oroxénese
(< 1 oro- +xénese)
Fase do ciclo xeolóxico durante a que se forman as montañas. Os procesos oroxénicos desenvólvense relativamente en pouco tempo e en diversas fases; unha das súas características fundamentais é a súa descontinuidade no tempo, xa que na dinámica da codia terrestre se suceden períodos dunha grande intensidade oroxénica con outros, máis longos, de gran calma. Comeza coa compresión das capas sedimentarias dos xeosinclinais e a súa posterior elevación. Cando esta alcanza unha determinada intensidade e as futuras montañas xa emerxeron, aparecen os depósitos de molasa, que indican unha incipiente erosión. Nun estado máis avanzado inícianse as intrusións magmáticas, que poden chegar a aflorar cara á superficie terrestre. A oroxénese acaba cun reaxuste isostático que dá paso á fase seguinte do ciclo xeolóxico: a denudación das montañas acabadas de formar. Durante a historia da Terra existiron diversas oroxéneses, das que as máis importantes son: a caledoniana e a herciniana durante o Primario; a kimmeridxiana e a astúrica durante o Secundario; e a pirenaica e a alpina durante o Terciario. A teoría da tectónica de placas afirma que a oroxénese se debe aos desprazamentos horizontais das diversas placas que forman a codia terrestre e que o motor do desprazamento destas placas son as correntes subcorticais. OBS: Tamén se denomina oroxenia.