nitrato
(
-
s
m
[QUÍM]
Calquera sal ou éster do ácido nítrico. Os sales, de fórmula M<H>I</H>NO 3 , obtéñense por reacción do ácido nítrico cun metal, un hidróxido ou un carbonato. Utilízanse como fertilizantes e, polo feito de seren bos axentes oxidantes a temperaturas elevadas, como compoñentes de explosivos. Os nitratos de alquilo, de fórmula R-ONO 2 , obtidos por reacción dun alcohol con ácido nítrico, empréganse como explosivos. A súa importancia económica deriva esencialmente do emprego como fertilizante en agricultura. De feito, a nitrificación das terras de cultivo, en particular nos casos de cultivo intensivo, é básica para a obtención de importantes incrementos de produtividade e, aínda máis, se son terras pobres en materias orgánicas. Os nitratos máis empregados son os de sodio -sexa natural ou sintético- o de potasio (salitre) e o de amonio, que se obtén por síntese a partir do ácido nítrico. En estado natural existen grandes xacementos de nitratos de sodio e de potasio en Chile e hai xacementos menores en Venezuela, Perú, Bolivia, EE UU, Exipto, India e na antiga URSS; dun xeito máis disperso, o nitrato potásico forma parte tamén dalgúns solos na Península Ibérica, en Italia, Turquestán e Irán.
-
nitrato de Chile
[QUÍM]
Nitrato de sodio natural.
Sinónimos: nitratina.