Oia
Concello que pertence á comarca do Baixo Miño, situado no SO da Comunidade Autónoma de Galicia e da provincia de Pontevedra (42° 00’ latitude N e 8° 52’ 50” lonxitude O). Limita ao N co concello de Baiona (comarca de Vigo), ao L co de Tomiño (comarca do Baixo Miño), ao S co do Rosal (comarca do Baixo Miño), e ao O co Océano Atlántico. Abrangue unha superficie de 83,2 km 2 cunha poboación de 3.159 h (2007) distribuídos entre as parroquias de Burgueira, Loureza, Mougás, Oia, Pedornes e Viladesuso. A capital está no lugar do Arrabal, na parroquia de Oia, localizada a 133 km de Santiago de Compostela e a 74 km de Pontevedra. Está adscrito á diocese de Tui-Vigo e ao partido xudicial de Tui.
Xeografía física
O relevo do concello de Oia disponse en catro unidades paralelas de dirección N-S. A primeira, con elevacións por debaixo de 300 m, correspóndese cunha estreita franxa costeira de perfil rectilíneo e escarpado. Cara ao L aparece unha segunda unidade morfolóxica que ocupa gran parte do occidente e N do concello, que se corresponde coa serra da Groba e que conta con altitudes entre os 500 e os 663 m (alto da Groba, 663 m; alto da Nueira, 652 m;Corrubelo, 597 m), e onde se aprecia un contraste entre as fortes pendentes da vertente occidental e as máis suaves da parte oriental. Máis cara ao L aparece o sector setentrional do val do Rosal, cunha altitude media de entre 200 e 400 m. Por último, no extremo L, atópase a serra de Argallo, cunhas altitudes que oscilan entre os 400 e os 500 m. Estas unidades aséntanse sobre materiais fundamentalmente graníticos e dan como resultado unha modelaxe de castelos, con frecuentes afloramentos rochosos na liña de cumios das serras do concello. Oia sitúase nun espazo de dominio climático oceánico húmido con tendencia á aridez estival propia do litoral pontevedrés. Localizado nun territorio costeiro, os rexistros térmicos están influídos pola proximidade do océano, polo que as temperaturas son suaves todo o ano, mentres que a inmediatez de relevos potentes repercute nas abondosas precipitacións. A temperatura media anual é de 14,3°C, cunha media en xaneiro de 9,4°C e en xullo de 19,6°C. A precipitación media anual é de 1.315 mm, cunha distribución estacional que amosa unha forte seca estival, xa que o 39% das precipitacións se recollen no inverno, fronte ao 29% que se recolle no verán, e as estacións de transición quedan con valores intermedios (26% na primavera e 34,8% no outono). A rede hidrográfica organízase arredor do río Carballo, afluente do Miño, e dunha serie de pequenos regos que desembocan directamente no Océano Atlántico. O primeiro nace na serra da Groba e drena as vertentes meridional e oriental, así como as occidentais da serra de Argallo. Os regos de escasa entidade, que drenan a vertente occidental da serra da Groba, son todos de curto percorrido e forte pendente. A vexetación natural está moi degradada, e piñeiros e eucaliptos ocupan amplas extensións, xa que as acusadas pendentes e a forte erosión do rochedo granítico só favorecen os pasteiros e as asociacións arbustivas.
Xeografía humana
A principal característica da poboación é a estabilidade, pois en 2001 os seus efectivos demográficos foron apenas un 10,69% superiores aos de 1900, sen rexistrar oscilacións ao longo do s XX. Nas décadas de 1900 e 1910 houbo unha case imperceptible contracción demográfica (-0,09% interanual), grazas á emigración cara a América que contrarestou o crecemento vexetativo. En 1920 iniciouse unha estabilización demográfica que se mantivo ata 1950 e que deu lugar a un crecemento moi cativo pero prolongado (-0,38% interanual). Os anos de emigración cara a Europa e aos focos de industrialización española provocaron un pequeno retroceso da poboación nas décadas de 1950 e 1960 (-0,25% interanual), que se recuperou na década de 1970 cando a poboación alcanzou unha taxa de crecemento interanual apreciable (0,75%). A década de 1980 mantivo un comportamento positivo (0,21% interanual), que compensou as pequenas perdas demográficas acadadas na última década do s XX (-0,32% interanual). Entre 2001 e 2007 a poboación creceu un 5,47%. Esta dinámica demográfica é característica dun concello costeiro lonxe das principais áreas de crecemento urbano, xa que viviu anos de leves perdas demográficas ao sufrir os movementos emigratorios que afectaron ao conxunto galego, e de recuperación cando estes remitiron ou desapareceron. A poboación aínda non sufriu os efectos do avellentamento, xa que os menores de 20 anos representan o 15% da súa poboación e os de maiores de 65 anos