Outes
Concello da comarca de Noia, situado ao O da Comunidade Autónoma de Galicia e ao SO da provincia da Coruña. A súa posición xeográfica é 42° 50’ 30” de latitude N e 8° 54’ 30” de lonxitude O. Limita ao N cos concellos de Mazaricos (comarca de Xallas) e Negreira (comarca da Barcala), ao L cos de Negreira, Brión (comarca de Santiago) e Noia (comarca de Noia), ao S co de Noia e a ría de Muros e Noia e ao O cos de Mazaricos e Muros (comarca de Muros). Abrangue unha superficie de 99,7 km 2 , na que acolle unha poboación de 7.681 h (2007), distribuída nas parroquias de Cando, Entíns, O Freixo de Sabardes, Matasueiro, Outes, Roo, San Cosme de Outeiro, Santo Ourente de Entíns, Tarás e Valadares. A súa capital está no lugar da Serra de Outes na parroquia de Outes, que está localizada a 110 km da cidade da Coruña. Está adscrito á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Noia.
Xeografía física
O relevo está formado por unha transición entre as serras que flanquean pola marxe esquerda a ría de Muros e Noia e a beira desa mesma ría. Neste territorio, dominado litoloxicamente por materiais graníticos, diferéncianse tres sectores: unha franxa costeira, unha sucesión de serras e vales con direccións usualmente N-S, e a penechaira do val do río Xallas, afluente do Tambre. A liña costeira é recortada e sucédense enseadas e pequenas puntas que responden a unha sucesión de vales e pequenas serras dispostas perpendicularmente á ría. Inmediatamente ao N da costa, disponse unha franxa costeira de amplitude variable que se caracteriza pola súa planitude. Máis ao N aparece unha sucesión de relevos vigorosos, individualizados por profundos vales fluviais con direccións predominantemente N-S e con altitudes medias entre os 300 e 500 m, onde destaca O Tremuzo (525 m). Finalmente, o NO correspóndese coa penechaira do Xallas, con altitudes entre os 350 e 400 m. Climatoloxicamente pertence ao dominio oceánico hiperhúmido. Localizado nun territorio costeiro, os rexistros térmicos están influenciados pola proximidade do océano, que suaviza as temperaturas durante todo o ano, mentres que os relevos potentes repercuten en abondosas precipitacións. A temperatura media anual é de 13,9°C, cunha media en xaneiro de 8,2°C e en agosto de 20,2°C, e a amplitude térmica extrema chega aos 22,7°C. A precipitación media anual é de 1.443 mm, cunha distribución estacional que amosa unha seca estival, xa que o 34% de precipitación recóllese en inverno, fronte ao 12% que se recolle en verán, e fican as estacións de transición con valores intermedios (tanto primavera como outono cun 27% cada un). O principal curso fluvial é o Tambre, que baña o SL do concello. Os restantes ríos pertencen a dúas concas ben diferenciadas, os que verten á ría de Muros e Noia, que son de curto percorrido e posúen fortes pendentes, froito do escaso treito entre a súa cabeceira e a ría, do que destacan o Tines e o Bendimón, que atravesan as terras centrais e occidentais do concello; e por outro lado está o curso fluvial que é o Xendil, que baña o NO do concello, e verte ao río Xallas, despois de seguir unha dirección SL-NO, sen apenas capacidade de excavación. A vexetación natural está alterada pola acción antrópica, que substituíu por plantacións de piñeiros e eucaliptos, agás a que está localizada nas ribeiras dos ríos.
