Ordes
Concello da comarca homónima situado no centro-O da Comunidade Autónoma de Galicia e no centro da provincia da Coruña (43° 04’ 50” de latitude N e de 8° 26’ de lonxitude O). Limita ao N con Abegondo, Carral (os dous da comarca da Coruña) e Cerceda (comarca de Ordes), ao L con Mesía e Frades, ao S co de Oroso e ao O con Cerceda e Tordoia (todos da comarca de Ordes). Abrangue unha superficie de 157,3 km 2 cunha poboación de 12.359 h (2007), distribuída nas parroquias de Ardemil, Barbeiros, Beán, Buscás, Leira, Lesta, Mercurín, Ordes, Parada, Pereira, Poulo, Santa Cruz de Montaos e Vilamaior. A capital está na vila de Ordes, na parroquia homónima, que está situada a 24 km de Santiago de Compostela e a 36 km da Coruña. Está adscrito á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Ordes.
Xeografía física
A principal característica do relevo de Ordes é a planitude, xa que consta dunha penechaira cunha leve inclinación N-S que está suavemente incidida pola acción de pequenos ríos nun substrato rochoso de xistos. Estruturalmente distínguense dúas partes, por unha banda as suaves elevacións presentes no terzo N, e por outra, unha penechaira sen apenas accidentes orográficos de consideración, que se estende polo centro e S do concello. O terzo N ten unhas altitudes comprendidas entre os 375 e 450 m, e está formado por elevacións de cumios chans, que son restos dunha superficie de erosión practicamente desaparecida. Entre os accidentes máis significativos do extremo setentrional destacan os montes de San Bartolomé, aliñación montañosa que se prolonga cara ao NL por terras de Abegondo. No centro e no S do concello os relevos son achairados con suaves pendentes e con altitudes medias comprendidas entre os 275 e 350 m, en que os ríos formaron vales separados por interfluvios apenas resaltados. O concello de Ordes encádrase no pleno dominio climático oceánico hiperhúmido e está situado nas penechairas centrais coruñesas, aberto aos ventos húmidos do Atlántico, o que se deixa sentir en fortes precipitacións e unha notable suavidade térmica. A temperatura media anual é de 12,3°C, cunha media en xaneiro de 7,1°C e en xullo de 18,3°C e a amplitude térmica extrema chega aos 21,2°C. A precipitación anual media é de 1.683 mm, cunha distribución estacional que amosa unha notable seca estival, xa que o 43% de precipitacións se recolle en inverno, fronte ao 9% que se recolle en verán, ficando con valores medios a primavera co 23% e o outono co 25%. A rede hidrográfica pertence á conca do río Tambre, e o concello está atravesado por ríos caudalosos e de curto percorrido que nacen no concello e desaugan no Tambre, en terras de Oroso e Trazo. O máis importante é o Lengüelle, que recibe as augas do Cabrón, e drena o centro e O do concello a partir dos seus tributarios (Ribeira, Mercurín, Penedas e Fonte). A suavidade climática e orográfica facilitou o desenvolvemento dunha abondosa vexetación arbórea. A forte incidencia das repoboacións recentes de especies alóctonas de crecemento rápido (fundamentalmente eucaliptos) limitou as superficies das caducifolias autóctonas, cada vez máis limitadas ás proximidades dos cursos fluviais.
Xeografía humana
A evolución da poboación de Ordes foi positiva ao longo do s XX, de tal xeito que desde principios do s XX aumentou un 65% os seus efectivos demográficos, un crecemento que, agás en momentos puntuais foi continuado. Entre 1900 e 1910 sufriu unha primeira expansión cunha taxa de crecemento interanual do 0,66%, seguida dunha pequena recesión, entre 1910 e 1920, do -0,19% interanual. Entre 1920 e 1960 a poboación medrou de xeito continuado, aínda que non coa mesma intensidade, xa que se produciron momentos de extraordinario crecemento (entre 1930 e 1940 cun 2,43%), con outros de crecemento máis moderado (entre 1920 e 1930, cun 0,80% interanual, e entre 1950 e 1960, cun 0,88%), e outros de lenta progresión (entre 1940 e 1950 só medrou un 0,25%). Entre 1960 e 1970 o crecemento volveu ser negativo, pois perdeu efectivos demográficos nun -0,97%. Desde 1970 ata 2001 produciuse unha nova progresión, que se fixo máis tenue ao aproximarse ao final do s XX (entre 1970 e 1981 medrou un 1,26% interanual, entre 1981 e 1991 un 0,54%, e entre 1991 e 2001 un 0,25%). O crecemento dende 2001 ata 2007 foi do 3,31%. Este concello beneficiouse da súa situación en pleno eixe atlántico e da súa proximidade a Santiago de Compostela e á Coruña, o que explica como despois de sufrir a crise da emigración da década de 1960 conseguiu sobrepoñerse e retomar o crecemento desde a década de 1970. O crecemento natural (2006) é negativo (-1,5‰) froito dunha natalidae alta (8,1‰) e unha mortalidade tamén alta (9,6‰). A poboación aínda é nova, os menores de 20 anos representan o 16,3% da poboación mentres que os de máis de 65 anos representan o 153,%; o grupo intermedio representa o 65,5%. Por sexos predominan as mulleres, co 51,25% da poboación.
Xeografía económica
O concello ten unha taxa de actividade xeral do 54 % (65,3% a masculina e 43,6%a feminina); a taxa de ocupación é do 49% (60% a masculina e 38,8% a feminina); e a taxa de paro é do 9,2% (8% a masculina e 10,2% a feminina). O sector primario non ten a importancia de décadas atrás, e só dá traballo ao 12,3% da man de obra. A superficie cultivada representa o 29,12% do territorio, e está ocupada por cultivos forraxeiros (64,19% das terras labradas), millo (13,45%) e trigo (11,68%). As superficies destinadas a prados e pastos ocupan o 18,89 % do territorio. Na industria, co 28% do emprego, destacan o sector téxtil, a industria do moble e a extracción de áridos. A construción acada o 19,1% da man de obra, e está favorecida pola intensa actividade inmobiliaria na vila e polas oportunidades para os construtores locais nas veciñas cidades de Santiago de Compostela e A Coruña. Este concello converteuse no principal centro de servizos, que acadan o 40,6% da man de obra, dunha ampla comarca que se estende pola marxe esquerda do curso medio e superior do río Tambre. Das súas funcións destacan a de ser cabeza de partido xudicial, con gran cantidade de servizos vinculados ao sector xurídico e empresarial, a de posuír servizos sanitarios de alcance comarcal, ciclos formativos de grao medio especializados e manter un notable equipamento comercial para abastecer unha demanda que procede basicamente de toda a comarca, así como servizos financeiros especializados. As principais vías de comunicación son a autopista AP-9, da Coruña a Vigo e a N-550, da Coruña a Tui, así como outras estradas que comunican a capital municipal con Carballo, Cerceda, Trazo, Frades e Xanceda, e Mesón do Vento con Betanzos. O seu territorio está atravesado pola vía de ferrocarril que une A Coruña con Vigo.
Historia
A antigüidade do poboamento remóntase á época castrexa, da que destacan os castros de Cañás, Cerdón e Ferreiros. Na Idade Media pertenceu ao condado de Trastámara e permaneceu intimamente vinculado aos monarcas desta casa. Nas súas terras, a medio camiño entre A Coruña e Santiago de Compostela, pasou a noite Filipe II en 1554 e en 1815 foi detido J. Díaz Porlier, despois de promover unha insurrección e instaurar un réxime constitucional. Durante o primeiro terzo do s XIX viviu unha axitada historia, primeiro no contexto da Guerra da Independencia e logo como consecuencia da Primeira Guerra Carlista (1833-1839) e o Levantamento de 1846, pois foi lugar de paso das forzas do goberno e do exército, ao mando de Miguel Solís. Durante o Antigo Réxime o seu territorio estivo repartido entre as xurisdicións de Mesía, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela; Folgoso, señorío do conde de Altamira, agás a parroquia de Mercurín que era señorío do marqués de Astorga, e o couto redondo de Faramilláns, señorío do marqués de Bóveda. En 1821 existían no territorio os municipios de Poulo e Folgoso. Disolta a organización municipal en 1823, o concello de Ordes creouse en 1835 e mantivo o seu propio partido xudicial, que pertence á provincia da Coruña.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, consérvase unha ponte de época romana, que formou parte da vía XX. Das súas construcións relixiosas destacan as igrexas parroquiais de Santa María de Ordes, San Xulián de Poulo, San Clemente de Mercurín, Santiago de Vilamaior, Santa María de Beán, San Pedro de Ardemil e San Paio de Buscás. No eido da arquitectura civil destacan os pazos de Bidueiro e Codeseda. Do seu patrimonio cultural destacan o espazo do Río Tambre, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Das festas que teñen lugar no concello destacan a celebrada na vila de Ordes, en honor a Santa María, e as romarías de Santa Lucía en Mercurín e San Paio en Buscás. Ademais celébranse a Festa do Queique, a do champiñón e as festas de gando Expogasa, Fegasa e Adina.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Ordes |
| Extensión | 157 Km2 |
| Poboación Total | 12359 h |
| Poboación Homes | 6024 h |
| Poboación Mulleres | 6335 h |
| Densidade de poboación | 78.72 h/Km2 |