Noia

Noia


Concello da comarca homónima, situado no O da provincia da Coruña e da Comunidade Autónoma de Galicia ( 42° 47’ de latitude N e 8° 52’ 45’’ de lonxitude O). Limita ao N cos concellos de Brión (comarca de Santiago), Negreira (comarca da Barcala) e Outes (comarca de Noia), ao S cos de Lousame (comarca de Noia) e Porto do Son (comarca de Noia), ao L co de Lousame (comarca de Noia) e ao O co de Outes (comarca de Noia) e a ría de Muros e Noia. Abrangue unha superficie de 37,2 km 2 cunha poboación de 14.808 h (2007), distribuídos entre as parroquias de Argalo, Barro, Boa, Noia, O Obre e Roo. A súa capital é a vila de Noia situada na parroquia homónima, localizada a 100 km da cidade da Coruña. Está adscrito á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Noia.
Xeografía física
Noia sitúase na parte interior da ría á que lle dá nome, nunha antiga fractura incidida pola rede fluvial e posteriormente ocupada polas augas mariñas. No extremo nororiental, formouse por debaixo dos 100 m de altitude, unha chaira litoral moi estreita, que se ensancha cara ao SO. Paralela a esta chaira, no SL do concello, atópanse os contrafortes da serra do Barbanza. Os ríos Tállara e Pesqueira, que discorren de S a N pola parte oriental do concello, forman tamén vales que acadan a chaira litoral, e deixan como interfluvios unha serie de superficies de aplanamento, que se sitúan entre os 200 e os 400 m de altitude. O clima encádrase dentro do oceánico típico, con temperaturas moi suaves (14°C), tanto no inverno (9°C) como no verán (18-19°C); en canto ás precipitacións, estas son abondosas (1.500-1.700 mm) por ser unha área aberta á penetración das masas húmidas do SO. Nas áreas máis elevadas, as precipitacións poden acadar valores superiores aos 2.000 mm. A rede hidrográfica está formada polo río Tambre, que forma parte do límite N do concello, ademais doutros pequenos ríos que desembocan na ría como o Pesqueira, o Tállara e o Vilaboa. A vexetación natural está fortemente modificada polo home. As extensións de piñeiros e eucaliptos son a vexetación dominante, aínda que existen algúns exemplares de autóctonos nas ribeiras dos ríos.
Xeografía humana
Noia mantivo unha dinámica demográfica positiva ao longo do s XX, con épocas de maior crecemento e outras de estancamento e recesión. A comezos do s XX era un dos concellos de maior poboación da provincia (9.791 h), e a súa capital era un núcleo de grande importancia (3.348 h). O crecemento posterior fíxolle acadar os 12.241 h en 1960, para converterse en 11.990 h en 1970. Este estancamento poboacional debense á emigración da poboación rural e á escasa capacidade da vila para absorber o éxodo proveniente do campo. A finais do s XX tivo un comportamento positivo na súa dinámica demográfica, aínda que tanto a cabeceira como o concello perderon importancia debido ao seu menor dinamismo. Deste xeito a poboación pasou dos 14.217 h en 2001 aos 14.808 h en 2007. A poboación rural do concello sitúase na costa e nas principais estradas. Trátase de aldeas grandes, moi difuminadas, onde se mesturan unha gran cantidade de usos (agrarios, residenciais, industriais). A vila de Noia é un destacado centro comercial que tiña unha poboación de 7.358 h en 2001. O crecemento vexetativo (2006) é negativo (-3‰) cunha taxa de natalidade do 7,9‰ e unha taxa de mortalidade do 10,9‰. A estrutura por idades mostra que os menores de 20 anos representan o 16,9% fronte aos maiores de 65 anos que son o19,6%; o grupo intermedio representa o 63,4% da poboación. Por sexos dominan as mulleres: 52,14% fronte ao 47,84% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Noia é do 46% (61,1% a masculina e 32,2% a feminina); a taxa de ocupación é do 41,2% (56,5% a masculina e 27,3% a feminina) e a taxa de paro é do 10,4% (7,6% a masculina e 15,3% a feminina). Ao ser concello litoral e cabeceira comarcal presenta unha estrutura poboacional por sectores de actividade totalmente terciarizada, xa que as actividades agrarias e pesqueiras teñen moita menos importancia ca no pasado. A agricultura e a gandaría ocupan ao 1,6% dos activos, practicada en gran medida a tempo parcial. A pesca, co 14,1% da man de obra, ten máis importancia, aínda que está en decadencia, e o marisqueo é unha das actividades máis salientables dentro do sector. Extráense fundamentalmente berberechos, mexillóns e ameixas, algunas a pé e outras en batea. O sector secundario está repartido entre a construción, que ocupa a un 13,9%, e a industria co 12,2%. Non existen grandes empresas no concello, aínda que si son importantes as relacionadas coa madeira, os transformados metálicos e a automoción. O sector máis importante é o terciario, que dá emprego a máis da metade da poboación (58,2%). Noia é un importante centro comercial, onde se sitúan a maior parte dos servizos da comarca. O comercio emprega un tercio do sector servizos, e son importantes tamén os empregos no sector público, xa que Noia é cabeza de partido xudicial, ten instituto de bacharelato, centro médico e un pequeno hospital comarcal, de aí a importancia como centro sanitario. A hostalaría ten gran dinamismo sobre todo nos meses de verán, así como nas fins de semana, xa que é un centro turístico e de ocio. As principais vías de comuniación son a AC-543 (Santiago de Compostela-Noia) e a AC-550 que bordea toda a costa occidental galega e a local Noia-Boiro.