Oregon

Oregon

Estado de EE UU, situado na rexión do Pacífico (251.419 km2; 3.421.399 h [2000]). A súa capital é Salem. Limita co estado de Washington ao N, co de Idaho ao L, Nevada e California ao S e co Océano Pacífico ao O. Preto da costa érguese a Cordilleira da Costa, separada da Cascade Range pola depresión de Portland e Albany. Nos vales do Willamette e do baixo Columbia, atópanse as principais áreas agrícolas, con cultivos de forraxe, millo, patacas, froitas e verduras. Ademais, explota racionalmente bosques de abeto de Douglas para a fabricación de pasta de papel. A conurbación de Portland-Vancouver (Washington) forma a principal área urbana. Habitada por tribos atapascanas ou salish, Bartolomé Fenelo (1543) e Vizcaíno e Aguilar (1603) exploraron as súas costas e Francis Gary o interior (1792). Disputada por españois, ingleses, rusos e estadounidenses, en 1818 os ingleses aceptaron un condominio cos estadounidenses. Grazas ao Oregon Trail, iniciouse a mediados do s XIX unha forte corrente inmigratoria á zona, que se converteu en territorio en 1848 e no 33º estado da Unión en 1859. O descubrimento de minas de ouro en 1861 atraeu a moitos inmigrantes e provocou un alzamento das tribos indias, que non foron sometidas ata 1889.

Palabras veciñas

Örebro | Örebro | Orega | Oregon | Oreiro | Oreja Aguirre, Marcelino | orejón*