Ourense

Ourense


Concello da comarca e provincia homónima, situado no SL da Comunidade Autónoma de Galicia e no centro da provincia de Ourense ( 42° 20’ 17” de latitude N e 8° 8’ 10” de lonxitude O). Limita ao N cos concellos de Amoeiro e Coles (comarca de Ourense), ao L con Pereiro de Aguiar (comarca de Ourense), ao S con San Cibrao das Viñas, Barbadás e Toén (comarca de Ourense) e ao O co de Punxín (comarca do Carballiño). Abrangue unha superficie de 84,5 km 2 en que acolle unha poboación de 107.186 h (2007), distribuída nas parroquias de Arrabaldo, Beiro, Canedo, O Castro de Beiro, Ceboliño, Cudeiro, Montealegre, Ourense, Palmés, Rairo, Reza, Santa Mariña do Monte, Seixalbo, Trasalba, Untes, Velle, Vilar de Astrés e Vista Fermosa. A súa capital é a cidade de Ourense, que está situada a 110 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á diocese e ao partido xudicial de Ourense.
Xeografía física

Relevo e xeoloxía
Está situado no val do Miño, no fondo dunha depresión rodeada de pequenos montes. A conformación xeomorfolóxica deste espazo débese a un proceso sincrónico entre a incisión fluvial e o levantamento tectónico do Terciario. Así, mentres que o terreo circundante se elevou progresivamente como consecuencia da reactivación alpina, a rede fluvial escavou o val sobre liñas de debilidade ou fracturas. O espazo en que está situada a cidade é unha depresión cortada polos cursos fluviais e rodeada de elevacións que forman un nivel achairado de 300-400 m. Este arco que encerra o val de Ourense individualízase nalgúns cumios como Montealegre (474 m) e Os Canivelos (323 m) ao L, Carpazal (494 m) ao O, o alto do Couso (356 m) e San Mamede (358 m) ao N, e O Cumial (348 m) e As Corvaceiras (342 m) ao S. A tectónica xerou nas zonas de contacto liñas de fractura que se relacionan cos numerosos mananciais de augas termais como As Burgas ou Reza, o que confirma a complexidade da rede de fallas. En canto á litoloxía destacan as rochas ígneas (granitos) e os depósitos aluviais (terrazas). Os granitos ocupan a maior parte do territorio, e distínguese o granito de dúas micas (de Allariz) no sector setentrional e a granodiorita tardía (de Ourense) no meridional. Entre ambos os dous dominios discorre o Miño, aínda que a liña de contacto non se corresponde exactamente co curso do río. A modelaxe natural destes granitos resólvese nas típicas formas de penedos e castelos.
Climatoloxía
Ourense atópase dentro do dominio climático oceánico mediterráneo, aínda que a súa situación a sotavento do cordal montañoso da Dorsal Occidental Galega e a distancia considerable as do litoral, imprimen un certo carácter continental ao seu clima. Por isto, as masas de aire húmidas chegan a Ourense atenuadas e en ocasións, actúan como desecantes ao absorber parte da humidade local, xerando unha sensación de bochorno climático. Tamén se atopa ao abrigo dos ventos fríos do N-NL, o que explica que as temperaturas que se rexistran sexan superiores ás que se dan no mesmo val do Miño na provincia de Lugo. Está situado no fondo dunha depresión pechada, o que provoca en ocasións a acumulación e o estancamento das masas de aire, tanto frías como cálidas, dando lugar a situacións en que as temperaturas se acentúan e se crean illas de calor ou de frío no val, fronte a unhas condicións térmicas máis suavizadas nas elevacións que o circundan. Os índices climáticos medios agochan relativamente esta continentalización, xa que a temperatura media anual é de 14°C, a do mes máis frío (xaneiro) é de 7°C e a do mes máis cálido (xullo) é de 19°C, cunha oscilación térmica media de 12°C. Os valores absolutos marcan o afastamento do litoral, e así a media das mínimas absolutas é de -3,1°C e as máximas absolutas mensuais superan os 30°C durante os meses de xuño a setembro. As precipitacións sitúanse entre os 700 mm e os 800 mm anuais distribuídos en 120 días de media, cunha concentración das precipitacións en inverno (38%), outono (27%) e primavera (26%), fronte a un verán seco (9%), con índices de aridez desde xuño ata setembro.
