Nogais, As

Nogais, As


Concello que pertence á comarca dos Ancares, situado no L da provincia de Lugo e da Comunidade Autónoma de Galicia (8 42° 49’ latitude N e 7° 08’ lonxitude O). Limita ao N cos concellos de Becerreá e Cervantes (os dous da comarca dos Ancares), ao S con Pedrafita do Cebreiro (comarca dos Ancares), ao L novamente con Cervantes, e ao O con Triacastela (comarca de Sarria). Abrangue unha superficie de 110,3 km 2 en que acolle unha poboación de 1.421 h (2007), distribuídos nas parroquias da Alence, Doncos, Noceda, As Nogais, Nullán, Quintá, Santo André, Torés e Vilaicente. A súa capital é o núcleo das Nogais localizado a 53 km da capital provincial. Está adscrito á diocese de Lugo e ao partido xudicial de Becerreá.
Xeografía física
As Nogais, como concello situado na serra dos Ancares, presenta un relevo moi accidentado, con sucesión de cumios e profundos vales. Os materiais que compoñen o substrato xeolóxico son moi antigos, compostos de xistos e lousas, e algunhas bandas calcarias. As áreas de menor altitude (600-800 m) correspóndense co val do Navia e os seus afluentes, situado no N do concello, mentres que na parte S, L e O se alzan os contrafortes da serra do Rañadoiro e Piornal, que culminan a 1.300 m de altitude. A configuración actual do relevo é consecuencia da oroxenia alpina, que rexuveneceu cumios, e fixo posible un xogo de bloques elevados e afundidos. A incisión fluvial e o glaciarismo modelárono recentemente. O clima característico de toda a zona dos Ancares é o oceánico con matices de montaña. As temperaturas medias anuais son frescas (9°-10°C), con invernos fríos (2-3°C), sobre todo nas áreas elevadas, e temperaturas moderadas no verán (16°-17°C). As precipitacións son moi elevadas (1.500-2.000 mm), en forma de neve no inverno, e as xeadas son abondosas. O río Navia impón un certo microclima na zona central do concello, que suaviza as temperaturas e fai descender as precipitacións. A rede hidrográfica articúlase ao redor do río Navia que atravesa o concello cunha dirección SL-NO, ademais dos ríos Valedeparada e Refuxiados que teñen esta mesma dirección seguindo as liñas xerais do relevo. A vexetación é típica dun espazo de montaña onde é patente o graduamento altitudinal das masas vexetais. Atópanse prados e vexetación ripícola nos fondos dos vales; carballos, castiñeiros e faias a media ladeira, e bidueiros, formacións arbustivas e prados de montaña nas zonas máis altas.
Xeografía humana
As Nogais sufriu un forte descenso demográfico ao longo do s XX como consecuencia do éxodo rural. Durante todo o s XX, o declive foi paulatino, desde o máximo de 1910 (5.072 h) ata os 1.552 h de 2001 e os 1.421 h de 2007.Todas as parroquias sufriron un éxodo masivo, a excepción da capital, que se mantivo arredor dos 300-350 h, polo que se considerou como un pequeno núcleo de recepción de habitantes a nivel municipal. O resto do concello configúrase como un espazo rural de montaña, con aldeas pequenas e concentradas, situadas na maior parte nas abas das montañas dos Ancares. O crecemento natural (2006) é negativo (-3,8‰) froito dunha baixa natalidade (3,8‰) e unha alta natalidade (18‰). O avellentamento da poboación é característico de toda a zona da montaña oriental, xa que perdura a emigración a outras áreas máis dinámicas e móstrase na estrutura por idades: o 11,4% é menor de 20 anos fronte ao 35,6% de maiores de 65 anos e o 53% do grupo intermedio. Por sexos dominan os homes, 51,65% fronte ao 48,34% de mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello das Nogais é do 45,9% (51,9% a masculina e 39,5% a feminina); a taxa de ocupación é do 37,6% (44% a masculina e 30,6% a feminina) e a taxa