Xeografía humana
A poboación de Outes mantívose estable ao longo do s XX, aínda que se diferencian dúas grandes etapas, unha primeira ata 1950, cando se acadou o máximo demográfico que foi de crecemento constante, e unha segunda ata o comezo do s XXI que foi de continuas pero suaves perdas de poboación. Entre 1900 e 1910 os efectivos demográficos permaneceron practicamente estancados, cun crecemento do 0,04% interanual. Entre 1910 e 1920 produciuse un crecemento notable (0,84% interanual), para voltar a cifras próximas ao estancamento entre 1920 e 1930 (0,05% interanual). Entre 1930 e 1950 foron anos de expansión, máis acelerada na primeira das décadas sinaladas (0,78% interanual), e máis pausado na segunda (0,46% interanual). A partir de 1950 cambiou a tendencia da evolución demográfica, primeiro foi suave (entre 1950 e 1960 perde efectivos a razón dun -0,50% interanual), logo máis rápido (entre 1960 e 1970 un -0,71%), para finalmente rexistrar leves perdas (-0,15% interanual). As décadas finais do s XX representaron unha continuación da evolución rexistrada desde mediados de século. Os anos comprendidos entre 1981 e 1991 foron moi negativos desde o punto de vista demográfico (-1,60% interanual), que só foron compensados por unha leve recuperación dos seus efectivos ao finalizar o século (0,3 % interanual entre 1991 e 2001). Entre 2001 e 2007 a poboación descendeu nun -6,35%. Foi un comportamento demográfico parello aos concellos costeiros do O da provincia da Coruña, tradicionalmente castigados por unha moderada emigración pero con suficientes recursos para evitar procesos graves de despoboamento. En 2006 a taxa de natalidade era do 3,9‰ e a de mortalidade do 10,8‰, polo que o crecemento natural é negativo -6,9‰. A poboación de menos de 20 anos supón o 12,2% do total e de máis de 65 anos representa o 28,6%; o grupo intermedio representa o 59,3%. A distribución por sexos é amplamente favorable ás mulleres, que supoñen o 52,20% fronte ao 47,79% dos homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Outes é do 41,7% (55% a masculina e 29,9% a feminina); a taxa de ocupación é do 37,8% (50,2% a masculina e 26,7% a feminina) e a taxa de paro é do 9,3% (8,6% a masculina e 10,6% a feminina). A pesar de que é un concello costeiro, a pesca non ocupa un lugar significativo na súa economía, só traballan neste sector o 10,8% dos traballadores e moitos deles traballan noutros portos pesqueiros veciños, como o de Muros. A agricultura acada tan só o 8,4% da poboación ocupada neste sector, e a superficie cultivada esténdese polo 19,20% do territorio e ocupa fundamentalmente a franxa costeira e as terras máis baixas. O millo é o principal cultivo (38,92% do terreo cultivado) seguido da pataca e os cultivos forraxeiros (26,12 e 21,53% da superficie cultivada). O 3,14% da extensión do territorio está destinado a prados e pastos, e as case 2.000 vacas están destinadas fundamentalmente á obtención de carne en explotacións de reducido tamaño. A industria emprega ao 18% da man de obra, da que destacan pequenos estaleiros e serradoiros de madeira. A construción emprega ao 19,5% dos traballadores, tanto nas obras construídas no concello como na actividade edificatoria das vilas de Muros e Noia, e só destacan algunhas empresas locais ben en construción xeral, ben en actividades auxiliares. O sector servizos é o máis importante, dá emprego ao 43,4% da man de obra, que traballan no terciario desenvolvido na Serra de Outes, así como en pequenos negocios dispersos polo resto do concello, e en vilas veciñas. A principal vía de comunicación é a estrada AC-550, entre Cee e Tui, da que parten estradas locais.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos de poboamento do concello datan de época megalítica, da que se atoparon mámoas como as de Terelle e Millareira e os restos castrexos de Casiña dos Mouros de Lestaio ou o castro de Coiradas, en Entíns. A presenza dos romanos constatouse polos restos atopados, dos que destacan a ara de Banzas e a estela de Cando, ademais do paso da Via per loca maritima. De época medieval o principal vestixio é a ponte Nafonso (s XIV), que cruza o río Tambre e que facilitou a comunicación entre as terras de Santiago de Compostela e Fisterra. Durante o Antigo Réxime as parroquias que forman o concello estiveron divididas entre a xurisdición de Muros, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela, agás a parroquia de Outes, que pertenceu á xurisdición da Serra, baixo o dominio do marqués da Sierra. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio, que se concretou na aparición dos concellos de Outes, San Cosme de Outeiro e San Xoán de Sabardes, do partido xudicial de Ordes. En 1822 estes tres concellos adscribíronse á nova provincia da Coruña. A derrogación da constitución por parte do Rei Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A recuperación definitiva do municipalismo produciuse en 1835, cando se creou o concello de San Pedro de Outes, nun principio, no partido xudicial de Muros e do que se segregou en 1836 a parroquia de Santa María de Esteiro que pasou ao veciño concello de Muros. Desde entón non se produciron variacións nos seus límites parroquiais.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, da arquitectura relixiosa destacan, entre outras, as igrexas parroquiais de San Pedro de Outes (s XVIII), San Tirso de Cando (s XVIII), San Xoán de Roo (s XVIII) e a de Santo Ourente de Entíns, barroca tamén do s XVIII, e na que se conservan as reliquias de san Campio. No eido da arquitectura civil destacan os pazos de Añón en Boel (Outes) do s XVIII, e o do Enxido en Cando, que se lle atribúe a Antonio Palacios Ramilo, ademais da ponte Nafonso, que comparte co concello de Noia. Do seu patrimonio destaca o espazo do Esteiro do Tambre, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Das festas que se celebran destacan as de San Xián de Tarás o 7 de xaneiro, as de San Pedro de Outes o 29 de xuño, as de Nosa Señora en Entíns o 15 de agosto, ademais da romaría de San Campio en Santo Ourente de Entíns o 29 de setembro.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Noia |
| Extensión | 99 Km2 |
| Poboación Total | 7681 h |
| Poboación Homes | 3671 h |
| Poboación Mulleres | 401 h |
| Densidade de poboación | 77.59 h/Km2 |