Hidrografía e vexetación
A rede fluvial está articulada ao redor do río Miño e dos seus afluentes, o Barbaña e o Loña. Os cursos destes ríos forman vales pouco encaixados con elevacións pandadas, froito do desgaste e da erosión dos materiais. O Miño tamén escavou o seu curso ao elevarse o terreo, como testemuñan os distintos niveis de terrazas que aparecen nas proximidades da zona urbana (As Lagoas, Arrabaldo, Reza, Os Remedios). Os depósitos aluviais sitúanse en ambas as dúas marxes das concas dos ríos Miño, Loña e Barbaña, e acadan unha maior extensión na área onde se asenta a cidade. En canto á vexetación e aos solos predominan os litosolos sobre materiais graníticos cun horizonte orgánico moi feble, e os solos de tipo ranker poboados de piñeiros. Os solos máis profundos atópanse nas superficies de aplanamento, onde a alteración da rocha foi maior, e nas antigas terrazas fluviais, onde polo xeral son moi permeables. Destacan os piñeirais e os soutos fronte a un número menor de agrupacións de carballos e sobreiras.
Xeografía humana

Demografía
Ourense é a terceira cidade de Galicia, despois dos núcleos reitores do eixo de desenvolvemento litoral, A Coruña e Vigo. A cidade das Burgas sempre se caracterizou pola súa excelente situación nun nó natural de comunicacións, favorecida ademais polas boas calidades do subsolo, o que lle permitiu medrar de forma cuantitativa e cualitativa ao longo dos séculos. Desde as incertas orixes na época romana, pasando polas repoboacións asturianas, o desenvolvemento medieval e as crises da Idade Moderna, ata a constitución como capital provincial en 1833 e o crecemento urbano do s XX, a situación e emprazamento de Ourense exerceron unha positiva influencia na historia da cidade. O seu crecemento non se explica en función do saldo natural senón polo movemento migratorio que xerou un saldo favorable, na súa maior parte procedente doutros concellos da provincia, de tal forma que a capital seguiu medrando á custa dunha provincia que perdeu, na segunda metade do s XX, o 35% dos seus efectivos. A taxa de natalidade en 2006 foi do 8‰, un valor reducido pero similar aos rexistrados de media noutras capitais provinciais españolas, e a taxa de mortalidade media foi do 10,4‰, do que se deduce un crecemento natural do -2,4‰.
Na estrutura por idades apréciase o proceso de avellentamento da poboación, moito máis grave nos concellos rurais da provincia pero que tamén se deixa sentir na capital, xa que o 20,8% da poboación ten máis de 65 anos, fronte a unha porcentaxe dos menores de 20 anos do 17,1%; o grupo intermedio representa o 62,1%. Este proceso de avellentamento débese á caída das taxas de natalidade, ao aumento da esperanza de vida e ao regreso de moitos emigrantes que se estableceron na cidade ao acadar a idade da xubilación. No reparto por sexos da poboación, a situación é claramente favorable ás mulleres: 53,54% fronte a 46,45% de homes.
