Níxer

Níxer
Nome científico: [nome oficial fr: République du Niger]

Estado de África occidental, situado entre Alxeria e Libia ao N, Chad ao L, Nixeria e Benin ao S e Burkina Faso e Mali ao O (1.186.408 km2; 11.030.000 h [estim 2001]). A súa capital é Niamey.
Xeografía física
Presenta dous sectores ben diferenciados: a rexión sahariana, que está formada por amplos altiplanos, en cuxo centro se ergue o macizo volcánico de Aïr (Monte Gréboun, 1.944 m), que está envolto por unha chaira cuberta de dunas ou ergs, denominada Ténéré. No S, a segunda rexión esténdese desde a conca do río Níxer ata a do lago Chad, e corresponde á zona de transición entre o deserto sahariano e a chaira africana. O clima é desértico ao N, cun forte contraste entre as elevadas temperaturas diúrnas e as medias nocturnas. As precipitacións son escasas e moi esporádicas. As correntes fluviais son escasas, a excepción do río Níxer que ten bosque na súa beira. A vexetación é desértica e sahariana nunha gran parte do país e, ao S, pasa progresivamente a semideserto, a espiñeirais e a sabana seca.
Xeografía económica e humana
Níxer é un país basicamente agrícola, en que destacan os cultivos de millo, sorgo, dátiles, cacahuetes, arroz, patacas, algodón, tabaco e cana de azucre. A gandaría, que é bovina, caprina e porcina, é a fonte de riqueza principal, aínda que o nomadismo prexudica a agricultura. A recuperación dos produtos gandeiros, na década de 1980, compensou as malas colleitas de cereais. Ten importantes xacementos de uranio, xuntamente con outros de carbón, estaño, sal, ferro, fosfatos e petróleo. A enerxía é insuficiente e a electricidade é fornecida por unha central térmica. Da industria, que é moi precaria, destacan o vidro, os ladrillos, o cemento, a cana de azucre, a carne, os tecidos de algodón, a fabricación de aceite de cacahuete e de semente de algodón, os xabóns, o coiro e a pel, e as bebidas alcohólicas. O comercio ten grandes dificultades por causa do afastamento da costa e da carencia de boas comunicacións. En Niamey está o aeroporto principal e o primeiro porto. Importa téxtiles, produtos alimentarios, automóbiles, produtos químicos e carburantes, e exporta uranio, bóvidos, estaño e hortalizas. O seu nivel de vida supera ao dos países veciños do L e do O, pero é inferior ao dos veciños do golfo de Guinea e, sobre todo, aos do Mediterráneo. É un país pouco poboado, cunha poboación que está distribuída de xeito desigual. A súa capital, Niamey, é o único núcleo industrial, e só os núcleos Zinder, Maradi e Tahoua superan os 30.000 h.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
O maior grupo étnico é o dos hausa que representa o 52,8% da poboación. Outros grupos importantes son os djema (14,7%), os fulbe (10,4%), os kanuri (8,7%), os songhai (8,1%) e tuaregs (3%). A lingua oficial é o francés aínda que tamén se fala o tuareg, o hausa, o kanurie e outras linguas minoritarias. O 88,7% da poboación é musulmá sunnita (88,7%), mentres que o 11% practican relixións tradicionais animistas. A educación é obrigatoria e gratuíta entre os 7 e 15 anos. No curso 1998-1999 estaban inscritos en escolas de formación profesional e maxisterio uns 2.400 individuos. A educación universitaria impártese na Université de Niamey.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Níxer entre os países cun desenvolvemento baixo (ocupa o 161º posto cun índice de 0,274). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 42 anos para os homes e 41 anos para as mulleres, o índice de alfabetización de adultos é do 15,9% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 16%, e o PNB por habitante é de 190 $.
Goberno e política
Antiga colonia francesa independente desde o 3 de agosto de 1960. Segundo a Constitución do 12 de xaneiro de 1993, revisada o 21 de maio de 1996, a forma de goberno é unha república de tipo presidencialista. O poder executivo correspóndelle ao presidente da república, que tamén é o xefe do goberno, que é elixido por sufraxio universal para un período de 7 anos. O poder lexislativo reside nun órgano unicameral denominado Assemblée Nationale que está formada por 83 membros, que son elixidos por un sistema de representación proporcional para un período de 5 anos. O sistema xudicial baséase na lexislación francesa e no dereito consuetudinario, e non acepta a xurisdición da Corte Internacional de Xustiza. As principias forzas políticas son o Mouvement National de la Societé de Développement (MNSD), o centrista Convention Démocratique et Sociale (CDS), o socialdemócrata Parti Nigerien pour la Democratie et le Socialisme (PNDS), Rassemblement pour la Démocratie et le Progrès (RDP) e Alliance Nigérienne pour la Démocratie et le Progrès (ANDP). Forma parte das seguintes organizacións internacionais: Comunidade Económica dos Estados de África do Oeste, Organización da Conferencia Islámica (OCI), ONU, Organización da Unidade Africana (OUA) e está asociado á UE.
Historia

