Oxford, movemento de

Oxford, movemento de

Corrente relixiosa dentro da alta Igrexa Anglicana que puxo o acento na revisión das notas da Igrexa, principalmente a súa catolicidade, vinculada á sucesión apostólica vivida na tradición e entendida como fidelidade dinámica no espírito que fala pola Igrexa. Comezou en Hadleigh (Suffolk) en 1833 e tivo a súa primeira formulación no sermón de John Keble sobre a apostasía nacional, o 14 de xullo de 1833, onde se reclamaba a liberdade da Igrexa ante o Estado. Destacan as Tracts for the Times, de onde vén o nome de tractarismo, e as obras de A. P. Perceval (The Churchman’s Manual, 1833) e de W. Palmer (Treatise on the Church os Christ, 1838). Deles xurdiu tamén a teoría das tres ramas da Igrexa (inglesa, oriental e romana), o ritualismo e o anglocatolicismo. Pese a que os seus abandeirados, como Pusey, se mantiveron dentro do anglicanismo, o movemento acabou coa entrada na comuñón romana de J. H. Newmann, en 1845.