Orange
Provincia de República Sudafricana, actual Estado Libre, delimitada polo río Orange ao S, polo Vaal ao N e ao O e por Lesotho ao O (129.480 km2; 2.760.558 h [estim 2000]). A súa capital é Bloemfontein. Ten xacementos de ouro ao NO, e de diamantes ao SO. No val do Vaal destaca a explotación de minas de hulla. A política británica na provincia do Cabo e Natal, fixo que bóers destes dous territorios se establecesen ao N do río Orange en 1836 e en 1843, respectivamente. En 1845 foron sometidos por Reino Unido e o seu territorio converteuse na colonia do río Orange (1848). A loita cos sothos provocou a retirada británica do territorio (1852), que foi recoñecido como estado libre na Convención de Bloemfontein (1854). Co achado de diamantes, Reino Unido someteuno á colonia do Cabo. En 1896 aliouse con Transvaal contra os británicos, que venceron e a converteron en colonia en 1900. En 1907 conseguiu a autonomía definitiva e en 1910 incorporouse á Unión Sudafricana como provincia.