nominativo -va

nominativo -va

(< lat nominatīvu)

  1. adx [ECON]

    Aplícase ao título, efecto comercial ou valor mobiliario en que consta o nome da persoa ou a entidade a favor da que son estendidos, en oposición a aqueles en que o posuidor é indeterminado.

  2. s m [LING]

    Caso que expresa a función gramatical do suxeito, nas linguas flexivas que teñen declinación, como o grego ou o latín. Tamén se denomina caso recto, por oposición aos outros da declinación, denominados oblicuos, que exercen outras funcións complementarias na oración. O nominativo latino, como, o resto dos casos desapareceu nas linguas romances debido a unha simplificación casual no acusativo e ao aumento progresivo do réxime preposicional. En galego perviven restos do caso nominativo nos antropónimos Marco < Marcŭs, Domingos < Dŏmĭnĭcŭs, Pilatos < Pīlatŭs, Xesús < Iesŭs, Carlos < Carolŭs; no substantivo deus > dĕus; nas formas do pronome persoal tónico eu < ĕgō, tu (dialectal) < tū, el < ĭlle, ela < ĭlla, < nōs, vós < vōs e no sistema dos demostrativos este, esta, isto < ĭste, ĭsta, ĭstŭd, ese, esa, iso < ĭpse, ĭpsa, ĭpsŭd e aquel, aquela, aquilo < *accu- ĭlle, *accu-ĭlla, *accu-ĭllŭd.

Palabras veciñas

nominal | nominalismo | nominalista | nominativo -va | nomisma | nomo | nomo-