ovo

ovo

(< lat ōvu)

  1. s m [BIOL]
    1. Célula totipotente que resulta da fecundación dun gameto feminino por un masculino, para desenvolver un novo organismo que reproduce os caracteres xenéticos dos seus reprodutores. A polaridade que presentan permítelle orientarse, así, o polo da parte superior, é o polo animal, mentres que o polo vexetativo é o que se orienta cara a parte inferior e ten unha gran reserva de vitelo para as sínteses necesarias do desenvolvemento embrionario. O ovo alecito ou oligolecítico ten pouco vitelo, e é típico dos equinodermos, mamíferos, etc. O ovo centrolecítico ten vitelo abundante e o citoplasma cunha zona central co núcleo xerminativo, e outra na periferia do vitelo (típica en artrópodos). O ovo ectolecítico ten o vitelo arredor da célula reprodutora. O ovo heterolecítico ten o vitelo concentrado nun polo, e é típico dos moluscos gasterópodos, anélidos, etc. O ovo telolecítico ten unha gran cantidade de vitelo é de grandes dimensións e propio dos moluscos cefalópodos e réptiles.

    2. Gameto feminino non fecundado.

    3. óvulo.

  2. s m
    1. [BIOL]

      Corpo que contén a célula ovo e certas sustancias nutritivas das que se alimenta o embrión no seu desenvolvemento.

    2. [BIOL]

      Corpo esférico recuberto dunha casca máis ou menos calcaria, posto pola femia de aves, réptiles ou mamíferos monotremos.

    3. [ALIM]

      Ovo, especialmente o da galiña, que se emprega en alimentación. Tamén se consomen os doutras especies como os de avestruz, paspallás, pato e tartaruga. Na tradición oral recóllense ditos como: “Ao vilán dádelle un ovo e pediravos o aceite e o sal e o tixolo. A galiña enriba do ovo e o cutreño enriba do ouro. Sen escachar ovos non se fai unha tortilla. Alá vai o mal onde comen ovos sen sal. Onde a galiña pon os ovos, alí van os ollos”.

  3. s m

    Nome que se dá a diferentes obxectos que teñen unha forma semellante á dun ovo de galiña.

  4. s m

    Peza do muíño sobre a que xira o rodicio.

  5. ovos dos prados [FUNGO]

    Fungo que presenta un carpóforo globoso, branco, que pode medir ata 4 cm, semellante a un pequeno ovo. Ten dúas cubertas, a de fóra é branca, fráxil, e a de dentro gris. Libera as esporas por un pequeno poro que ten na cima desta segunda capa. Atópase durante o outono e o inverno nos prados.

  6. s m

    testículo.

Refráns

  • Non é polo ovo senón polo foro.
  • O primeiro ovo saíume grolo.
  • Ovo sen sal non fai ben nin fai ma!.
  • Ovos sós, comida por todo.

Palabras veciñas

ovívoro -ra | ovíxero -ra | ovni | ovo | ovo- | ovoalbumina | ovocélula