Omán
Estado do SL de Arabia, limitado ao N polo golfo de Omán, ao L polo mar de Arabia, ao S polo Océano Índico, ao SO por Iemen, e ao O por Arabia Saudí e polos Emiratos Árabes Unidos (309.500 km2; 2.623.000 h [estim 2001]). A súa capital é Mascate.
Xeografía
Morfoloxicamente é unha terra alta formada por grandes relevos calcarios. O N está dominado pola serra de al-Ah- ḋ ar ( Ǧ agal al-Šām, 3.035 m). O clima, cálido e moi caloroso na costa, é máis morno nas zonas montañosas. Carece de recursos perennes de auga. A economía baseábase ata a década de 1960 na agricultura (palmeira de dátil e cítricos), na gandaría (ovina, caprina e de camelos) e na pesca (sardiñas). O sector primario foi de subsistencia ata 1975. A extracción de petróleo, que comezou en 1967, cambiou substancialmente a economía do país. Tamén é importante a produción de gas natural. En 1983 iniciouse a explotación do cobre e en 1985 a da cromita. A enerxía eléctrica procede exclusivamente do petróleo. As industrias máis importantes proceden dos carburantes como as refinarías de petróleo e as plantas licuefactoras de gas natural. Ademais ten un complexo de fundición e refinación de cobre, fábricas de cemento e de conservas de peixe. O atraso do país tamén é debido ao atraso das comunicacións. O aeroporto principal está en Sīb, preto de Mascate. Importa sobre todo maquinaria, equipamento de transportes e bens manufacturados. A exportación baséase principalmente no petróleo. Os tres primeiros provedores son Emiratos Árabes Unidos, Xapón e Reino Unido, e os primeiros clientes, Xapón, República de Corea, Taiwán e Singapur. Desde que se descubriu o petróleo ata a crise enerxética (1965-1973), o crecemento anual medio do PIB foi un dos máis altos do mundo. A taxa de crecemento é elevada (25,3‰ [1998]), consecuencia da alta natalidade (29‰ [1998). O 89% da poboación é rural e a principal poboación é Mascate.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
O maior grupo étnico son os árabes (73%), seguidos doutros grupos como os indios (13%), paquistanís (7,4%), exipcios (1,6%) e outros (5%). A lingua oficial é o árabe, aínda que tamén se fala o inglés. O 73,6% da poboación é musulmá ibadita, o 14,1% musulmá sunnita, o 7,4% hinduísta, o 3,7% cristiá e o 1,2% doutras relixións. A educación é gratuíta pero non obrigatoria.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Omán entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 71º posto cun índice do 0,747). Este indicador ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 70 anos para os homes e de 74 anos para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 73% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 58%; e o PNB por habitante é de 6.050 $ EE UU.
Goberno e política
Monarquía absoluta hereditaria. O poder lexislativo reside nun parlamento bicameral: a Majlis al-Shura (Asemblea Consultiva) formada por 83 membros con tarefas asesoras e o Majlis al-Dawla (Consello do Estado) composto por 40 membros. O poder executivo está formado por un Consello de Ministros designado polo sultán. O 6 de novembro de 1996 o sultán promulgou unha lei básica que aclarou a sucesión e garantiu as liberdades básicas dos cidadáns de Omán. O sistema xudicial baséase na common law e na lei islámica, non acepta a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza da Haia. Non existen os partidos políticos nin os grupos de presión recoñecidos. Forma parte das seguintes organizacións internacionais: Consello de Cooperación dos Estados Árabes do Golfo, Liga Árabe, Organización da Conferencia Islámica (OCI) e ONU.
Historia
Antigo territorio que comprendía Mascate e Omán e que, desde o s VIII, época en que adoptou a herexía ibadita, estivo rexido por imáns independentes. En 1506 os portugueses, que xa controlaban a costa de África oriental, saquearon Mascate e establecéronse alí ata 1650, cando o imán de Omán recuperou Mascate. Separados de novo ambos os dous territorios en 1796, Reino Unido estableceu un protectorado en Mascate, mentres que Omán se proclamou independente en 1915. O Tratado de Sīb de 1920, asinado polo sultán de Mascate, o imán de Omán e un representante británico, recoñeceu a separación de Omán e estipulou que este permanecese baixo a autoridade dos seus imáns, mentres que o sultán de Mascate se facía cargo da política estranxeira. Pero o descubrimento do petróleo e os intereses británicos provocaron a anexión de Omán a Mascate en 1955, e o territorio converteuse nun só estado gobernado por un sultán. O sultán Sa’īd ibn Taymūr sucedeu o seu pai en 1932 e mantivo un estrito illamento do país ata 1970, cando foi deposto polo seu fillo Qābūs ibn Sa’īd. O novo sultán, que cambiou o nome oficial do estado de Mascate e Omán polo de Omán, liberalizou o réxime e deulle pulo ao desenvolvemento do país. Omán uniuse cada vez máis a EE UU e os países da OTAN pola súa importancia estratéxica, pero co establecemento de relacións diplomáticas coa URSS en 1985 e o achegamento aos países árabes, Omán fixo patente a súa vontade de configurar unha política exterior independente. En 1996 o sultán promulgou unha lei que garantiu as liberdades básicas dos cidadáns. Iniciouse tamén unha política de liberalización económica, reflectida no plan quinquenal 2001-2005 que incluíu a privatización do ensino, correos e outros sectores. Omán opúxose á ofensiva militar levada a cabo contra Iraq en 2003 e rexeitou a utilización das bases militares instaladas no seu territorio durante este ataque.