oxidación

oxidación

(< oxidar)

  1. s f

    Acción e efecto de oxidar ou oxidarse.

  2. s f [QUÍM]

    Proceso polo que un elemento aumenta o seu número de oxidación ao perder algún electrón.

  3. s f [QUÍM/IND]

    Formación de óxido ou ferruxe na superficie do ferro ou doutro metal, pola acción do aire húmido ou por corrosión.

  4. número de oxidación [QUÍM]

    Número que representa o número de electróns que cómpre engadir ou quitar a un átomo que forma parte dunha combinación para volvelo ao seu estado elemental.

  5. oxidación anódica [QUÍM]

    Oxidación que se produce no ánodo durante os procesos de electrólise, debida á captación de electróns por parte deste.

  6. oxidación autocatalítica [QUÍM]

    Oxidación dunha substancia, xeralmente un líquido, a temperatura normal, polo osíxeno do aire. Unha reacción de autooxidación prodúcese en dúas fases:


    FORMULA


    O 2 + A → AO 2 (formación de peróxido)
    AO 2 + A → 2 AO



    A primeira fase é lenta e controla o sistema de oxidación. Deste xeito, unha substancia B completamente estable no osíxeno do aire pode oxidarse cando está unida a un sistema de autooxidación, posto que aí actúa o intermediario peroxídico que é un oxidante máis forte: AO 2 + B → AO + BO. Hai compostos que poden ser polimerizados cataliticamente por estos peróxidos. O secado de pinturas prodúcese deste xeito; engádense, ás veces, catalizadores positivos para acelerar o proceso de autooxidación (pinturas de secado rápido). OBS: Tamén se denomina autooxidación.

  7. oxidación de aglutinantes [CONSTR]

    Combinación dos aglutinantes bituminosos co osíxeno atmosférico, que provoca o endurecemento do betume ou do alcatrán, a diminución da súa penetración e normalmente o aumento da súa fraxilidade.

  8. oxidación directa [IND]

    Formación de óxidos ou doutros compostos sobre a superficie dos metais por reacción con gases secos, a altas temperaturas. OBS: A grafía <x> representa o son [ks].

Palabras veciñas

oxidábel | oxidabilidade | oxidable | oxidación | oxidación-redución | oxidante | oxidar