Evolución do plano urbano
A cidade está emprazada entre as faldras de Montealegre e as terrazas do Miño na confluencia cos vales do Loña e o Barbaña, pero o núcleo primixenio estaba limitado ao interfluvio deste último río, próximo ás fontes termais das Burgas. Posiblemente, ese fora o centro do primeiro asentamento, pois antes da romanización o carácter máxico duns mananciais de auga quente converteron este espazo nun lugar de peregrinación e poboamento. O emprazamento de Ourense nunha encrucillada de corredores naturais posibilitou que a súa evolución estivera marcada desde as súas orixes polo comercio e o transporte. Aínda que existen restos dun asentamento de época romana, o verdadeiro desenvolvemento do núcleo iniciouse na Idade Media cando quedou consolidada como sé episcopal. O bispo foi a representación do poder na cidade ata o s XVI, mentres que a base económica do desenvolvementeo urbano baseouse na comercialización do viño que se producía nas terrazas do Miño e do Barbaña. Os primeiros trazos urbanos remóntanse aos ss XI-XIII, como se reflicte nas rúas e prazas da zona histórica, aínda que a urbe apenas creceu ata o s XIX. Moitos dos edificios deste núcleo, de orixe medieval, correspóndense con pazos construídos durante a Idade Moderna. A primeira remodelación de importancia no plano de Ourense produciuse no s XIX, cando o núcleo deixou de estar reducido ao espazo de intramuros e comezou a medrar en dirección N-S, seguindo o trazado da estrada de Vigo a Villacastín que finalizou en 1861 (rúa do Progreso). O crecemento deste período fundamentouse principalmente nas novas funcións que lle conferiu o feito de ser designada capital provincial en 1833 e no impulso das infraestruturas de transporte, tanto por estrada como por ferrocarril, xa que foi inaugurada a estación ferroviaria en 1881, naquel momento concello de Canedo. O crecemento urbano de finais do s XIX e comenzos do s XX conformou un ensanche irregular con límite no parque de San Lázaro, onde se levantaron os edificios importantes da época e cara a onde se foron trasladando o comercio e as institucións públicas que antes se localizaban na zona histórica. A verdadeira expansión de Ourense produciuse a mediados do s XX marcada pola inmigración rural, na procura dun traballo na capital, que se foi asentando nos barrios residenciais que foron xurdindo na periferia do núcleo ao longo das vías de acceso á cidade, e polas remesas de capital que os emigrantes enviaban desde os países de destino, e que se canalizaron cara á construción de vivendas, non cunha función estritamente residencial, senón como un investimento. Esta circunstancia, xunto coa escura actuación dalgúns construtores, axentes inmobiliarios e políticos locais, produciu unha espectacular alza no prezo do m 2 construído e unha forte especulación. Esta evolución veu marcada polo intento de resolver os erros que se cometeran en etapas anteriores e a creación de novas áreas residenciais, situadas en espazos cada vez máis afastados do centro urbano, incluso en sectores próximos a concellos limítrofes como o da Valenzá (Barbadás). A zona histórica presenta unha clara diferenciación entre un sector ao N da Praza Maior, ben conservado e monumental, e un sector ao S máis degradado ou incluso en estado de ruína. O centro comercial esténdese polo eixe Paseo-Parque-Progreso ao tempo que se produce a substitución de antigos edificios por outros de maior altura, onde as dúas ou tres primeiras plantas están destinadas a oficinas, ou ben se engaden novas plantas a edificios consolidados. Os barrios das décadas de 1960 e 1970 (San Francisco, As Lagoas, O Posío, A Ponte) perderon vitalidade demográfica ao permanecer as unidades familiares que se asentaron neles. Os espazos periféricos da cidade son os que rexistran un maior dinamismo construtivo, xa que xurdiron novas urbanizacións nas inmediacións das estacións de transporte, da Avenida de Santiago, ou do Estadio do Couto. Nelas, predomina a edificación en altura de grandes bloques de vivendas. Finalmente, na periferia urbana tamén aparecen edificacións unifamiliares acaroadas (Cabeza de Vaca) ou de autoconstrución (estrada de Santiago, de Zamora, Oira, Lonia).
