ovella

ovella

(< lat ovicŭla)

  1. [ANIMAL]
    1. s f

      Mamífero artiodáctilo ruminante, que presenta corpo robusto e redondeado, cuberto de la de diferente cor, lonxitude e finura, dependendo das razas, que só deixa espido o fociño e as patas. As extremidades son finas e relativamente longas, e o rabo, se ben varía moito segundo as razas, é longo. Os machos ou carneiros de moitas razas teñen cornos curvos, de medidas diversas. A ovella domesticouse dentro do período neolítico nas zonas mais occidentais de Oriente Próximo e tivo unha rápida expansión en toda a conca mediterránea e no continente europeo. O éxito desta incorporación dáse na interrelación destes animais co ciclo agrícola (nas tarefas de mantemento, de desmonte, aproveitamento do esterco, alimentación en produtos agrícolas secundarios: malas herbas ou a palla do cereal). A chegada da ovella doméstica á Península Ibérica debeu ocorrer hai uns sete mil anos e, aínda que procedía de Asía, chegou desde África ao val do Guadalquivir ao estar a Península Ibérica unida ao continente africano nesta época. A ovella críase para carne ou la, ou ben para ambas as dúas cousas, se ben tamén se aproveita o leite dalgunhas razas. Na tradición oral recóllense ditos como: “Desde que eu teño ovellas e crías, todos me dan os bos días. Faite ovella e comerate o lobo. A abella e a ovella en abril deixan a pelexa. Á ovella fraca nunca lle faltan carranchas. Ovella que berra, bocado que perde. Da ovella negra nace un año branco. A ovella farta, do rabo fai manta. Ovellas tolas, detrás dunha van todas. Mellor é que a la se perda e que non se perda a ovella. Se che dan a ovella, colle axiña a corda e vai por ela”.

    2. ovella galega

      Raza típica de Galicia, que procede da subespecie Ovis aries ibericus, cuxas características máis importantes son: prolificidade (elevada porcentaxe de partos múltiples), fertilidade (gran facilidade para a reprodución), rusticidade (moi adaptada a sobrevivir en condicións desfavorables e facer uso de diferentes fontes de engorde), lonxevidade (longa vida produtiva) e moi bos caracteres maternais. Esta raza agrupa a animais de pequeno tamaño, de proporcións ben equilibradas, con moita la de cor branca e dedicados á produción cárnica (acadan entre os 9 e 12 kg/canal aos cinco meses de vida). Está ameazada pola introdución nos rabaños de sementais de razas cárnicas máis pesadas e a recría posterior destes mestizos, co que a raza se vai perdendo pouco a pouco. No censo de 1999 existían en galicia uns 800 exemplares. A existencia de rabaños con total pureza é escasa, xa que non se atopan sementais que eviten a elevada consanguinidade. Aínda se conserva nos montes de Ourense, en Nogueira de Ramuín e nos montes de Lugo, especialmente no Courel (Muras). A Consellería de Agricultura da Xunta de Galicia estableceu en 1998 un programa de conservación e reprodución para evitar que a raza se perdera e está catalogada como de protección especial.

  2. s f [RELIX]

    Membro do pobo de Deus, simple fiel. A imaxe esta extraída da parábola do bo pastor e foi tema de pinturas e esculturas.

Frases feitas

  • Levar a ovella ao río. Conseguir alguén algo que pretendían ou ao que aspiraban máis persoas.

Refráns

  • A escampada da ovella mal será que non veña.
  • Ano de ovellas, ano de abellas.
  • O que ten ovellas ten pelexas.
  • Ovellas loucas, ovellas poucas.
  • Ovellas, abellas e lentellas, todas son consellas.
  • Ovena cornuda e cabra con landras en poucas cortellas paran.
  • Ovena cornuda e vaca barriguda non a troques por ningunha.
  • Ovena e abella e pedra que trebella e péndola tras da orella, cobizaba para o seu fillo a vella.
  • Por Nadal cada ovella ao seu curra!.

Palabras veciñas

Oveco Bermúdez | oveira | oveiro -ra | ovella | Ovella, laxa da | ovellada | ovellado -da