oda

oda

(< lat oda < grωδή)

  1. s f [LIT]

    Composición lírica grega, cantada polo coro e formada por estrofa, antístrofa e epodo. O nome fíxose extensivo a un tipo amplo de poesía lírica susceptible de ser cantada, e, entre os romanos, simplemente lida ou recitada. A partir do s XV en Italia e do s XVI nos outros países, os humanistas incorporaron a oda clásica á poesía vulgar mediante traducións e imitacións dos autores da Antigüidade, para o que promoveron unha forte renovación dos esquemas métricos e rítmicos da poética vulgar. Dentro da tradición humanística, a oda seguiu a florecer durante o neoclasicismo, o romanticismo e o clasicismo carduciano do s XIX. O tema da oda é variable e múltiple, aínda que adoita ter por obxecto os sentimentos máis que as accións, e pode facerse unha clasificación aceptable dela partindo do contido: anacreóntica, heroica ou pindárica, moral, sagrada e amorosa. As formas externas empregadas son diversas, aínda que os poetas latinos seguiron a métrica alcaica e sáfica, que na Península se adaptou na lira e en estrofas heptasilábicas e hendecasilábicas.

  2. s f [RELIX]

    Himno litúrxico propio do rito bizantino. Orixinariamente compúñanse en número de tres e posteriormente en número de nove, aínda que divididos en tres grupos de tres. O conxunto de nove odas forma un canon. Eran cantados no oficio matinal, denominado orthros.

  3. s f [MÚS]

    Composición musical de forma libre, similar a unha cantata.