Xeografía económica
A taxa de actividade do concello de Ourense é do 52,1% (60,9& a masculina e 44,7% a feminina); a taxa de ocupación é do 45,4% (54,8% a masculina e 37,4% a masculina); e a taxa de paro é do 12,9% (10,1% a masculina e 16,2% a feminina). Na estrutura socioprofesional destaca o aumento dos empregados no sector servizos e a redución das persoas ocupadas no sector primario. A agricultura ocupaba ao 1,2% da poboación activa, a industria ao 14,5%, a construción ao 9,4% e o terciario ao 74,9%. Na última década do s XX, a economía ourensá sufriu unha notable transformación en consonancia coa evolución económica galega en converxencia coa española. Os cambios no tecido produtivo traducíronse na desaparición da agricultura como sector económico clave, aínda que COREN se consolidou como un dos puntais empresariais da economía provincial, e o cambio no modelo de concepción de crecemento industrial implícito na creación do Parque Tecnolóxico de Galicia (1992), que representa unha aposta pola innovación na industria ourensá. Neste contexto, a cidade atópase nunha encrucillada que deriva do fin dun proceso de industrialización, moi tardío en relación con outros espazos, e o inicio dun novo modelo urbano. A sucesión dunha serie de iniciativas como o Parque Tecnolóxico, o campus universitario e o remate das novas vías de comunicación, converteron a derradeira década do s XX nunha etapa clave para o posterior crecemento da capital provincial. Con respecto á distribución no espazo da actividade industrial, a maior parte dos traballadores realizan a súa actividade ao redor da capital provincial fóra do concello. Unha boa parte das industrias máis importantes localízanse no Polígono Industrial de San Cibrao de Viñas, aínda que nos últimos anos xurdiron novos espazos alternativos, fundamentalmente ao longo da estrada de Vigo, na parroquia de Arrabaldo e, no tramo da estrada de Santiago de Compostela entre a capital e Gustei, ademais doutros emprazamentos dispersos polos concellos da periferia ourensá. O sector da construción é un importante elemento no crecemento económico de Ourense, especialmente na segunda metade da década de 1990, cando se multiplicou tanto o número de empresas dedicadas á actividade inmobiliaria como ás promocións de novas edificacións. O sector terciario é o motor económico. A cidade dispón dunha grande oferta de calidade no seu equipamento, tanto comercial como doutros servizos, e desde un punto de vista estritamente comercial, Ourense amosa un tecido denso e diversificado. No comercio polo miúdo existe un notable predominio do comercio especializado, sobre todo no téxtil e nos bens de uso persoal. Por outra banda, o concello non está á marxe das novas formas comerciais, xa que destaca un gran centro comercial na beira do Miño. Os servizos máis cualificados atópanse tamén na capital provincial, así como os servizos sociais, educativos e sanitarios.
Historia

Prehistoria e historia antiga: dos primeiros poboadores ao dominio romano e suevo
Os restos arqueolóxicos máis antigos que se atoparon no concello corresponden a concentracións de materiais propios das industrias líticas do Paleolítico Inferior, época desde a que foi posible o asentamento nestas terras debido ás súas óptimas condicións naturais e a un paleoclima suave. Como consecuencia dos cambios climáticos e de vexetación, esta situación puido inverterse desde o Mesolítico e o Neolítico, provocando a migración e o despoboamento. A existencia de asentamentos castrexos testemuñárona os restos aparecidos nas parroquias do Castro de Beiro, Cudeiro ou Oira. Coa chegada e ocupación romana do NO peninsular durante os ss II-I a C, produciuse a aparición dun núcleo urbano nos arredores das Burgas, que denominaron Auria -en referencia aos abundantes recursos auríferos do río Miño- que se integrou no convento xurídico Bracarense e no que desenvolveron unha ocupación entre os ss I e III. Para facilitar as comunicacións, a mobilidade do exército, potenciar a economía e favorecer as relacións comerciais, os romanos construíron unha ponte sobre o Minius (río Miño), que comunicaba unha das vías secundarias coa vía XVIII do itinerario Antonino, así como unha serie de vías por todo o concello, como a que enlazaba Aquis Querquernis (Baños de Bande) con Ourense cara a Lucus Augusti (Lugo), a que chegaba desde Aquae Flaviae (Chaves) ata Ourense, pasando por Aquae Germinae (Baños de Molgas), a que enlazaba Geminis (Sandiás) con Ourense ou a que se dirixía cara a Iria (Iria Flavia), onde comunicaba coa vía marítima que levaba a Brigantium (Betanzos). Os cultos a divindades prerromanas da natureza coexistiron co culto aos deuses do panteón romano e co culto aos emperadores. Coa creación en 420 dun reino suevo independente con sede en Gallaecia Ourense converteuse en sé eclesiástica. Isto, unido ás cuñaxes que se realizaron en época de Khindasvinto e Suintila, outorgoulle unha grande importancia á cidade en que, cara a mediados do s VI, Teodomiro implantou o culto a san Martiño de Tours e construíu un templo na súa honra (Santa María a Nai), en agradecemento a un suposto milagre que o santo lle concedera.
