oposición

oposición

(

  1. s f

    Acción e efecto de opoñer(se) ou opor(se).

  2. s f

    Antagonismo entre dous elementos.

    Ex: A oposición entre a ficción e a realidade é a característica máis importante desta novela.

  3. s f

    Disposición dunha cousa fronte a outra.

    Ex: A oposición das pantallas permite unha visión diferente da obra.

  4. [POLÍT]
    1. s f

      Organización ou organizacións que loitan contra os que teñen o poder político para conseguilo por  medios pacíficos ou violentos. Nos réximes de democracia parlamentaria a oposición é legal.

    2. oposición extraparlamentaria

      Oposición contraria ao sistema de democracia parlamentaria que non participa nas eleccións lexislativas ou que non obtén presenza no parlamento.

  5. s f [DER]

    Procedemento de selección de funcionarios que consiste en facer unha serie de exercicios orais ou escritos que proben a suficiencia dos aspirantes a unha cátedra ou a un cargo oficial e os clasifique segundo a puntuación obtida.

  6. s f [FILOS]

    Relación entre dous conceptos, dous membros ou dous aspectos, en que un deles é a negación do outro ou posúe unha calidade que non pode darse simultaneamente coas do outro. Tradicionalmente fíxose distinción entre oposición por contradición (ser e non ser), oposición por privación (visión e cegueira), oposición por contrariedade (virtude e vicio) e oposición relativa (pai e fillo). A diferenza da tradición occidental, a filosofía moderna, a partir do idealismo, afirmou, baseándose no concepto de devir e substituíndo a idea de identidade pola dialéctica, que o real (e, polo tanto, o pensamento) inclúe sempre a oposición (tese e antítese) e que na síntese dos seus extremos está a forza progresiva e procesual da realidade.

  7. [LING]
    1. s f oposicións fonolóxicas

      Relación que existe entre todos os elementos homoxéneos dun sistema lingüístico (fonemas, formas, funcións, significados, etc) para constituír un equilibrio e, polo tanto, para ser diferenciados. Entre dous ou máis fonemas posicionalmente conmutables dunha lingua dada, a conmutabilidade consiste en examinar se estes fonemas teñen a capacidade de cambiar o significado dunha secuencia ao permutarse en contextos idénticos. Así, pode dicirse que en galego /p/ e /m/ se opoñen dado que existen parellas de expresións, como pan e man, capa e cama, mata e pata, que se distinguen semanticamente pola permutación destes segmentos. Neste sentido, un fonema é un segmento mínimo funcional, é dicir, opoñible polo menos a outro segmento mínimo. A determinación, clasificación e xerarquización de todas as oposicións entre os fonemas dunha ou máis linguas é competencia da fonoloxía. No plano dos significados, por exemplo, a palabra calor oponse á palabra frío para formar un sistema significativo (con morno, tépedo, xeado) e obter a súa propia significación. As oposicións máis estudadas son as

    2. oposición gradual

      Oposición fonemática en que o trazo distintivo operante considerado basea a súa facultade diferenciadora nun grao maior ou menor da característica fónica que o constitúe. Así, en galego, nas oposicións i/e, e/ε, por exemplo, considérase que o seu trazo distintivo operante é o grao de abertura: /i/ (primeiro grao), /e/ (segundo grao) e /ε/ (terceiro grao).

    3. oposición significativa

      Oposición formada por dous signos da lingua con significados diferentes. Así, en latín, equus/equīs, dominus/ equus, ao tratarse de dous signos, queda implícito na definición que os significantes tamén teñen que  ser diferentes.

  8. s f [ASTRON]

    Situación relativa de dous astros cando están aliñados coa Terra e esta está entre os dous, en que hai unha diferenza de 180° entre as lonxitudes xeocéntricas dun e doutro astro, e unha diferenza de 12 h entre as súas ascensións rectas. Cando un planeta superior está en oposición co Sol, a súa culminación ten lugar a medianoite. Os planetas inferiores non poden estar en oposición co Sol.