o 20,5%; o grupo intermedio representa o 64,5%. A distribución por sexos da estrutura demográfica é equilibrada, cun lixeiro predominio dos homes (51,09%) fronte ao 48,90% dos homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Oia é do 57,9% (69,7% a masculina e 46,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 53,9% (65,1% a masculina e 43% a feminina) e a taxa de paro é do 6,9% (6,6% a masculina e 7,4% a feminina). A pesar de tratarse dun concello litoral a pesca ten unha relevancia secundaria, xa que só dá traballo ao 7,8% da poboación ocupada, debido á ausencia de portos nun litoral pouco propicio pola falta de calas abrigadas. A agricultura posúe máis relevancia e representa o 19,9% dos traballadores, o que a sitúa no segundo lugar entre os sectores económicos con presenza na economía municipal. A superficie cultivada supón o 9,26% do seu territorio e localízase basicamente no val do Rosal onde as condicións ambientais son máis propicias para a agricultura. Os principais cultivos son o millo (69% da superficie cultivada), a pataca e a vide (7,65% e 5,19% repectivamente). A gandaría apenas ten relevancia, só o 0,71% do seu territorio é de prados e pastos, e as poucas vacas censadas no concello están destinadas á produción de carne. Existen importantes mandas de cabalos en réxime de semiliberdade dispersos polos montes do concello, onde o arboredo apenas é importante. A pesca ocupa ao 7,7% dos traballadores. A industria é o terceiro sector dentro da economía municipal, cun 19,2% da man de obra, pero a presenza no concello é escasa, polo que son frecuentes os desprazamentos pendulares para traballar na industria de concellos próximos (Vigo, Tui ou O Porriño). A construción dá emprego ao 15,7% dos ocupados, que ante a escasa actividade edificadora do concello, trasládase a traballar a Baiona ou Vigo. Igual circunstancia caracteriza o sector servizos, que é a primeira fonte de traballo co 37,5% do emprego, aínda que o escaso equipamento terciaro fomenta os desprazamentos para traballar nos servizos das vilas e cidades próximas. A principal vía de comunicación é a estrada AC-550, Fisterra-Tui, que facilita as comunicacións con Vigo e A Guarda.
Historia
As primeiras mostras de ocupación do concello de Oia son machados e outros restos da época do Bronce e os gravados rupestres localizados en Mougás, Pedornes e Viladesuso, declarados Ben de Interese Cultural (BIC) en 1975. Da época castrexa destaca o castro de Bouza Fariña en Mougás, onde se atopou un ara de sacrificios con epigrafía latina, e que máis tarde foi romanizado. A presenza romana maniféstase en Viladesuso, onde se atoparon columnas, tellas e unha ara. A historia de Oia está ligada á do mosteiro de Santa María, ao redor do que se instalaron os primeiros poboadores. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello pertenceron á xurisdición de Oia, señorío do mosteiro de Santa María de Oia, dentro da provincia de Tui. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio, e daquela produciuse a creación do concello de Oia coas súas parroquias actuais. En 1823 Fernando VII derrogou a constitución o que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, e desde entón non houbo variacións nos seus límites parroquiais.
Patrimonio cultural
A construción máis relevante do concello é o mosteiro de Santa María de Oia (BIC, 1931), do que destaca a súa igrexa, convertida en parroquial de Oia despois de que o mosteiro se vendese tras a desamortización de Mendizábal (1835). Abandonadas as súas dependencias, volveu venderse para ser convertido en establecemento hoteleiro. Destaca tamén a igrexa de San Mamede de Pedornes (BIC, 1981). En Viladesuso destacan os muíños de Serraseca e a ponte Broi, sobre o regato homónimo, construída en 1808. Do patrimonio natural cómpre mencionar o espazo natural de Argalo. Das festas que se celebran destacan as relixiosas da Virxe do Mar en Oia o luns de Pentecostés, as de San Mamede o 7 de agosto en Loureza e Pedornes, a de San Blas en Pedrones o 3 de febreiro, a de San Pedro en Burgueira o 29 de xuño, a de San Miguel en Viladesuso o 29 de setembro, e a de Santa Uxía en Mougás o 24 de xuño. Tamén é importante a celebración dos curros en Valga (Loureza) o segundo domingo de maio, en Torroña (Burgueira) o primeiro domingo de xuño e en Mougás o segundo domingo de xuño.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Baixo Miño, O |
| Extensión | 83 Km2 |
| Poboación Total | 3159 h |
| Poboación Homes | 1614 h |
| Poboación Mulleres | 1545 h |
| Densidade de poboación | 38.06 h/Km2 |