A Alta Idade Media
Durante a época medieval, Ourense converteuse nunha das cinco vilas galegas de señorío episcopal. Desde 716 foi ocupada polos árabes e destruída por ‘Abd al-’Azīz ibn Mũsà ibn Nuṣayr. Isto, unido á expedición de Almanzor (985) e ás incursións normandas (1015), provocou unha situación de inestabilidade que se prolongou ata o bispado de Ederonio (1071). A cidade comezou a recuperarse coa política repoboadora de Afonso III, pero non foi ata o s XII cando tivo un importante pulo demográfico e unha intensificación da produción agrícola, artesanal e comercial, que acompañaron o verdadeiro xurdimento do núcleo urbano. Neste proceso xogaron un papel importante tanto a Igrexa, como a monarquía e o concello de Ourense, que xurdiu como tal durante o s XII. Dun lado, as terras de Ourense víronse favorecidas pola política de achegamento -como a concesión do reguengo e infantado de Ourense ao bispo Diego Velasco (1122)- da coroa portuguesa que, con Tareixa de Portugal, chegou a anexar a comarca de Ourense. Para contrarrestar este avance e reforzar o seu poder fronte á ameaza portuguesa, Afonso VII confirmou, en 1133, a xurisdición episcopal sobre a cidade e concedeu a ampliación do couto. Diego de Velasco durante o seu bispado (1100-1132), concedeu a carta de poboamento á cidade e iniciou un proceso de reedificación dos palacios episcopais que se completou coa construción da catedral románica baixo os bispados de Pedro Seguín (1157-1169), Adán (1169-1173) e Afonso I (1174-1213) e cunha ampliación urbanística, co bispo Lourenzo (1218-1248). A este esplendor urbanístico sumóuselle o económico, centrado na produción e exportación de viño e que desde o s XV adquiriu cada vez un maior grao de especialización.
A crise baixomedieval
Desde finais do s XIII, os problemas entre o concello, a monarquía e o bispado magnificáronse. O bispo Pedro Yáñez de Nóvoa foi apresado despois de ordenar a destrución do convento dos franciscanos a finais do s XIII e retiróuselle o dereito de nomear xuíces. A estes antecedentes sumouse unha importante crise con perdas demográficas como consecuencia das pestes e un aumento dos conflitos sociais, e mentres os bispos reivindicaban á monarquía o restablecemento dos seus antigos privilexios, os homes do concello protestaban polos abusos do poder episcopal. Tras o inicio da dinastía dos Trastámara fortaleceuse a institución episcopal que, con Xoán I (1379-1390) recuperou a xurisdición sobre a cidade, control que disputou o conde de Lemos, Fadrique Enríquez de Castro. Ademais, en 1445, produciuse un asalto popular ao palacio episcopal despois de elixir a Pedro Álvarez Osorio como protector da institución municipal, sen demasiado éxito. Durante a Segunda Guerra Irmandiña (1467-1469), os homes do concello tomaron pola forza o señorío da cidade e derrubaron o castelo Ramiro, símbolo do poder bispal, por decisión da Irmandade Xeral do Reino de Galicia; unha vez que os nobres recuperaron a autoridade perdida a revolta fracasou. En 1471 continuaron os enfrontamentos entre os condes de Lemos e os condes de Benavente polo señorío da cidade. A loita librouse diante da fachada norte da catedral, que quedou parcialmente destruída e nela resultou vitorioso o conde de Lemos Pedro Álvarez Osorio. A pesar de todos estes conflitos, durante o s XV tivo lugar unha recuperación demográfica e económica. A especialización vitícola foi cada vez maior e tamén foi importante o cultivo do cereal, de legumes e hortalizas, a produción e a especialización artesanal, e o desenvolvemento comercial, que se caracterizou pola celebración de feiras e mercados de periodicidade diversa en todos os puntos da provincia e da cidade. As redes principais de acceso eran a terrestre e a fluvial, con dous portos (Auriense e porto Vello) entre as desembocaduras do Loña e do Barbaña.
