normando -da

normando -da

(< fr normand)

    1. adx

      Relativo ou pertencente a Normandie, aos seus habitantes ou á súa lingua.

    2. s

      Natural ou habitante de Normandie.

  1. [ETN/HIST]
    1. adx

      Relativo ou pertencente ao pobo normando ou á súa lingua.

    2. s

        Individuo do pobo normando.

    3. s m pl

      Grupo de pobos procedentes dos países escandinavos que se estenderon por toda Europa desde o s VIII, ao comezo en expedicións guerreiras periódicas e que sucesivamente se foron tornando sedentarios. Navegantes e aventureiros impulsados polo afán de riqueza e polo aumento de poboación, comezaron atacando as costas e subiron polos ríos cara ás terras interiores, saqueando e destruíndo poboacións e facendo asentamentos temporais. Dos diversos grupos étnicos da poboación normanda, os varegos, desde Suecia, entraron cara ao SL e foron o núcleo do futuro Imperio Ruso; os noruegueses encamiñáronse ao N de Escocia, fundaron un reino en Irlanda (820) e pasaron por Islandia e Groenlandia, ata América do Norte; os daneses, desde o Reino de Dinamarca, atacaron o Imperio Carolinxio e as terras anglosaxoas polo L. Rodearon a Península Ibérica loitando en Galicia cos cristiáns e en Portugal e Andalucía cos sarracenos, e chegaron a Provenza e á costa de l’Empordá. En Inglaterra ocuparon Canterbury e Londres (851). Despois de moitas loitas, o Rei Alfredo Magno cristianizounos e deixou que se establecesen ao N e ao L do seu reino, territorios que máis tarde foron recuperados. Carlos III de Francia, polo Tratado de Saint-Clair-sur-Epte (911), cedeu ao preboste Rollón un territorio, orixe do Ducado de Normandie. Os daneses foron asimilados polos francos, nos aspectos étnico, lingüístico e relixioso. De retorno de Terra Santa, uns peregrinos normandos quedaron en Italia ao servizo do duque de Nápoles, e este cedeu ao preboste Rainulfo Drengot a cidade de Aversa (1030), base do estado normando meridional, baixo a soberanía do emperador xermánico. Constituíu unha monarquía feudal que perdurou a pesar da oposición do emperador e uniu as diversas formas de cultura (grega, árabe e normanda). A monarquía debilitouse e o Emperador Federico I organizou a conquista de Sicilia, que levou a termo o seu fillo Enrique VI. Os anglosaxóns elixiron rei ao danés Canuto II de Dinamarca (Canuto I de Inglaterra, 1017-1035), que unificou os dominios escandinavos coa conquista de Noruega (1030). Á súa morte, os países separáronse e tornou a Inglaterra a dinastía saxoa. Os franceses, que cobizaban o Ducado de Normandie, invadírono durante o reinado de Filipe II de Francia (1204). Luís XI de Francia fixo a anexión definitiva á coroa francesa.
      Os normandos en Galicia
      A primeira incursión normanda contra Galicia produciuse en 844 no saqueo da Torre de Hércules (A Coruña). En 850, nun novo ataque, conquistaron e saquearon a sede de Iria Flavia, e atacaron Santiago de Compostela, pero o conde Pedro derrotounos. Durante o s X, o temor aos ataques dos normandos forzaron o traslado masivo da poboación e o abandono de diversas vilas costeiras á procura de seguridade no interior. En 968, venceron o bispo compostelán Sisnando e as súas tropas, e ocuparon boa parte do territorio galego ata que foron derrotados por un exército liderado por Gonzalo Sánchez. As incursións repetíronse en 1016, cando arrasaron Tui e capturaron o bispo. Despois cruzaron o río Miño e continuaron os seus ataques ata que foron derrotados por Afonso V. A mediados do s XI produciuse outra invasión normanda que foi rexeitada por Cresconio, bispo de Santiago de Compostela. A última das invasións recollida polas crónicas produciuse en 1108, nun lugar indeterminado da costa, pero non tivo consecuencias.

  2. s m [LING]

    ariedade da lingua de oïl. Estendido polo NO de Francia, na época da conquista normanda de Inglaterra (s XI) foi levada á illa, onde adoptou a denominación de anglonormando.

  3. arte normanda [HIST]

    Arte desenvolvida en Normandie e en Inglaterra nos ss XI e XII a consecuencia das invasións normandas do s X. Son características as igrexas con ábsidas de tipo beneditino, torres na fachada e unha lanterna de diferentes pisos no cruceiro, con grandes espazos interiores, arcadas nas naves, tribunas e triforios, arcos de medio punto e volta de aresta nas naves laterais. Destaca a cripta de Rouen (1063), Saint-Étienne (1077), Saint-Nicolas de Caen e a Trinité de Fécamp (1099). As decoracións foron de liñas xeométricas e motivos de forma fantástica ata a fin do s XII, cando por influencia do gótico desenvolvéronse figuras vivas e alongadas. As artes decorativas afirmáronse no s XII cos escritorios monacais. Os centros máis representativos foron Mont-Saint-Michel e Bayeux, e posteriormente Durham, en Inglaterra, onde se constituíu o estilo anglonormando, que estableceu os caracteres peculiares da arquitectura inglesa medieval.

  4. adx [GRÁF]

    Aplícase ao carácter tipográfico que pertence á familia do romano (romano moderno) e que se caracteriza por un gran contraste de grosor entre os trazos grosos e os finos.