de paro é do 18,2% (15,1% a masculina e 22,6% a feminina). As actividades relacionadas co campo e a explotación forestal dan traballo ao 40,8% da poboación activa. O número de explotacións agrarias é relativamente baixo (390), especialmente nas áreas de maior pendente, onde a agricultura é practicamente imposible. Existe unha especialización crecente na gandaría cárnica. A explotación forestal aproveita a gran masa arborizada do concello (1.721 ha), formada por especies autóctonas como o carballo, o cerquiño e a aciñeira, en áreas calcarias, aínda que están penetrando perigosamente as especies de repoboación. A industria é moi escasa, e dá emprego ao 6,8% da poboación activa, con pequenas canteiras de calcarias e empresas madeireiras de moi escaso número de empregados. A construción representa o 13,5%. Os servizos, que aglutinan ao 38,9% dos activos, creceron nos últimos anos, en especial no ámbito dos transportes, xa que o paso da A-6 foi bastante beneficioso para o concello; o mesmo sucedeu coa hostalaría, beneficiada pola creación de restaurantes e hoteis ás beiras da N-VI. As principais vías de comunicación son a autovía A-6 (A Coruña-Madrid) e a N-VI.
Historia
Os primeiros datos de ocupación humana son os asentamentos castrexos de Vilabol (Quintá), Vilaesteva (Torés) e Quintá. Os romanos explotaron os recursos auríferos polo que houbo un asentamento no lugar, e puido ser que se situase aquí a mansión romana de Ponte Naviae. O territorio creceu en base ao tránsito motivado pola calzada que unía Braga con Astorga. Posteriormente tamén foi lugar de paso do Camiño Real a Castela. No s XV erixiuse a torre de Doncos, que lle deu nome ao concello durante o Antigo Réxime, período en que se constituíron as xurisdicións de Doncos, señorío do duque de Veraguas e do marqués de Parga, e de Torés, señorío do conde de Amarante, ademais do couto redondo de Noceda, señorío de Pedro Luis de Ulloa. Coa creación dos primeiros municipios creáronse os concellos de Doncos e Noceda. Despois da derrogación do sistema municipal en 1823, a nova organización territorial de 1835 formou o concello de Doncos que cambiou o nome polo das Nogais ao redor de 1845, dentro do partido xudicial de Becerreá. Durante a Guerra da Independencia, os habitantes resistíron o avance das tropas francesas, que devastaron a torre de Doncos, ademais doutros lugares. Posteriormente, en 1835, os veciños formaron una partida de voluntarios para perseguir os carlistas.
Patrimonio cultural
Os vestixios arqueolóxicos máis destacados son a medorra de Cerredo en Vilavexe (Santo André) e a de Pena Furada. Destacan as igrexas parroquiais de Santo André (ss IX-XII-XVIII) con restos prerrománicos, así como a igrexa de Santa María Madalena (s XIX) na capital municipal, que conserva retablos de épocas diversas, San Cosmede de Nullán, renacentista, e San Xoán de Torés (s XVII). Aínda perviven algunhas pallozas e hórreos con teito de palla. Na arquitectura civil aínda quedou en pé a torre Doncos (s XV) como resto do antigo castelo defensivo, a casa-pazo de Noceda, antiga fortaleza, a casa-pazo de Doncos ou Casa de su Excelencia (s XIX) e a fortaleza-castelo de Torés (s XV). Entre as súas festas relixiosas destacan a de Santiago Apóstolo o 25 de xullo en Doncos e entre as pagás a da exaltación do queixo e o botelo, na capital municipal, que tamén se estende aos concellos de Pedrafita e Triacastela e que se celebra normalmente un domingo da Coresma.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Ancares, Os
Extensión 110 Km2
Poboación Total 1421 h
Poboación Homes 734 h
Poboación Mulleres 687 h
Densidade de poboación 12.92 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias