Ourense, provincia de

Ourense, provincia de

Circunscrición administrativa de España, unha das catro en que se divide a Comunidade Autónoma de Galicia, situada no seu cuadrante SL. Integrada por 92 concellos (2001), están agrupados en 12 comarcas (O Carballiño, Ourense, Terra de Caldelas, Terra de Trives, Valdeorras, O Ribeiro, Terra de Celanova, Allariz-Maceda, Baixa Limia, A Limia, Verín e Viana), e abrangue unha superficie de 7.172,5 km2, en que acolle unha poboación de 338.446 h (2001). A súa capital é Ourense. Eclesiasticamente, o seu territorio repártese entre as dioceses de Astorga e Ourense.
Orixe e delimitación da demarcación
A cidade de Ourense foi unha das tradicionais capitais de provincia do Reino de Galicia durante o Antigo Réxime. O primeiro precedente que se pode considerar é a prefectura que proxecta o goberno de Xosé I Bonaparte, que coincidía en gran medida coa actual demarcación. Pero non foi ata o 27 de xaneiro de 1822, coa promulgación dun Real Decreto, cando se constituíu a nova provincia de Ourense, que incluía territorios da antiga provincia de Ourense agás Quiroga, terra que pasou á nova provincia de Lugo. En novembro de 1823 o Rei Fernando VII decretou a derrogación da Constitución de 1812 e a restauración do Antigo Réxime, co que se suprimiu a nova administración provincial. O 30 de novembro de 1833, tras un novo cambio de réxime, propiciado polo pasamento de Fernando VII, estableceuse definitivamente a provincia de Ourense, sen que desde entón se producisen alteracións dos seus límites, determinados ao S pola fronteira con Portugal; ao O polo conxunto de serras da Dorsal Occidental Galega (serra do Faro de Avión), parte do río Miño e, de novo, a fronteira portuguesa; ao N os montes da Serra da Enciña da Lastra, o curso do río Sil e, dentro das serras da Dorsal Occidental Galega, os montes do Testeiro; e ao L polas provincias de León e Zamora.
Xeografía física
A topografía do territorio caracterízase por unha estrutura de bloques que se debe á existencia de fallas verticais. Xeoloxicamente, o territorio é moi antigo, con materiais precámbricos e paleozoicos, agás os depósitos terciarios e cuaternarios no fondo das depresións de Ourense, A Limia e Verín. Litoloxicamente predominan as rochas ígneas na súa metade occidental e central, e as de carácter metamórfico, lousas, no terzo oriental da provincia. Ademais, atópanse enclaves de xistos nas comarcas atravesadas polo río Miño, e amplos depósitos de arxilas e areas que cobren as depresións de Ourense, A Limia e Verín, onde a acción erosivo-sedimentaria dos ríos provocou potentes formacións de terrazas fluviais. A rede fluvial sitúase na metade setentrional da provincia e forma parte da conca do sistema fluvial Miño-Sil. O río Sil atravesa a provincia no seu tramo final, primeiro polas terras de Valdeorras, para logo servir de límite coa provincia de Lugo; nos Peares desemboca no río Miño, que percorre o NO da provincia, e o S e SO pertence á conca do río Limia, que nace no leito da antiga lagoa de Antela, drena a depresión da Limia para logo encaixarse na comarca de Baixa Limia. O SL da provincia pertence á conca dos cursos altos dos ríos da conca do Douro, dos que destacan o Mente e, sobre todo, o Támega que organiza a depresión de Verín. Climaticamente encádrase dentro dos dominios oceánicos. As terras montañosas da metade L e os rebordos montañosos do S e O caracterízase polo clima oceánico de montaña; nas depresións de Allariz, A Limia e Verín, así como no Carballiño, domina o oceánico continental; e por último, nos vales dos ríos Miño é Sil a principal característica e a mediterranización dos trazos climáticos oceánicos. As áreas de maiores precipitacións sitúanse no macizo central ourensán, con cifras que rebasan os 1.500 mm anuais debido á elevada altitude e á exposición aos ventos húmidos. No resto da provincia, as precipitacións son menores, onde tan só destaca unha ampla diagonal, con dirección SO a NL, en que os relevos montañosos elevan as precipitacións a redor dos 1.300-1.500 mm, mentres que no outro extremo, a depresión de Verín e o conxunto formado pola depresión de Ourense, a Ribeira Sacra e Valdeorras presentan precipitacións por debaixo dos 1.000 mm anuais. No réxime térmico inflúe o carácter interior e accidentado desta provincia, que se afasta da influencia mariña e con gran parte do seu territorio con altitudes medias que superan os 600 m de altitude. As temperaturas (medias de 10-12°C) son frescas na maior parte do territorio agás nas depresións de Ourense e Verín, e os vales dos ríos Miño, Sil e Limia, onde acadan valores superiores aos 14°C.