A loita dos pobos pola hexemonía do territorio e a colonización europea
Habitado por pobos neolíticos en contacto cos romanos, nos ss X-XI xurdiron diversos reinos hausa que foron islamizados no s XV. No alto Níxer o pobo songhai formou un gran reino no s XV, que foi destruído no s XVI polos marroquís, e formaron diversos reinos tuaregs, mentres que os hausas do NL crearon o Reino Gover no s XVIII. Entre 1804 e 1810 tribos fulbes infiltradas no territorio hausa derrotaron os hausas e fundaron o Reino de Sokoto. A colonización europea, capitaneada por Francia e Reino Unido, instalou no territorio explotacións de diversa índole. Entre 1890 e 1904 as fronteiras foron precisadas e Francia ocupou unha gran parte da zona, e partiu os hausas en dous países. Níxer formou parte de África Occidental Francesa (1922), con capital en Niamey desde 1926. Acadou a autonomía en 1946 e en 1958 pasou a formar parte da Comunidade Francesa.
A independencia, o golpe de estado de 1974 e a reforma constitucional
Proclamouse independente en 1960, e elixiron a Hamani Diori como primeiro presidente, quen instaurou un réxime prooccidental, conservador e tribal. En 1974 un golpe de estado destituíu a H. Diori e instaurouse un réxime militar que suspendeu a constitución e prohibiu toda a actividade dos partidos políticos. O réxime de Seyni Kountché, cara a 1980, iniciou unha liberación moderada. En 1987 aprobouse por referendo unha carta nacional, que anunciou a reforma constitucional. Despois da súbita morte de Kountché, o coronel Alí Saïbou ocupou o cargo de xefe de estado, decretou unha amnistía e aumentou a presenza de militares no goberno. Foi elixido presidente do Conseil Superieur d´Orientación Nationale (CSON), órgano director do partido único, Mouvement National de la Societé de Développement (MNSD), e accedeu en decembro de 1989 á presidencia da República para un prazo de sete anos.
A nova constitución e o golpe de estado de 1996
Unha folga xeral convocada pola Unión de Sindicatos de Traballadores de Níxer contra as medidas económicas gobernamentais e a favor da instauración do multipartidismo obrigou a Saïbou, en novembro de 1990, a prometer a revisión da constitución e a legalización dos partidos políticos. En 1992 aprobouse, mediante referendo, unha nova constitución pluripartidista, que se suspendeu en 1996 por un golpe de estado militar encabezado por Ibrahim Baré Maïnassara, e que puña fin ao mandato de Mahamame Ousmane. Maïnassara convocou eleccións en xullo e mantívose no poder, a pesar das acusacións por parte dos partidos de Ousmane, pola falta de transparencia no proceso electoral. En 1999 acadou a presidencia Mamadou Tordja e o soberano Hama Amadu, os dous do MNSD. En 2000 materializouse o desarme e reanudouse a cooperación internacional. A crise financeira e alimentaria provocou conflitos sociais e políticos. En 2001 Hama Amadu foi reelixido xefe do goberno e en 2002 unha rebelión militar en Diffa estendeuse a Niamey e foi sufocada por militares leais á república.