Oímbra
Concello que pertence á comarca de Verín, situado no SL da Comunidade Autónoma de Galicia e no S da provincia de Ourense ( 41° 53’ 00” de latitude N e 7° 28’ 00” de lonxitude O). Limita ao N cos concellos de Monterrei e Verín (comarca de Verín), ao L co de Verín (comarca de Verín) e ao S e ao O con Portugal. Abrangue unha superficie de 71,9 km 2 , en que acolle unha poboación de 1.996 h (2001) distribuídos nas parroquias de Bousés, As Chás, A Granxa, Oímbra, Rabal, San Cibrao e Videferre. A súa capital está no lugar de Oímbra, na parroquia homónima, situada a 80 km de Ourense. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Verín.
Xeografía física
Topograficamente está condicionado pola transición entre a depresión de Verín e as aliñacións montañosas que a delimitan. As terras máis orientais, que forman a ribeira do río Támega, pertencen a esta depresión, presentan altitudes entre os 350 e 500 m e caracterízanse polas escasas pendentes e o predominio de materiais sedimentarios. Os sectores central e occidental coinciden coas aliñacións montañosas que bordean a depresión, e correspóndense cunha única serra, con dirección SO-NL, que penetra no concello desde Portugal e que ten unhas altitudes medias que varían entre os 500 e os 700 m. Climatoloxicamente repártese entre o dominio oceánico de montaña e unha franxa moi limitada de dominio oceánico continental. Localizado na transición entre os contrafortes orientais da serra de Larouco e a depresión de Verín, o concello está ao abrigo dos ventos dominantes, o que condiciona os rexistros termopluviométricos, cun prolongado período frío que vai de novembro a abril e unhas precipitacións baixas. A temperatura media anual é de 12,9°C, cunha media en xaneiro de 5,2°C e en agosto de 20,4°C, e cunha amplitude térmica extrema que chega aos 29,1°C. A precipitación media anual é de 683 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival, xa que o 39% das precipitacións recóllese en inverno, fronte ao 10% que se recolle en verán, mentres que na primavera e no outono, se manteñen os valores medios co 26% cada un. A rede hidrográfica organízase ao redor do Támega, afluente do Douro. A vexetación natural está moi degradada pola acción antrópica debido ao abuso de lumes e ás repoboacións de piñeiros que limitan a vexetación clímax a pequenos redutos de cerquiños e sobreiras.
Xeografía humana
A evolución da poboación pódese dividir en dúas grandes etapas cun cambio de tendencia en 1950, ano en que se acadou o máximo demográfico. Entre 1900 e 1930 produciuse un sostido pero lento incremento, que se cifrou no 0,40% interanual, e a partir da década de 1930 o crecemento foi máis rápido e chegou a un 1,54% cada ano. Na década de 1950 iniciouse unha etapa de fortes perdas que continuou en 1960 e 1970 (-2,45% interanual) e que refreou na década seguinte (-1,99% interanual entre 1970 e 1981). As últimas décadas do s XX foron tamén de continuas diminucións (-0,47% interanual). Entre 2001 e 2007 o descenso foi do -1,95%. Esta evolución demográfica é o resultado da constante emigración que afectou ao interior galego, incapaz de crecer desde o punto de vista natural. O avellentamento é acusado, xa que os menores de 20 anos representan o 10,7% e os de máis de 65 anos o 33,4%; o grupo intermedio representa o 55,9%.. A poboación por sexos está levemente descompensada a prol das mulleres, que suman o 50,58%.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Oímbra é do 33,2% (43,7% a masculina e 22,8% a feminina); a taxa de ocupación é do 26,3% (35,2% a masculina e 17,5% a feminina) e a taxa de paro é do 20,7% (19,4% a masculina e 23,3% a feminina). A agricultura dá emprego ao 11,4% da poboación ocupada, cunha superficie cultivada do 30,03% do territorio. Os principais cultivos son a pataca (35,66% da superficie cultivada), a vide (30,11%), amparada na Denominación de Orixe Monterrei, e o centeo (12,97%), que se ve favorecido pola suavidade da topografía. A gandaría vacúa, a pesar de que os prados e pastos ocupen o 15,15% do seu terreo, posúe escasa importancia e está dirixida á produción de carne. Máis relevancia adquire o gando porcino que está orientado á reprodución e a cebo. A industria representa o 17,7% da man de obra ocupada, aínda que non existen establecementos industriais de importancia agás unha planta de extracción de áridos. A construción emprega ao 21,7% da man de obra, que traballa en gran medida na edificación na vila de Verín. O principal sector económico son os servizos, que dan traballo ao 49,2% dos ocupados, tanto nos escasos establecementos asentados no concello como nos localizados en Verín. A principal vía de comunicación é a estrada local que une Verín con Videferre.
Historia
O poboamento do concello de Oímbra rexístrase desde época castrexa. Baixo a dominación romana, foi atravesado por unha das vías que desde Aquae Flaviae, partía en dirección a Ourense. En 982 foi doado polo bispo de Iria, Pelaxio Rodríguez, ao mosteiro de San Salvador de Celanova e desde o s XVI pasou a mans dos condes de Monterrei. Na segunda metade do s XVII viuse gravemente afectado polas incursións militares portuguesas durante a Guerra de Secesión de Portugal, debido á súa estratéxica situación, entre Verín e Chaves. Durante o Antigo Réxime, o territorio estivo repartido entre as xurisdicións de Monterrei e Oímbra, señoríos do conde de Monterrei e pertencentes á provincia de Ourense. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Bouses e Oímbra, pertencentes ao primitivo partido xudicial de Monterrei. En 1823 Fernando VII derrogou a constitución, o que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. Despois da división municipal de 1835 creouse o concello de Oímbra, pertencente desde o seu nacemento ao partido xudicial de Verín. Desde entón a única alteración dos seus límites veu de man do tratado de límites subscrito en 1864 entre España e Portugal, polo que se aboliu o Couto Mixto e pasaron as aldeas de Soteliño e Cambedo a Portugal.
Patrimonio cultural
Ademais de diversas insculturas da Idade de Bronce, nas terras do concello atopáronse restos de construcións e cerámica castrexa. Das súas edificacións relixiosas destacan as igrexas parroquiais de Santa María de Oímbra, románica; Santa Baia de Bousés, renacentista; e Santa María das Neves das Chás, barroca. Tamén de traza barroca é o pazo de Santa María de Oímbra. Dentro do seu patrimonio natural o río Támega foi declarado Lugar de Importancia Comunitaria (2001), dentro da proposta Rede Natura 2000. Das festas do concello destacan as de Santa Ana (Oímbra), a da Virxe do Suceso (Bousés), a de Santa Cruz (San Cibrao) e a das Neves (O Rosal).
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Verín |
| Extensión | 71 Km2 |
| Poboación Total | 1957 h |
| Poboación Homes | 990 h |
| Poboación Mulleres | 967 h |
| Densidade de poboación | 27.56 h/Km2 |