1 o

1 o
  1. s m [ESCR]

    Décimo cuarta letra do alfabeto galego, denominada o.

  2. s m [FILOL/LING]

    Grafía que representa o fonema vocálico posterior ou velar medio aberto /ɔ/ ou medio pechado /o/. O fonema /ɔ/ presenta un único alófono [ɔ] e a súa realización máis ou menos aberta débese a hábitos de falantes individuais e non a razóns contextuais. O fonema /o/ tamén só presenta un alófono [o]. Estes dous fonemas en posición tónica poden establecer oposicións fonolóxicas en pares homógrafos (bóla ‘esfera’ /’bɔla/ vs bola ‘de pan’ /’bola/) e, en posición pretónica, o rendemento fonolóxico é escaso xa que hai poucas parellas que se opoñen polo grao de abertura (botar ‘dar botes’ /bɔ’tar/ vs botar ‘tirar’ /bo’tar/; cordeiro ‘corda’ /kɔr’deiro/ vs cordeiro ‘año’ /kor’deiro/); aínda así, en palabras derivadas consérvase de forma xeral a abertura da palabra base (boliña /bɔ’lia/). O timbre de /ɔ/ e /o/ tónicos pode verse afectado por diversos fenómenos vocálicos que fan que o timbre se peche ou se abra un grao, respectivamente. Dentro destes fenómenos cómpre destacar a metafonía nominal e a influencia de n que traba sílaba. A metafonía nominal maniféstase na influencia de -o en sílaba final sobre o /ɔ/ tónico que fai que peche un grao (novo /nɔbo/, con metafonía /nobo/) ou por influencia do -a en sílaba final que abre un grao o timbre do /o/ tónico (hora /ora/, con metafonía /ɔra/); esta influencia tamén se dá aínda que -o e -a non estean en posición final absoluta (novos, horas). Cómpre dicir que a metafonía só afecta a algúns substantivos e uns poucos adxectivos e que as palabras afectadas por ela non ocupan áreas idénticas; con todo, pódese dicir que, independentemente do territorio que abrangue, a metafonía é un fenómeno característico da parte occidental de Galicia. Unha consoante nasal que traba sílaba tónica tamén pode pechar un grao o timbre de /ɔ/, fenómeno que só afecta a substantivos e a algúns adxectivos (monte, fonte, ponte) e que se recolle en case todo o dominio lingüístico galego, agás nalgúns puntos do Courel e Pedrafita e no galego asturiano; no galego asturiano tamén se dá a abertura non etimolóxica de /o/ tónico (son /’sªɔŋ/. En posición postónica só se recolle o fonema /o/, xa que non se dá a oposición entre a abertura media aberta e abertura media pechada. O vocalismo átono, moito máis inestable ca o tónico, tamén sofre vacilacións, non sempre doadas de sistematizar. Nun rexistro oral, cómpre citar os fenómenos de harmonización vocálica en que unha vogal /i/, /u/ tónicas pechan un grao o /o/ (Coruña/*Curuña, sobriño/*subriño), ocorre un pechamento semellante cando os dous fonemas están en contacto formando parte dun ditongo decrecente /oi/ que pasa a /ui/ (coitelo/cuitelo). Diacronicamente o fonema vocálico /ɔ/ en posición tónica procede do Ŏ do latín clásico (forte < lat FŎRTE); pero tamén pode dar lugar a un [o]: por ir seguida dun iode ou unha consoante palatal (rolla < RŎTŬLA); pola presenza dunha nasal que traba sílaba (lonxe < LŎNGE, monte < MŎNTE); pola presenza dun iode etimolóxico que xa se perdeu na evolución lingüística (folla < FŎLĬA); pola nasalidade vocálica medieval que se produciu pola perda dun -N- intervocálico (boa < BŎNA); por metafonía do -Ŭ final latino, sobre todo no galego occidental, aínda que tamén é un fenómeno que presenta extensión xeográfica diferente e só afecta a substantivos (corpo < CŎRPŬ). O fonema vocálico /o/ en posición tónica pode proceder de Ŏ e Ŭ do latín clásico (amor < AMŌRE, forno < FURNŬ), pero en certos contextos, como a presenza dunha consoante nasal que traba sílaba, pola acción dun iode ou un Ī final, o timbre de [o] pode pechar un grao e converterse en [u] (unto < ŬNCTU, puño < PŬGNU, testemuño < TĔSTĬMŌNĬU, fun < FŬI); En certos contextos, o timbre de [o] tónico pode abrir un grao [ɔ]: pola acción metafónica de -a ; pola presenza das consoantes -l e -r que traban sílaba (torpe < TŬRPE) e de -z en posición final de palabra (voz < VŌCE); ou por crase cun -o final absoluto (< noo < NŌDU). En posición pretónica adoitan neutralizarse as vogais de grao medio en favor das pechadas, non obstante, nas palabras derivadas, como os diminutivos en -iño, manteñen a primitiva abertura etimolóxica da súa base lexical (boliña). O [o] átono inicial, en voces patrimoniais,  procede de Ō, Ŏ e Ŭ do latín clásico (chorar < PLŌRĀRE, folgar < FŎLLĬCĀRE, mondar < MŬNDĀRE). Esta vogal átona é relativamente inestable e tende a pechar en [u] (durmir < DŎRMĪRE). As vogais pretónicas internas e a postónica presentan tendencia á síncope. O [o] final provén de Ō, Ŏ e Ŭ finais latinos (amigo < AMĪCŬ, amo < AMŌ, somos < SŬMŬS).

Palabras veciñas

N’zerékoré | 1 ó | O | 1 o | O | O | O Facho, Agrupación Cultural