offset*
Sistema de impresión que se basea na repulsión que existe entre a auga e as materias graxas, como a litografía, da que provén. Este sistema denomínase de impresión indirecta pois, contrariamente aos outros sistemas tradicionais, a prancha impresora non ten contacto co papel. O offset foi descuberto a comezos do s XX polo impresor estadounidense Ira Rubel e impúxose máis pola rapidez e polos seus prezos competitivos ca pola súa calidade. Ao principio, as pranchas impresoras eran de cinc ou aluminio e estaban sensibilizadas polos materiais impresores. A comezos do s XXI dánselle ao impresor xa sensibilizadas e a punto para a insolación (fotogravado). A importancia que conseguiu o offset dentro do mercado da impresión débese á flexibilidade que ofrece a montaxe das diferentes follas sobre un mesmo molde (lanzamento), ás múltiples facilidades de confección das pranchas de impresión e á posibilidade de imprimir a cor e en gran formato sobre papel relativamente ordinario. As modernas máquinas offset utilizan cada vez máis o mando por ordenador en todos os procesos.