Numidia
Antiga rexión situada na parte occidental do Norte de África e habitada polos númidas. Na época da Segunda Guerra Púnica, entre Mauritania e os dominios cartaxineses, organizáronse e constituíronse dous reinos presididos por Sifax, aliado dos cartaxineses, e Masinisa, fiel a Roma. No 201 a C, Masinisa conseguiu o dominio dos dous reinos, loitou contra os cartaxineses e provocou a Terceira Guerra Púnica. Á súa morte (148 a C), pasou o reino aos seus tres fillos, aínda que só gobernou Micipsa, o único supervivente. A este sucedérono os seus fillos, Aderbal e Hiempsal, e o seu sobriño Xugurta, que gobernaron conxuntamente. As desavinzas entre eles provocaron a intervención de Roma (Guerra de Xugurta) e, vencido Xuba I, fillo de Hiempsal, en Tapsos (46 a C), o reino converteuse en provincia romana co nome de África Nova.