O Antigo Réxime
A chegada ao poder dos Reis Católicos provocou unha serie de cambios baseados nunha idea de centralización, que en Ourense se manifestaron nun traspaso de poder do palacio episcopal ás casas consistoriais, en relación directa coa aparición da figura do corrixidor (1484), con amplas facultades xudiciais e gobernativas. O clima de estabilidade propiciou unha renovación urbanística, parella ao incremento poboacional do s XVI e á consolidación do núcleo urbano, que se viu favorecida durante o s XVII coa instalación das ordes xesuítas e dominicanas, cuxo labor educativo tamén foi de grande importancia. Fronte a eles, apareceron nesta época as primeiras escolas de ensino oficial, de corte máis laico. No s XVIII, o afán construtivo desempeñárono bispos como Marcelino Sauri. Durante estes dous últimos séculos, o peso demográfico foise reducindo notablemente, especialmente no sector urbano, a consecuencia das pestes, da fame derivada das malas colleitas ou das dificultades no abastecemento, así como da carencia dun sistema sanitario e dunhas medidas hixiénicas. Nestes momentos, as parroquias do concello distribuíanse nas xurisdicións de Ourense, Amoeiro, Bóveda de Amoeiro, Canedo do Miño, Velle, Ceboliño, Cudeiro, Santa Comba de Naves, Piñor e Seixalbo, así como nos coutos redondos de Monte e Santa Cruz de Arrabaldo, señoríos eclesiásticos e laicos. Aínda que cun alto índice de avellentamento da poboación, a cidade de Ourense continuou presentando un forte carácter urbano que se manifestou nunha grande actividade artesanal e comercial, así como nun progresivo incremento da fiscalidade real, que foi a causa de varios motíns.
Os conflitos do s XIX: o triunfo do conservadorismo
Durante a Guerra da Independencia (1808-1814) calquera indicio de colaboración cos franceses foi imposible nun lugar en que a burguesía ilustrada era unha clase practicamente ausente. En 1809 Ourense foi refuxio das tropas inglesas que fuxían do exército napoleónico desde Astorga, das tropas do marqués de La Romana, cando se dirixía a loitar contra os franceses en Portugal e do xeneral francés Fournier, antes de unirse a Soult camiño de Portugal. De marcada tradición conservadora, Ourense foi un dos últimos focos de resistencia absolutista nos momentos anteriores ao Trienio Constitucional, época en que se levaron a cabo as primeiras medidas desamortizadoras. Neste momento, nas súas terras existían catro concellos: Caldas, Ourense, Palmés e Seixalbo. Aínda que pertencían ao partido xudicial de Ourense, coa división de Galicia en catro provincias (1822) pasaron a depender da provincia e deputación de Ourense. Aínda que en Ourense non tivo demasiada repercusión, durante a Primeira Guerra Carlista (1833-1839) produciuse un motín no cárcere provincial, a división provincial de Galicia, que se reafirmou en 1833, e a capitalidade da cidade de Ourense na provincia homónima. En 1834 comezou a publicarse o Boletín Oficial de la Provincia de Orense. Inmediatamente á rexencia de Espartero, formouse na cidade un forte núcleo de oposición ao progresismo do rexente que non se superou ata o final da Década Moderada, cando por primeira vez Ourense se sumou a un alzamento progresista, que triunfou coa Revolución de 1854. Despois da Revolución de setembro de 1868 iniciouse un período de axitación que continuou ata a Restauración, momento en que se optou por alternar o poder entre conservadores e liberais e implantouse o caciquismo como sistema de control político.
