Nixeria

Nixeria
Nome científico: [nome oficial ingl: Federal Republic of Nigeria]

Estado de África occidental que limita ao O con Benin, ao NO e ao N con Níxer, ao NL con Chad, ao L con Camerún e ao S coa ampla fachada do golfo de Guinea (923.768 km2; 114.628.000 h [estim 2001]). A súa capital é Abuja.
Xeografía
O seu relevo presenta dous sectores ben diferenciados: unha gran chaira costeira, cunha altitude de 76 m, que é unha rexión formada por grandes outeiros graníticos (limitada polos ríos Níxer e Benue, ao N); e unha rexión de altiplanos, de 600 a 700 m de altitude. O clima é cálido e húmido, e a pluviosidade é moi abundante na costa. Cara ao N, onde o clima é menos chuvioso, a paisaxe toma o carácter de sabana húmida con bosque en galería e, despois, de sabana seca e, finalmente, espiñeiral. A agricultura produce arroz, legumes, mandioca, sorgo, millo, trigo, patacas, patacas doces, tomates, plátanos e plantas oleaxinosas, ademais de cana de azucre, tabaco, pemento de Guinea, xenxibre, cacahuetes, cacao e palma aceiteira. A gandaría é importante. O rápido crecemento do bosque ecuatorial explica que Nixeria sexa o oitavo produtor mundial de madeira e o noveno produtor de caucho. Da pesca, que é importante e artesanal, destaca a de auga doce no lago Chad e nos ríos. A minaría produce carbón, estaño, petróleo, gas natural, ferro, chumbo, cinc, uranio, ouro e fosfatos. A industria está moi diversificada, e destacan a elaboración de alimentos, a montaxe de automóbiles, o cemento, o tabaco, o téxtil, a cervexa, o aluminio e a refinaría de petróleo. Os ríos Níxer e Benue son navegables, estacionalmente, nos cursos medio e baixo, e os seus portos principais son Lagos e Port Harcourt. Nixeria é o país máis poboado de África, cun índice de crecemento anual elevado (2,5% en 1991-2001), consecuencia dunha natalidade moi alta. Pese á escasa urbanización do país, existen grandes núcleos urbanos, dos que destacan Lagos, Ibadan, Ogbomosho, Kano e Oshogbo.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
O maior grupo étnico é o dos hausa e o dos yoruba, que representan o 21% da poboación cada un, aínda que tamén destacan os igbo (18%), os fulbe (11%), os ibibio (5,6%), os kanuri (4,2%) e os edos (3,4%). O 43,1% da poboación é musulmá, o 19% practican relixións tradicionais animistas, e tamén hai protestantes (14,9%), católicos (8,2%), diferentes cristiáns (6,7%) e anglicanos (5,1%). A lingua oficial é o inglés aínda que tamén se fala o edo, o fulbe, o kanuri o hausa e outras linguas minoritarias. A educación é obrigatoria e gratuíta e na década de 1990 existían 31 universidades.
Desenvolvemento humano
O índice de Desenvolvemento Humano sitúa a Nixeria entre os países cun desenvolvemento baixo (ocupa o 136º posto cun índice de 0,455). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 51 anos para os homes e 52 anos para as mulleres, o índice de alfabetización de adultos é do 63,9% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 45%, e o PNB por habitante é de 260 $.
Goberno e política
Antiga colonia británica independizouse o 1 de outubro de 1960. Formou unha república federal que está formada por estados dotados dunha forte autonomía. Segundo a Constitución de 1979, o presidente é elixido mediante sufraxio universal para un período de 4 anos. O poder lexislativo reside no Parliament, que está formado por dúas cámaras: a House of Representatives, con 360 membros, e o Senate, que está formado por 109 membros; ambas as dúas son elixidas para un período de 4 anos. O sistema xudicial baséase na common law británica, na lei islámica e en leis tribais. Está en vigor a pena de morte. As principais forzas políticas son: o centrista People’s Democratic Party (PDP), o conservador All Nigeria People’s Party (ANPP) e o progresista Alliance for Democracy (AD). Forma parte das seguintes organizacións internacionais: Comunidade Económica dos Estados de África do Oeste, Commonwealth, Organización da Conferencia Islámica (OCI), Organización da Unidade Africana (OUA), Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP), ONU e está asociado á UE.
Historia
Na época precolonial a costa estaba dividida por diversas tribos, especialmente por yorubas. Na zona central xurdiu a cultura de Noir e no N establecéronse os hausas, que foron islamizados no s XV. O pobo fulbe desprazou e derrotou os hausa (1802-1808) e fundaron o Reino de Sokoto. Na costa, os traficantes de escravos europeos comerciaban coas tribos negras desde o s XV. Os ingleses Dixon Denham e Hugh Clapperton, entre outros, visitaron o interior do país en 1823 e 1825, e máis tarde Londres abriu unha factoría en Bioko. En 1861 estableceuse o protectorado de Lagos. As constitucións de 1947, 1952 e 1954 instauraron un sistema federal e autónomo. En 1960 proclamouse a independencia e en 1963 converteuse en república. O predominio das rexións musulmás do norte provocou a Revolta dos Ibos en 1966 e a escisión de Biafra en 1967. En 1975 un golpe de estado restituíu o poder dos militares musulmáns hausas e converteu en home forte do réxime ao xeneral Ramat Mu ḥ ammad, que morreu en 1976 durante un intento fracasado de golpe de estado. Foi sucedido polo xeneral Olusegun Obasanjo, que puxo fin ao estado de emerxencia e proclamou unha nova constitución en 1978. En 1979 celebráronse eleccións xerais e presidenciais, e gañou o National Party of Nigeria, de centrodereita, cuxo líder, Alhaji Sheshu Shagari, foi elixido presidente. A pesar de ser reelixido no cargo en 1983, foi deposto por un golpe de estado que disolveu a Asemblea Nacional e prohibiu os partidos políticos. Outro golpe de estado en 1985, protagonizado polo xeneral Ibrahim Gbadsi Babangida, estableceu unha nova administración militar e iniciou unha certa liberación do réxime. En 1987 o xeneral Babangida anunciou unha futura transferencia de poderes a un goberno civil e un programa para a celebración de futuras eleccións en que foi confirmado no poder. O 22 de abril de 1990 o comandante Gedeon Orkar levou a cabo un golpe de estado que fracasou. Despois dunha primeira reacción do goberno militar ao golpe de estado, manifestada cun control máis estrito dos medios de comunicación, a finais de agosto de 1990 un civil ocupou a vicepresidencia. O 12 de xuño de 1993 tiveron lugar unhas eleccións presidenciais, que foron anuladas días máis tarde e, en novembro do mesmo ano, o ministro de defensa, Sani Abacha, comandou un golpe de estado militar, disolveu as dúas cámaras parlamentarias, prohibiu os partidos políticos e instaurou un Consello de Goberno Provisional, presidido por el mesmo como xefe de estado. Desde 1994, a pesar das presións internacionais e das mobilizacións populares, Abacha continuou cunha política represiva e de violación dos dereitos humanos. Nixeria foi expulsada temporalmente da Commonwealth, aínda que seguiu exportando hidrocarburos e gozando de certa estabilidade económica. En 1996 o ditador militar estableceu un plan para devolverlles o poder aos civís en 1998, refusado pola oposición, que estaba agrupada na National Democratic Coalition (NADECO). En 1999 o ex-presidente Olusegun Obasanjo obtivo a maioría nas eleccións presidenciais e en 2003 foi reelixido en medio de acusacións de fraude electoral.