Oxford English Ditionary
Dicionario enciclopédico que rexistra as solucións léxicas que se produciron no último milenio na lingua inglesa. A idea de confeccionar un dicionario con estas características xurdiu en 1857, cando os membros da Philological Society decidiron que os dicionarios da época eran deficientes e incompletos. En 1876 encargáronlle a James A. H. Murray e á Oxford University Press a elaboración do denominado New English Ditionary on Historical Principles, pensado para 4 volumes e 6.400 páxinas que recollerían todo o léxico inglés desde 1150. O primeiro fascículo publicouse en 1884, e o último en 1928, cun total de 128 fascículos, 10 volumes e 252.000 entradas. Despois de diferentes revisións e actualizacións entre 1933 (cando pasou a denominarse Oxford English Ditionary) e 1986, en 1989 publicouse o Oxford English Ditionary Second Edition, unha obra en 20 volumes, con 291.500 entradas e 21.730 páxinas. En 1992 apareceu a edición en CD-ROM, e en marzo de 2000 comezou a redacción da terceira edición.