A evolución finisecular cara ao progreso
A modernización económica do concello fíxose esperar ata as últimas décadas do s XIX. A produción agrícola e a artesanía limitábanse ao autoconsumo, e destacou no precario panorama industrial a creación da Fundición Malingre (1849) que fundou o belga Manuel Malingre Parmentier. De feito, non foi ata os últimos anos do s XIX cando se iniciou un proceso de desenvolvemento urbanístico ininterrompido, como consecuencia directa do incremento demográfico, que foi especialmente intenso a partir da instalación do trazado de ferrocarril Ourense--Vigo (1856-1881) ou das estradas principais que comunicaban a cidade con Vigo ou con Madrid. Tamén se procedeu á instalación da iluminación pública e á canalización do río Loña. Parello ao crecemento urbano e económico da cidade xurdiron as primeiras asociacións obreiras (Sociedad de Obreros de Orense) e sindicais (UGT), que viviron anos de intenso activismo. Nestas últimas décadas, rexistráronse as primeiras loxas masónicas (Auria nº 59/nº 10, Amor nº 358, Universo nº 197), consolidáronse partidos de esquerdas como o PSOE, e comezaron a aparecer os primeiros movementos agraristas e rexionalistas, así como as primeiras publicacións de corte político (El Correo de Galicia, El Derecho, El Miño, El Eco de Ourense) e cultural.
Os sistemas ditatoriais do s XX: de Primo de Rivera a Francisco Franco
Iniciado o s XX continuaron as protestas obreiras e as presións de grupos nacionalistas, representados principalmente na figura dos intelectuais. Xunto á creación das Irmandades da Fala, xurdiu na cidade de Ourense o grupo Nós (1920). O seu interese e os seus proxectos de sacar a Galicia do seu illamento e favorecer a súa apertura cara a novos horizontes universais sen perder a identidade nacional, non puideron evitar, porén, que a historia do concello correse paralela á de España, nin durante os procesos republicanos nin durante as ditaduras. Desde 1923 e cunha acollida favorable en Ourense, implantouse a Ditadura de Primo de Rivera, que incluso algúns sectores republicanos apoiaban como vía para acabar co caciquismo. A pesar deste primeiro apoio a Primo de Rivera e ao seu principal líder ourensán, Xosé Calvo Sotelo, a visita de ambos os dous foi recibida con manifestacións de protesta, descontento que, cara a 1930, manifestaba xa a sociedade con respecto ao réxime político. Nas eleccións do ano seguinte e, ao contrario que a corrente maioritaria en todo o país, en Ourense triunfou o voto conservador. Durante a Segunda República reapareceron as loxas masónicas (Constancia nº 13) e tamén os grupos nacionalistas, especialmente representados no Partido Galeguista, aínda que nos dous seguintes comicios o triunfo continuou do lado dos conservadores. Ourense esperou ata o día 20 de xullo de 1936 para declarar o estado de guerra, cun apoio case plenamente maioritario ao bando sublevado. Os postos de decisión e control quedaron en mans dos militares e constituíuse un novo concello e unha comisión xestora, ao tempo que se procedeu ao envío de tropas a diferentes puntos da provincia para conter os posibles focos de resistencia. O proceso de represión e depuración contra as esquerdas encheu de presos tanto o cárcere provincial como os mosteiros de concellos veciños (Celanova, Oseira), e moitos foron axustizados indiscriminadamente. De inmediato comezou o recrutamento, e partiron os primeiros grupos cara á fronte de Asturias, o 28 de xullo de 1936. Despois de finalizada a guerra xurdiu o concello de Ourense (1943), produto da fusión dos antigos concellos de Canedo e Ourense. As comunicacións da cidade melloráronse, especialmente coa construción do viaduto (1948), que comezara coa da ponte nova (1918) , así como coa inauguración da Estación-Empalme, con motivo da execución da nova liña férrea Zamora--Ourense (1958). Ao redor dela produciuse un novo ensanche da cidade que durante a década de 1970 derivou nun desbordamento construtivo continuo.
Do posfranquismo ao cambio de século: o aperturismo democrático
Coa caída do Franquismo e o establecemento dun sistema democrático Ourense desenvolveu unha crecente evolución. A apertura cara ao exterior e o novo marco de liberdades que se abriu con este novo sistema, afectou non só ao terreo político, senón tamén ao económico, ao social e ao cultural. Nas eleccións municipais de 1987 saíu elixido alcalde Manuel Veiga Pombo (PSOE), cargo que ocupou ata 1995, ano en que foi substituído polo candidato do Partido Popular Manuel Cabezas, e que renovou sucesivamente nas eleccións de 1999 e 2003. O sector económico tamén se viu favorecido co retorno dun gran número de emigrantes que investiron parte das súas divisas no terreo inmobiliario e mercantil. No aspecto cultural, este tamén resultou un período favorable para o desenvolvemento do ensino universitario e musical, así como para o mundo das artes visuais, fundamentalmente desde a posta en marcha de iniciativas como as Xornadas de Cine do Cine-Club Padre Feijoó e a celebración do Festival Internacional de Cine Independente de Ourense.
