curtidos. Tamén existen desprazamentos para traballar nos concellos industriais do contorno, especialmente cara ao Porriño. A actividade da construción, 22% dos activos, nútrese basicamente da demanda local de novas vivendas, e presenta unha estrutura empresarial moi atomizada. Finalmente, o sector servizos é o de maior significación, cun 50,4% da poboación activa, e está destinado a cubrir as necesidades da poboación municipal. Sobresaen o comercio, os servizos sociais, a Administración Pública e a hostalaría. As principais vías de comunicación son a PO-400, Tui-Ourense, que discorre paralela ao Miño e enlaza o concello con Ponteareas; e a Autovía das Rías Baixas, A-52, que atravesa o extremo N do concello de O a L. O ferrocarril Ourense-Vigo tamén circula polas Neves, que conta cunha estación na capital do concello.
Historia
A fertilidade das terras e a benignidade climática das Neves, fixo que o territorio fose moi apreciado para o asentamento humano desde épocas remotas. Os instrumentos líticos acheulenses atopados nas ribeiras do Miño en Taboexa, Tortoreos e Vide así o testemuñan. Da cultura megalítica quedaron as mámoas de Liñares e As Neves. Existen tamén varias estacións de gravados rupestres ou petroglifos en Taboexa, Vide, Batalláns e Rubiós, que se poden encadrar dentro da Idade do Bronce. A importancia que acadou nestas terras a cultura castrexa (ss VII a C-II) reflíctese en exemplos como o castro de Altamira, en Taboexa, moi romanizado e onde se atoparon interesantes bronces; ou os de Batalláns, Rocha, Castro e Castelo, en Rubiós. A romanización tamén deixou a súa pegada e destacan o rego de Vide e os pescos de lamprea do Miño. Durante a Idade Media e Moderna a historia local estivo marcada polas disputas entre españois e portugueses polo control deste territorio fronteirizo e polas incursións de Pedro Madruga. Durante o Antigo Réxime o territorio permaneceu dividido entre as xurisdicións de Sobroso, señorío do marqués de Sobroso; e Salvaterra, señorío do conde de Salvaterra, compartido en Liñares con Francisco Giráldez e Juan Troncoso, e en Rubiós e Totoreos co bispo e o cabido de Tui. Coa formación dos primeiros concellos en 1813 creouse o de Salvaterra, pertencente ao partido xudicial de Tui. Despois da abolición do sistema municipal en 1823, creouse o concello de Setados (1835), poboación que foi capital ata 1940. En 1905 o concello tomou o nome actual.
Patrimonio cultural
Segundo a tradición, en 1667 apareceulle a Virxe a un pastor nun día de neve (de aí o nome do concello) e erixiuse no lugar a igrexa parroquial de Santa María das Neves, de estilo barroco. Destacan tamén as igrexas románicas de Ribarteme, Vide e Taboexa. Da arquitectura de pazos son bos exemplos o pazo da Mercede en Tortoreos e a Casa de Barros en San Cibrán de Ribarteme. Do seu patrimonio natural destaca o espazo do Baixo Miño, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Das súas festas destacan a patronal en honor á Virxe das Neves, a da Virxe da Asunción en Vide e a de San Bertomeu en Taboexa. Sobresae a romaría de Santa Marta de Ribarteme, de longa tradición e forte arraigamento popular, onde os romeiros ofrecidos van dentro dun ataúde entonando unha cantiga á santa.

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Condado, O
Extensión 65 Km2
Poboación Total 4467 h
Poboación Homes 2178 h
Poboación Mulleres 2289 h
Densidade de poboación 68.72 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias