Nogueira de Ramuín

Nogueira de Ramuín


Concello da comarca de Ourense, situado no N da provincia de Ourense e no centro da Comunidade Autónoma de Galicia (42° 24’ latitude N e 8° 44’ de lonxitude O). Limita ao N cos concellos de Pantón e Sober (comarca de Terra de Lemos), ao S con Xunqueira de Espadanedo (comarca de Allariz-Maceda), Esgos (comarca de Ourense) e O Pereiro de Aguiar (comarca de Ourense), ao L con Parada de Sil (comarca de Terra de Caldelas), e ao O novamente co Pereiro de Aguiar e A Peroxa (comarca de Ourense). Abrangue unha superficie de 98,3 km 2 c unha poboación de 2.475 h (2007), distribuídos nas parroquias de Armariz, A Carballeira, Cerreda, Faramontaos, Loña do Monte, Moura, Nogueira de Ramuín, San Miguel do Campo, Santa Cruz de Rubiacós, Santo Estevo de Ribas de Sil, Vilar de Cerreda e Viñoás. A súa capital é o núcleo de Luíntra, na parroquia de Nogueira de Ramuín, localizada a 16 km da capital provincial. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Ourense.
Xeografía física
O concello aséntase sobre un substrato moi antigo, en que domina o granito na súa parte central, mentres que as series de ollo de sapo predominan no NL e as cuarcitas e xistos no O. Desde o punto de vista topográfico, Nogueira de Ramuín está flanqueado por dous importantes vales; ao N, o estreito val do Sil e ao O, o val do Miño, que conflúen no N do concello no límite coa Peroxa. O resto do territorio está formado por unha superficie de aplanamento cunha altitude media de 600 a 800 m e unha aliñación montañosa no flanco sudoriental, paralela ao val do Sil, contraforte das serras centroorientais ourensás. As maiores altitudes acádanse nesta cadea montañosa (Cabeza de Meda, 1.320 m; e As Braceiras, 1.262 m). O concello está repartido entre os dominios climáticos oceánico mediterráneo e oceánico de transición. Localizado nun dos bordos da depresión de Ourense, as temperaturas son altas no verán e as precipitacións son relativamente baixas. A temperatura media anual é de 14°C, cunha media en xaneiro de 7°C, e 21,7°C en xullo. A amplitude térmica extrema chega aos 24,1°C. A precipitación anual media é de 772 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival. A rede hidrográfica está formada polo río Sil que forma o límite N e polo río Miño que forma o límite O, así como o Loña e os seus pequenos afluentes.
Xeografía humana
A evolución demográfica do concello de Nogueira de Ramuín pódese resumir nunha relativa estabilidade na primeira metade do s XX, que a partir da década de 1960 se converteu nunha perda continua de efectivos. A principios do s XX contaba con 7.881 h, que pasaron a ser 8.201 en 1950. Desde esa data ata 1970, a poboación descendeu moi lentamente, nunha época en que o éxodo rural foi moi forte. A atracción provocada por Ourense nesta época, e a proximidade do concello á cidade, fixo que o descenso a partir da década de 1970 fose masivo (3.133 h en 1981, 2.713 h en 1996, 2.531 h en 2001 e 2.475 h 2007). Nogueira de Ramuín caracterízase pola súa poboación rural, situada na chaira central, xa que as áreas de montaña e os vales do Miño e do Sil están máis despoboados. As aldeas son pequenas e concentradas, especialmente nas áreas máis elevadas. O crecemento natural (2006) é negativo (-16,8‰) froito dunha natalidade moi baixa (3‰) e unha mortalidade moi elevada (19,8‰). O avellentamento da poboación amósase na estrutura por idades: a poboación de menos de 20 anos representa só o 8,9% fronte ao 37% dos maiores de 65 anos; o grupo intermedio representa o 54,1%. Por sexos dominan lixeiramente as mulleres: 51,07% fronte ao 48,92% dos homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Nogueira de Ramuín é do 41,1% (53% a masculina e 30,5% a feminina); a taxa de ocupación é do 35,4% (47,6% a masculina e 24,4% a feminina) e a taxa de paro é do 14% (10,2% a masculina e 19,9% a feminina). As actividades agrarias pasaron a un segundo termo na estrutura produtiva local do concello. Só o 6,6% da poboación está empregada nas tarefas relacionadas co campo. As explotacións son moi pequenas e o número de parcelas é moi elevado. O cultivo da vide é a actividade máis salientable, especialmente nas ribeiras do Miño, aínda que as terras dedicadas a este cultivo son moi pequenas e fragmentadas e están en retroceso, ao igual que a gandaría vacúa. Nos últimos anos do s XX intensificouse a produción de castaña, que xa se comercializa. A construción acolle ao 23,1% do emprego; a industria é pouco salientable (14,8 % do emprego), se ben a maior parte dos habitantes do concello traballan en empresas da cidade de Ourense e dos concellos próximos. O mesmo sucede co sector terciario, en alza (55,5%), sobre todo no que ao comercio e aos servizos públicos se refire. A pesar de que Luíntra é un modesto núcleo, atrae fluxos internos, aínda que a poboación traballa, en gran medida, na cidade de Ourense. As principais vías de comunicación son a N-120 (Ourense-Monforte de Lemos) e a OU-546 (Ourense-Monforte de Lemos, por Pantón), que atravesan o concello de SO a NL.
Historia
Os restos arqueolóxicos máis antigos aparecidos nas terrazas dos ríos Miño e Sil son do Paleolítico. Os asentamentos castrexos permaneceron ata a romanización. Nogueira de Ramuín quedaba no límite do convento xurídico Lucense, divididos os territorios polo río Sil, e as súas terras foron atravesadas por varias rías romanas: a Bracara-Dactonium, na zona dos Peares (que se converteu nunha encrucillada de Camiños), en que se precisaba o emprego de barcas; a Nemetobriga-Praessidium-Peares, a través de San Estevo de Ribas de Sil e Vilar de Cerreda e outra, hipotética, procedente de Aquae Flavia Salientibus, que atravesaba San Pedro de Rocas e Luíntra. En 909 tivo lugar a construción do mosteiro beneditino de Santo Estevo de Ribas de Sil, froito da etapa de florecemento de construcións relixiosas que, desde a época de san Martiño de Dumio (s VI), tivo lugar en todo o territorio que se coñece co nome de Ribeira Sacra. Fránquila foi o seu primeiro abade coñecido, e a tradición asegura que o mosteiro foi refuxio de nove santos, de aí as nove mitras que aparecen representadas no seu brasón. Baixo o reinado de Afonso III anexionou o convento de San Pedro de Rocas e con Afonso IX confirmou os seus privilexios, de xeito que os abades do mosteiro gozaron da posesión da xurisdición civil de moitas vilas e lugares do arredor. Durante o Antigo Réxime, as parroquias de Nogueira de Ramuín distribuíronse entre as xurisdicións de Santo Estevo de Ribas de Sil, señorío do mosteiro homónimo, e do Pereiro de Aguiar, señorío do duque de Medina de Rioseco. Coa creación dos primeiros municipios formouse o concello de Ribas de Sil, que, coa división provincial de Galicia (1822), se inscribiu na nova provincia de Ourense, aínda que pertencendo ao partido xudicial de Maceda de Limia. En 1835, formase o concello de Nogueira de Ramuín, pertencente ao partido xudicial de Ourense. Foi tradicionalmente coñecida como a terra dos afiadores, pola gran cantidade de persoas que, neste concello, se dedicaron a este oficio.
Patrimonio cultural
As terras do concello conservaron vestixios arqueolóxicos como os do coñecido como castelo de Litoria, mencionado no ano 921, ou os da ermida de San Xoán de Cachón (918). Dentro da arquitectura relixiosa, xunto coa igrexa románica de San Martiño de Nogueira de Ramuín, sobresae o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, declarado BIC en 1923. Con respecto ás construcións civís, detacan os pazos da Seara e de Celeiros, na parroquia da Carballeira. Das súas festas destacan a de Santa Eulalia, en Luíntra (Nogueira de Ramuín), que se celebra o 10 de xullo; a de Santo Estevo, que se celebra xunto ao mosteiro de Ribas de Sil o 16 de agosto; a do Carpazal que se celebra o 7 de setembro; a da Virxe do Monte en Loña do Monte, o 15 de agosto; a da Virxe dos Remedios na Carballeira, que se celebra o 16 de setembro; e a da Virxe do Pilar, en Mundín (Santa Cruz de Rubiacós), o 12 de outubro.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Ourense
Extensión 98 Km2
Poboación Total 2475 h
Poboación Homes 1211 h
Poboación Mulleres 1264 h
Densidade de poboación 25.26 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias