Nórdica, Guerra
Conflito que enfrontou a Suecia cunha coalición formada por Dinamarca, Rusia, Saxonia e Polonia (1700-1721). Suecia tentaba controlar a totalidade das costas meridionais do Mar Báltico, polo que os demais países decidiron expulsalos delas. Federico IV de Dinamarca e Noruega atacou o Ducado de Gottorp, pero Carlos XII de Suecia desembarcou por sorpresa preto de Copenhaguen e impúxolle a Dinamarca a Paz de Travendal (1700), para derrotar a continuación os rusos en Narva (1700) e os saxopolacos preto de Rīga (1701). Desde ese intre a guerra dividiuse en dous conflitos separados (1701-1707). No O, Carlos XII ocupou toda Polonia (1702), mentres que no L, Pedro I de Rusia ocupou as provincias bálticas. Finalmente, o tsar derrotou os suecos en Poltava (xuño de 1709) e atacou os seus portos, mentres os daneses interviñan de novo na guerra. A morte do rei sueco en Frederikshald sinalou a fin do conflito, que rematou formalmente con diversos tratados (1719-1721) que constituíron a Segunda Paz Nórdica.