olefina

olefina

(< fr oléfine)

s f [QUÍM]

Cada un dos hidrocarburos que conteñen na súa estrutura polo menos un enlace dobre entre átomos de carbono adxacentes. Os nomes das olefinas fórmanse substituíndo a terminación -ano do nome do alcano correspondente por -eno, -adieno ou -atrieno, segundo o número de dobres enlaces presentes na molécula. As olefinas teñen propiedades físicas moi semellantes ás dos alcanos coa mesma estrutura. O dobre enlace carbono-carbono das olefinas non permite a rotación libre arredor do seu eixe cando cada un dos dous carbonos está unido a dous grupos diferentes, o que determina a aparición de isomería cis- e trans-, modernamente denominada Z-E. Industrialmente, moitas olefinas obtéñense do petróleo, tanto por separación directa como polo proceso de cracking catalítico, pero só o etileno e o propileno poden ser obtidos e puros deste xeito. As olefinas son moléculas reactivas, e a reacción máis importante que experimentan é a adición electrofílica ao dobre enlace. Son tamén importantes a adición de hidróxeno (hidroxenación) e as de radicais, promovidas pola luz ou por peróxidos (efecto peróxido). Son facilmente oxidadas polo ozono, con ruptura total do dobre enlace (ozonólise), polo tetróxido de osmio ou o permanganato potásico (hidroxilación) e polos perácidos orgánicos e o osíxeno (epoxidación).