Ontario

Ontario

Provincia de Canadá que limita con Québec ao L, co río San Lourenzo e os Grandes Lagos ao S, con Manitoba ao O e coas badías de Hudson e James ao N (1.068.580 km2; 11.410.046 h [2001]). A súa capital é Toronto. O seu territorio, chairo na súa maior parte, acusa os efectos da glaciación, con presenza de numerosas concas lacustres e acumulación de depósitos morénicos. A industria é a primeira actividade económica e destacan a siderurxia, a fabricación de maquinaria agrícola, automóbiles, construcións eléctricas e a industria química e alimentaria. Toronto, Hamilton, Brantford, Niagara Falls e Windsor son as principais áreas industriais. O sector agrícola presenta un elevado grao de mecanización, completando as actividades económicas, unha racional explotación gandeira e o aproveitamento forestal. Os grandes núcleos urbanos, Toronto, Hamilton, Ottawa, London e Kitchener, concentran as actividades terciarias. Samuel de Champlain explorou o territorio en 1615, que en 1763 foi cedido a Reino Unido. Tras a proclamación de independencia de EE UU, foi colonizado polos realistas inmigrantes. Despois do fracaso da revolta de 1837, foi incorporado ao Baixo Canadá (1840), pero en 1867 converteuse nunha provincia do Dominion of Canada.

Palabras veciñas

Ontake-san | Ontario | Ontario | Ontario | onte | óntico -ca | Ontinyent