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos atopados no concello pertencen ao Paleolítico, entre outros, diversos útiles de pedra encontrados na praia de Testal. Do Megalitismo consérvase a mámoa de Argalo coñecida como a cova da Moura, onde foron atopadas puntas de frecha, machados pulimentados e fragmentos de cerámica campaniforme. De época castrexa destacan os castros de San Lois (Argalo), a Croa do Castro (Roo) e o castro de Sobreviñas (Argalo). Os primeiros testemuños escritos sobre a área proceden de fontes clásicas: Pomponio Mela fala da tribo dos praestamarcos que habitaban o val do Tambre, e Plinio, do oppidum de Noega, topónimo que moitos investigadores identifican coa actual vila de Noia, aínda que se pensa que se trataba dun asentamento da parroquia de Barro. No Concilio de Lugo de 569 fálase xa da comarca de Noia e das localidades de Noela e Novium. No s X Ramiro II condeulle á igrexa compostelá os privilexios sobre as terras de Posmarcos, dentro das que se atopaba Noia, e en 1122, dona Urraca de Castela e León confirmoulle á mesma igrexa a doazón efectuada anos antes polo seu esposo. En 1168, Fernando II outorgou unha carta de poboación que permitía establecer un novo núcleo na terra de Santiago de Compostela, feito que se interpretou como a fundación de Noia, pero non foi así, xa que existía un antigo burgo (Noega) sobre o que se construíu o entramado medieval. A partir desta data, a vila evolucionou como unha das cidades máis destacadas da Galicia medieval, como porto de Santiago de Compostela e como núcleo urbano dinámico no Atlántico. No s XIV, era un núcleo tamén defensivo, que non se rendeu ante os ataques do duque de Lancaster, aspirante ao trono de Castela. En 1476 os Reis Católicos devolvérona ao arcebispo compostelán. Durante as Guerras Irmandiñas, no s XV, o castelo de Noia foi destruído, e reconstruíuno posteriormente o arcebispo compostelán tras a doazón dos Reis Católicos e do conde de Monterrei. Nos ss XVI e XVII estivo dominada por varios señores de orixe xenovesa a consecuencia da súa venda por parte do Rei Filipe II en 1585. En 1636 volveu a mans da igrexa compostelá, que a someteu ata fins do Antigo Réxime. Xa nos ss XVIII e XIX comezou a decaer pola perda de importancia do seu porto, por unha parte, e polo xurdimento doutros centros urbanos que lle facían a competencia no ámbito comercial e pesqueiro como Ribeira e Vilagarcía de Arousa, entre outros. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Noia pertenceron ás xurisdicións de Noia, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela; Toxos Outos, señorío do mosteiro de Sobrado dos Monxes, compartido co cabido de Santiago de Compostela e o marqués de Mos na parroquia de Barro. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio, concretada na aparición dos concellos de Noia, Argalo e Santa Cristina de Barro, todos eles pertencentes ao partido xudicial de Noia. A derrogación da Constitución por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. O municipalismo instaurouse definitivamente en 1835 coa creación do concello de Noia coas parroquias de Noia, O Obre, Argalo, Boa, Barro e Roo. Desde entón non se produciron variacións nos seus límites municipais.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, no ámbito da arquitectura relixiosa destacan, entre outras, as igrexas parroquiais románicas de Santa Cristina de Barro, Santa María de Argalo e Santa Mariña do Obre, e as igrexas góticas de Santa María a Nova de Noia (s XIV), declarada BIC xunto co cemiterio en 1973; e a igrexa de San Martiño de Noia, do s XV e declarada BIC en 1931. O conxunto do casco antigo foi declarado BIC en 1985 e nel destacan varias construcións. Da arquitectura defensiva destacaba o recinto amurallado declarado BIC en 1994, xa destruído, que rodeaba a vila ata mediados do s XVIII e encerraba unha gran fortificación, cun castelo e un entramado facilmente perceptible. Dentro da arquitectura civil, destacan o pazo municipal, do s XX, anexo ao antigo mosteiro de San Francisco, do s XIV, e do que aproveitou parte da súa construción; o pazo Dacosta, gótico do s XIV, así como o pazo arcebispal, onde pasaba os veráns a nobreza eclesiástica compostelá; as casas góticas da Xouva, o pazo do Forno do Rato e a casa do Rosa (s XIV); e os pazos de Pena de Ouro (s XX) e de Bergondo (s XVIII), ambos os dous no Obre. Da arquitectura popular sobresaen os cruceiros de Eiroa (s XIX) e os góticos do cemiterio de Santa María a Nova e da praza do Tapal, ademais da ponte Nafonso e a ponte de Traba. Do seu patrimonio natural destaca o espazo do Esteiro do Tambre, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que teñen lugar no concello destacan as de San Bertomeu en agosto e as de San Marcos en abril, dentro das que se celebra a Feira de Cabalos o día 25.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Noia
Extensión 37 Km2
Poboación Total 14808 h
Poboación Homes 7085 h
Poboación Mulleres 7723 h
Densidade de poboación 400.22 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias