Oceanía
Continente que comprende Australia, Nova Guinea, Nova Zelanda e as illas de Melanesia, Polinesia e Micronesia (8.520.043 km2; 31.973.000 h [estim 2001]).
Xeografía física
Relevo
Estruturalmente, deixando á parte Australia, que é un pequeno continente, distínguense dúas grandes unidades: os arcos melanésico-celandeses e as pequenas illas do Pacífico. No primeiro caso, as illas forman arcos ben definidos que se erguen a carón das grandes fosas tectónicas oceánicas, que proceden de dobramentos oroxénicos recentes, cousa que deu lugar a numerosos movementos sísmicos e erupcións volcánicas. Entre as pequenas illas distínguense catro tipos. Por un lado, os arquipélagos, cos cumios emerxidos das cordilleiras volcánicas que forman o Círculo de Fogo do Pacífico, uns en actividade (en Samoa, Hawaii) e outros apagados. O segundo tipo é un volcán aplanado, dominando un lagoon periférico protexido por un arrecife barreira circular (como en Bora-Bora). O terceiro tipo é o atol, co lagoon central substituíndo o volcán afundido e envolto pola coroa periférica sementada de illas análogas ás dos arrecifes barreira. O cuarto tipo é o atol elevado, que emerxe un centenar de metros ou aínda máis, como en Makatea, Nauru, Ocean e illas Loyauté. Nalgúns casos, como as illas Cook, os escudos barreira eleváronse xunto co seu soporte volcánico.
Clima e bioxeografía
O clima desta extensa zona ten unha certa uniformidade grazas á situación intertropical da maioría das illas e á influencia do mar. O clima ecuatorial ou tropical é case uniforme durante todo o ano, con temperaturas altas e precipitacións abundantes e regulares. Hai un forte contraste entre as ladeiras montañosas, expostas aos alisios, e as de sotavento, que se reflicte nas precipitacións e na vexetación. Nas áreas húmidas predomina a selva, e nas secas, a sabana. A gran dispersión das terras fai que a flora sexa moi variada. Nas illas xeoloxicamente antigas a proporción de especies endémicas adoita estar comprendida entre o 50% e o 80%. Polo contrario, a flora dos atois máis novos é pobre. O reino bioxeográfico australiano, que se caracteriza pola súa riqueza en vexetais e animais arcaicos, comprende, sobre todo, Australia e Tasmania. Das 10.000 especies de vexetais superiores que hai, unhas 8.600 son endémicas. A vexetación inclúe desde selvas húmidas tropicais e temperadas ata desertos, como o de Australia. A vexetación antártica predomina nas terras frías de Nova Zelanda, principalmente na montaña, e nas illas máis meridionais. A flora do resto de Oceanía ten carácter paleotropical e adoita distinguirse en tres subreinos. O subreino indomalaio comprende a península de Malacca e desde Sumatra a Nova Guinea. A flora é moi rica (unhas 30.000 especies, das que 3.000 especies son de árbores); a selva, complexa e variada, foi danada en grandes superficies polo home; a vexetación de alta montaña aínda manifesta unha certa influencia eurasiática; e a denominada liña de Wallace, que pasa polos estreitos de Macasar e de Lombok, ten máis significación na xeografía dos animais superiores ca na dos vexetais. O subreino polinésico comprende, ademais das illas polinésicas, desde Hawaii ata Tubuai, as de Micronesia e de Melanesia oriental. Caraterízase polas selvas variadas e as paisaxes húmidas. No subreino neozelandés, na terra baixa, predomina aínda unha vexetación temperada húmida.
Xeografía económica
A economía é practicamente a mesma para toda a área subdesenvolvida, é dicir, excluíndo Australia e Nova Zelanda e, nalgúns aspectos, os territorios franceses e estadounidenses. Predomina a agricultura e a recolección de froita. Hai cultivos de cocos (a copra é o recurso máis importante), arroz, café, té, cacao, algodón, millo, cana de azucre, tabaco, bananas, taro, iñame e patacas. A pesca, destinada á alimentación, é unha actividade importante. Certas illas teñen uns recursos mineiros considerables, como níquel (en Nova Caledonia), fosfatos (en Kiribati e Nauru), cobalto (en Papua Nova Guinea), ouro, cromo e manganeso. Este territorio de illas pequenas e diseminadas non sería considerado a quinta parte do mundo se non estivese centrada nun continente -Australia- e en dúas illas grandes e tamén evolucionadas -Nova Zelanda-. Para facer unha valoración axeitada, non se pode esquecer que o continente australiano é desértico ou subdesértico en boa parte e que a poboación de Oceanía é o 0,5% da mundial. A participación de Oceanía na produción mundial de cereais pasou do 1,3% en 1975 ao 1,6% en 1982. Outros produtos agrarios destacados, como a froita e as hortalizas, a carne, o leite e a la, progresaron ao ritmo do resto do mundo. Ademais, conta con riquezas mineiras considerables. Pero está relativamente pouco dotada de hidrocarburos, e pode dicirse que esta riqueza mineira é exclusivamente australiana, como boa parte da riqueza agrícola e a metade da gandaría. O mesmo ocorre coa industria, que realiza grandes progresos na metalurxia do aluminio, o chumbo e o cinc, mentres que noutros produtos estabilízase ou mesmo retrocede. Pero o peso de Nova Zelanda é tan grande, con produtos gandeiros, madeira, electricidade primaria, e o de Australia tan acaparador, con máis do 90% na maioría de produtos, naturais ou manufacturados, que a comparación entre estados non ten sentido referida a cifras absolutas. O consumo de electricidade por habitante triplica a media mundial, o mesmo que o PNB por habitante. Poden deducirse para Oceanía catro niveis económicos. O primeiro está representado exclusivamente por Australia e é comparable aos grandes estados; o segundo, por Nova Zelanda, inferior ao de Reino Unido; o terceiro é o dos territorios decisivamente influídos por inmigrantes recentes (indios en Fixi e franceses e estadounidenses nos seus territorios); e o cuarto está desequilibrado, pois mentres o melanesio (Papua Nova Guinea, Salomón, Vanuatu), con máis recursos naturais, denotan un PNB máis alto, os polinesios (Tonga, Kiribati, Samoa) semellan máis desenvolvidos.
Xeografía humana
Diversidade étnica e cultural
Oceanía foi ocupada por pobos procedentes de Asia que, en ondas sucesivas, invadiron as illas, do NL ao SL. Non ofrece ningún poboamento racial homoxéneo, senón que está dividida en zonas ben diferenciadas: Australia e Tasmania, onde se atopan os grupos raciais máis primitivos, que non coñecen a agricultura; Melanesia, onde hai diferentes tipos raciais ben diferenciados; e Polinesia e Micronesia, de poboamento máis tardío e que ofrecen os trazos culturais máis desenvolvidos de toda Oceanía. Os habitantes primitivos de Australia e de Tasmania, de raza austrálida, viven arrecantados pola poboación leucoderma inmigrante (90% do total). O segundo grupo, de raza melanésida, estendeuse polo Pacífico occidental: illas Salomón, Vanuatu e Nova Guinea, ata chegar ás illas Fixi e a Nova Caledonia. Divídese en dous grupos ben diferenciados: os pigmeos melanesios, que habitan na parte occidental de Nova Guinea, e os papúas, ou paleomelanesios, que habitan no golfo de Papua (Nova Guinea). O terceiro grupo está formado por polinesios, de raza polinesia, que actualmente está en curso de desaparición, e micronesios, que teñen algunhas características específicas pero moitos elementos polinesios. Grazas á tradición oral puidéronse determinar os momentos das grandes migracións entre os ss XII e XIV. Ademais da poboación autóctona, hai grupos de europeos (británicos, alemáns, noruegueses, españois e italianos), chineses e xaponeses.
As relixións
As relixións en Oceanía poden agruparse en dous grupos fundamentalmente: as indíxenas e as de procedencia europea. As indíxenas caracterizáronse polo politeísmo, que afirmaba o carácter divino de case todos os elementos: corpos, animais, plantas, utensilios, aire, mar, terra ou pedras, así como por toda unha serie de rituais baseados nos cánticos, as danzas e o totemismo. A crenza nos bos e malos espíritos foi xeral e practicouse o chamanismo, que atribuía a certas persoas a capacidade de curar os enfermos ou provocar a morte dos sans. Ata finais do s XVIII non se introduciu o cristianismo en Oceanía, que tivo especial éxito en Polinesia e Nova Zelanda, aínda que posteriormente se estendeu por Melanesia e Australia, ao ser aceptada polos hawaianos, os samoanos, os tongas, os tahitianos e os maorís. A súa visión dos deuses era un tanto vulnerable, pois moitas comunidades abandonaron a súa relixión coa súa xerarquía de deuses supremos, sacerdocios e templos, e convertéronse ao cristianismo, aínda que lles resultou moi difícil liberarse da feitizaría e da maxia doméstica. Deste xeito, os ritos primitivos seguen a practicarse en interiores montañosos das grandes illas, tradicionalmente protexidos por tabús, aínda que tiveron que adaptarse aos diferentes cambios e coexisten a miúdo con algunhas formas sociais de cristianismo. A maioría da poboación declárase cristiá (anglicanos, protestantes, católicos e outros), pero tamén conviven outras minorías relixiosas como musulmáns, budistas ou xudeus.
As linguas
En Oceanía produciuse un fenómeno de introdución en masa e de penetración progresiva de linguas europeas e asiáticas mediante un proceso de colonización motivado por un poboamento baixo ou pola falta dunha organización política desenvolvida nas illas. Así, hai dous tipos de linguas: as linguas indíxenas, que non son recoñecidas oficialmente -a excepción do samoano, o nauruano, o maorí e o tongano-, a pesar de ser maioritarias e de dispoñer dun elevado nivel cultural, e as linguas introducidas polos colonizadores, que son as oficiais nas diversas zonas de Oceanía que dominan. Destas, o inglés é a máis estendida. As linguas indíxenas pertencen ao grupo oriental ou oceánico da familia austronesia (subgrupos melanesio, polinesio e micronesio) e ás numerosas familias dos macroagrupamentos das linguas australianas e das linguas papúas. As linguas polinesias fálanse en Polinesia, en Nova Zelanda e nalgunhas illas veciñas de Micronesia e de Melanesia. A invasión europea fixo retroceder numerosas linguas desta familia. Das linguas polinesias hai que destacar o maorí, que se fala en Nova Zelanda e é lingua oficial desde 1987; o samoano, falado no arquipélago das illas Samoa, é a lingua oficial de Samoa Occidental independente; o tahitiano fálase nas illas da Sociedade; e o hawaiiano, que tende a desaparecer absorbido polo inglés e o xaponés, nas illas Hawaii. As linguas melanesias fálanas pobos de raza melanésida. Delas destacan o fixiano, que se fala nas illas Fixi, o sasak e o tasiriki nas Vanuatu, o mota nas illas Banks, o malu e o vatouranga nas illas Salomón, o patpatar no arquipélago de Bismarck, o motu, o tavara e o djabem nas costas de Nova Guinea, etc. Non obstante, a lingua máis importante desta zona é a denominada beach-la mar, mestura de inglés, castelán, francés e linguas indíxenas, que se fala como lingua de relación en todo o Pacífico non francés. As linguas micronesias fálanse nos arquipélagos de Micronesia e as máis importantes son o marshallés, o xilbertés, o trukés, o ponapeano, o caroliniano e o yapeano. As linguas papúas, nun número aproximado de 700 (a maioría descoñecidas), fálanse en Nova Guinea. As linguas australianas, nun número aproximado de 260, fálanas unhas 50.000 persoas.
Goberno e política
Oceanía, desde 1914, estivo repartida entre as grandes potencias colonizadoras, particularmente, Alemaña, Países Baixos, Reino Unido, Francia e EE UU. A partir da Segunda Guerra Mundial e, sobre todo, entre a década de 1960 e 1980, produciuse en gran parte de Oceanía o proceso de independencia ou o proceso de integración, como foi o caso de Hawaii en EE UU. Este proceso de descolonización e de creación de novos estados independentes foron, en xeral, pacíficos, aínda que despois sufriron golpes de estado acadando unha situación política moi inestable. A ONU desenvolveu un gran papel coa administración en fideicomiso ata que os estados acadaron a súa independencia. Cando Australia se converteu en estado federal independente no ámbito da Commonwealth, exerceu a soberanía sobre diversos territorios de Oceanía e a Antártida, como Papua Nova Guinea, que estivo baixo a administración australiana ata 1975.
Historia
Australia e as illas de Oceanía foron o refuxio de razas e pobos expulsados de Asia meridional, pero non é doado establecer a cronoloxía destas migracións. A súa instalación no subcontinente austral coincide co desenvolvemento en Europa da cultura musteriana. O poboamento de Polinesia é o máis recente e levouse a cabo mediante ondas sucesivas. A grande época das migracións, en que os polinesios chegaron a Nova Zelanda, Mangareva, Hawaii e pode ser que ata a illa de Pascua, correspondeu ao s XII. O descubrimento das illas de Oceanía produciuse como consecuencia do establecemento dos portugueses na India e dos casteláns en América. O gran descubridor do Mar do Sur, que el denominou Océano Pacífico, foi Fernão de Magalhães, que navegou desde o estreito que leva o seu nome ata a illa de Guam (1521-1522). O primeiro navegante que investigou dun xeito sistemático o continente austral, foi o galego Álvaro de Mendaña de Neira, que descubriu as illas Salomón, Guadalcanal, San Cristóbal (1568) e, nunha segunda expedición, as illas Marquesas e Santa Cruz (1595). A segunda etapa correspondeu aos holandeses, xa instalados en Indonesia, en competencia vitoriosa cos portugueses. Willem Janszoon Blaeu (1606) e Dirk Hartogszoom (1616) descubriron Australia en cadansúa viaxe; Abel Tasman, a illa que leva o seu nome (Tasmania), Nova Zelanda, Tonga e Fixi (1642). Foron os navegantes do s XVIII, movidos pola curiosidade científica e traballando dunha maneira metódica, os auténticos descubridores de Oceanía: Samuel Wallis, que descubriu Tahiti (1767) e Bougainville (1767) e, sobre todo, James Cook (1768-1776). A colonización de Oceanía iniciouse a finais do s XVIII. Reino Unido, a gran potencia naval da época, puxo baixo a súa soberanía a Australia (que naceu como penitenciaría) e a Nova Zelanda, e instalou nelas colonias prósperas. No resto de Oceanía, a implantación europea estivo determinada, máis que por intereses económicos, por razóns de prestixio, concretamente para axudar as misións protestantes (os británicos) e católicas (os franceses). Pola posesión de Tahiti, Francia e Reino Unido chegaron a unha grave tensión (1844). En 1853, Francia anexionou Nova Caledonia e EE UU, Hawaii (1894). En 1884 Alemaña comezou a colonización do Pacífico occidental (parte de Nova Guinea, illas Salomón e Nova Bretaña), colonias que perdeu tras a derrota na Primeira Guerra Mundial (1918). Os Países Baixos, que consolidaran o seu dominio en Indonesia, ocuparon a parte occidental de Nova Guinea e no tocante á parte británica desta grande illa, converteuse en dependencia de Australia. Durante a Segunda Guerra Mundial, Oceanía foi escenario da grande ofensiva nipoa e da contraofensiva aliada. Tras o conflito, a Nova Guinea neerlandesa pasou a formar parte de Indonesia e Hawaii converteuse nun estado de EE UU. Outras illas ou territorios acadaron progresivamente a independencia e convertéronse en estados: Samoa Occidental (1962), Nauru (1968), Fixi (1970), Tonga (1970), Papua Nova Guinea (1975), Tuvalu (1975), Salomón (1978), Kiribati (1979) e Vanuatu (1980). As dúas grandes potencias oceánicas son os antigos dominios británicos de Australia e Nova Zelanda, independentes desde 1901 e 1931, respectivamente.