Xeografía humana
No interior da provincia de Ourense existe un marcado proceso de despoboamento, do que só escapan as comarcas de Ourense, que é o centro administrativo e cidade da provincia, e Valdeorras, debido ao desenvolvemento industrial centrado na industria da lousa. A única comarca que supera de xeito visible as densidades provinciais (46,5 h/km2) é Ourense, con 227,1 h/km2, onde está situado o principal centro urbano, e xerarquiza claramente o sistema de asentamentos provincial, onde radican as delegacións da administración central, a sede da Deputación Provincial de Ourense e a do bispado. Con cifras próximas á densidade provincial están comarcas como as do Carballiño e O Ribeiro, con 53,8 h/km2e 49,2 h/km2, que abranguen dúas importantes cabeceiras e uns concellos cunhas densidades relativamente altas. En comarcas como Baixa Limia, Terra de Caldelas, Terra de Trives e Viana, as densidades son moi baixas, froito do despoboamento de áreas montañosas que están moi afastadas dos principais eixes de desenvolvemento provincial (todas elas oscilan entre os 10 e os 18 h/km2). Os comportamentos vexetativos son radicalmente negativos nesta provincia. Respecto aos movementos migratorios (2001), a situación é máis positiva e rexístranse saldos positivos nas comarcas de Allariz-Maceda, O Carballiño, O Ribeiro, Valdeorras e Verín. Nesta xeneralización de saldos positivos intervén de xeito decisivo a emigración de retorno desde América do Sur e Europa, aínda que sen poder contrapesar os saldos vexetativos negativos.
Xeografía económica
O escaso grao de urbanización, o notable despoboamento deste territorio e a súa marxinalidade respecto aos principais eixes de crecemento de Galicia e España converten a Ourense nunha das provincias menos desenvolvidas de Galicia. O dinamismo da súa capital provincial apenas ten repercusión máis alá dos concellos veciños, e limítanse aos núcleos intermedios da provincia a xerar espazos de prestación de servizos sen apenas consecuencias visibles no desenvolvemento das súas comarcas. A única exepción represéntaa Valdeorras, onde grazas á extracción de lousa formouse un espazo dinámico aínda que periférico respecto ao resto da provincia. O sector agropecuario é básico na práctica totalidade da provincia, onde destacan comarcas especializadas na produción vitícola (O Ribeiro, Valdeorras e Verín), na produción de pataca (A Limia), e na gandaría extensiva de montaña para carne (Terra de Caldelas, Terra de Trives e Viana). As actividades industriais concéntranse na área de influencia de Ourense, onde destaca a industria agroalimentaria e a auxiliar do automóbil. As actividades mineiras teñen o seu maior expoñente en Valdeorras (O Barco de Valdeorras, Carballeda de Valdeorras, Vilamartín de Valdeorras). Os servizos están moi desenvolvidos, grazas á súa condición de capital administrativa e principal centro de servizos da provincia; aínda así, hai cabeceiras comarcais, como Allariz, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, A Rúa, Verín e Xinzo de Limia, que abastecen de bens e prestan servizos a gran parte da poboación provincial. O sector turístico benefíciase da forza do turismo cultural, alimentado polos núcleos históricos de Allariz, Ourense e Ribadavia; e polo turismo natural en espazos interiores de montaña que impulsan o turismo rural.