Patrimonio cultural
Nos arredores da cidade de Ourense consérvanse restos dalgúns xacementos castrexos como o de Santomé, de época galaico-romana. O asentamento romano tamén deixou unha forte pegada, especialmente representada pola ponte romana, que foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC) en 1961. Tamén romanas foron as moedas do s IV atopadas na cidade, restos dunha antiga necrópole, pedras de muíño, restos dun sumidoiro ou as aras votivas dedicadas tanto a divindades indíxenas como romanas, como a que apareceu no contorno das Burgas, dedicada a Calpurnia Abana. A maior parte das construcións civís e relixiosas da cidade, erguidas na súa maior parte durante a Idade Media, concentráronse nos arredores da zona antiga da cidade, que foi declarada BIC en 1975. Destacan a catedral de San Martiño (BIC, 1931) e a Praza Maior -onde se construíu a casa do concello-, principais eixes de referencia da cidade. No seu contorno atópanse as prazas do Corrixidor, do Trigo ou do Ferro. A arquitectura relixiosa está fortemente representada con igrexas como a da Virxe de Fátima, a da Trindade, a de San Francisco (BIC, 1951), as de Santa Eufemia do Norte e do Centro, a barroca de Santa María a Nai, o claustro de San Francisco, a ermida de Nosa Señora dos Remedios (BIC, 1968) ou o pazo episcopal (BIC, 1931). Tamén destacan as construcións civís como o pazo de Eiroás, o Teatro Principal, o pazo dos Oca-Valladares (sede do Liceo Recreo Orensano), o Arquivo Histórico Provincial de Ourense (BIC, 1997), os museos Arqueóloxico Provincial (BIC, 1962) e Municipal, ou o Instituto de Educación Secundaria Otero Pedrayo. Con fins máis funcionais construíuse o Mercado Municipal e tamén se configuraron na cidade espazos de recreo como o parque de San Lázaro, cunha escultura de Asorey en honra aos caídos durante a Guerra Civil Española, os xardíns do Posío, o parque Miño, ás beiras do río, ou a Alameda. Ademais, arquitectos como Daniel Vázquez Gulías contribuíron a embelecer a cidade con importantes edificios, como a casa Junquera, en estilo ecléctico e modernista. Os mananciais de augas termais das Burgas e do Tinteiro, completáronse con varias instalacións nas termas da Chavasqueira, con todo tipo de terapias de baños de carácter curativo. Atravesada polo río Miño, a cidade de Ourense caracterizouse polas cinco pontes que comunican as súas dúas metades: a romana, a nova, a novísima, a ponte do milenio e o viaduto. Nun dos extremos da cidade está o cemiterio de San Francisco (BIC 2000). Fóra do núcleo urbano destacan a ponte Loña, as igrexas parroquiais románicas de Santa Baia de Beiro, Santa Marta de Velle e Santa María de Reza ou pazos como os de Souto de Rei e Ribadeneira (Cudeiro), o de Ramirás e o de Casanova (Arrabaldo), o de Reinoso (Canedo), o de Velle (Velle), o de Casar do Mato (Santiago das Caldas) ou o de Varela de Limia (Reza). Ourense celebra as festas populares do Entroido en febreiro, a dos Maios o 3 de maio, o Corpus Christi en xuño, as festas de Santiago Apóstolo o 25 de xullo, a dos Remedios o 8 de setembro e o magosto o 11 de novembro, festividade de san Martiño.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Ourense
Extensión 84 Km2
Poboación Total 107186 h
Poboación Homes 4979 h
Poboación Mulleres 57396 h
Densidade de poboación 1276.02 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias