Paderne de Allariz

Paderne de Allariz


Concello da co-marca de Allariz-Maceda, situado no S da Comunidade Autónoma de Galicia e no centro-N da provincia de Ourense. A súa posición xeográfica é 42° 16’ latitude N e 7° 44’ lonxitude O. Limita ao N cos concellos do Pereiro de Aguiar e Esgos (comarca de Ourense), ao L co de Maceda (comarca de Allariz-Maceda), ao S cos de Xunqueira de Ambía e Baños de Molgas (comarca de Allariz-Maceda) e ao O cos de San Cibrao das Viñas e Taboadela (comarca de Ourense) e Allariz (comarca de Allariz-Maceda). Abrangue unha superficie de 38,8 km 2 , en que acolle unha poboación de 1.605 h (2007) distribuídos nas parroquias de Cantoña, Coucieiro, Figueiredo, Figueiroá, Golpellás, Paderne, San Lourenzo de Siabal, San Salvador de Mourisco, San Xes e Solbeira. A capital do concello é Paderne de Allariz, localizada a 16 km ao L da cidade de Ourense e a 127 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á diocese de Ourense (e ao partido xudicial de Ourense.
Xeografía física
O concello sitúase nunha área de relevo intermedia, cunha litoloxía predominante de granitos e enclavado no rebordo oriental da depresión de Ourense. Altitudinalmente forma unha superficie en suave descenso cara ao O, que presenta dúas unidades morfolóxicas distintas. Por unha parte, esténdese unha área de montes irregular e sobre os 500 m de altitude de media, onde destacan as cotas de Viuduiza (790 m), Corga (707 m) e O Castro (664 m). A partir deste espazo oriental o terreo descende suavemente para constituír unha segunda área de relevo case chaira a uns 400 m de altitude media, formando parte da depresión ourensá. Climaticamente entra dentro do dominio oceánico-mediterráneo. As temperaturas son altas no verán e frías no inverno. A temperatura media anual é de 15°C, e o mes máis frío é xaneiro e o máis cálido, xullo. A oscilación térmica é de 13°C aproximadamente, e a súa situación interior engade matices de continentalización a estas temperaturas. A característica principal do clima vén dada polo réxime pluviométrico, que incide na intensa aridez estival. As precipitacións son baixas, entre os 800-1.000 mm anuais. As chuvias caen sobre todo en inverno, cun 37% das precipitacións totais, mentres que no verán se rexistra un acusado déficit hídrico por enriba dos 100 mm/ano, que vai desde o mes de abril ata setembro. A rede hidrográfica adaptouse a esta disposición do relevo e ten unha dirección L-O, cruzando transversalmente as curvas de nivel. Está formada polo río Gaiola, afluente do Loña; o Barbaña, afluente do Miño; e o Cerdeiriño, afluente á súa vez do Barbaña; que nacen nas elevacións orientais e transcorren lentamente polo termo. A cobertura vexetal ocupa unha parte importante do concello, cunha gran variedade de especies arbóreas e arbustivas. Existen bosques autóctonos con áreas de coníferas de repoboación que se combinan con grandes superficies de pastos.
Xeografía humana
Ao comezo do s XX había unha poboación de 3.785 h, e ata 1940 permaneceu máis ou menos estable (no censo de 1910 alcanzou o seu máximo demográfico con 3.872 h). O crecemento vexetativo, cunha moi alta natalidade, mantivo o nivel demográfico ata mediados do s XX cando comezou o descenso progresivo. Diversos procesos acompañaron este intenso fenómeno de despoboación. O máis importante foi o forte éxodo rural. A emigración foi constante, cara aos países europeos ata mediados da década de 1970 e cara a capital provincial nas décadas seguintes. Este éxodo rural foi acompañado nos últimos anos por unha caída da natalidade ata niveis moi baixos. A falta de nacementos e a marcha dos adultos novos propiciou o avellentamento e a despoboación, e con iso a crise demográfica. O crecemento natural é de signo moi negativo (-17,1‰), froito dunha natalidade moi baixa (1,6‰) e unha mortalidade moi alta (18,7‰). Esta dinámica natural é, á súa vez, causa e consecuencia dunha estrutura demográfica moi avellentada. A poboación ata os 20 anos supón o 7,3% do total, mentres que os maiores de 65 anos representan o 40,4%; o grupo intermedio representa o 52,3%. A distribución por sexos amosa unha vantaxe a prol das mulleres, que constitúen o 51,15% fronte ao 48,84% de homes. Os habitantes están moi repartidos entre as diferentes entidades de poboamento. Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Paderne de Allariz é do 36,8% (45,3% a masculina e 29,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 32,1% (41,1% a masculina e 24,2% a feminina) e a taxa de paro é 12,6% (9,1% a masculina e 17,4% a feminina). A distribución da poboación activa por subsectores económicos reflicte unha superioridade do sector terciario, 49,7% dos ocupados, e do secundario, 43,5% (industria 26,3% e construción 17,2%), sobre o primario, que supón o 6,8%. A proximidade da área urbana ourensá e das vilas de Allariz e Maceda, cabeceiras da comarca, determina esta estrutura do emprego, así como as economías familiares. A maioría dos traballadores están empregados fóra do concello, nas próximas áreas urbanas. Dentro do propio concello son as actividades agropecuarias as principais, e case as únicas. No sector primario destaca a actividade gandeira, e entre ela a gandaría porcina e avícola. Trátase de granxas modernizadas, algunhas delas explotadas en réxime de cooperativas, que abastecen a empresa ourensá Coren. A industria, a pesar de representar unha importante porcentaxe de traballadores, está relacionada maioritariamente co próximo parque empresarial de San Cibrao das Viñas. Aínda así, aparecen fábricas de produtos metálicos, de derivados da madeira e de pequenas cooperativas téxtiles. A construción tamén se relaciona con empregos fóra do concello. O sector terciario, ao non existir ningunha entidade de poboación importante, está representado polos servizos máis básicos. A vila de Maceda é o núcleo que cobre as principais demandas terciarias. A estrada local, vía de comunicación fundamental e principal, é a OU-101, Ourense-Maceda, que divide horizontalmente o concello en dous. Polo concello transcorre a liña de ferrocarril Coruña-Zamora.
Historia
Os vestixios máis antigos que dan fe do primeiro poboamento deste territorio son de época megalítica, como as sepulturas atopadas en Solbeira e Coucieiro, e os castros de Figueiroá. Durante a Idade Media as parroquias estiveron moi fragmentadas, resultado dunha gran variedade de xurisdicións e señoríos. Repartíanse entre as xurisdicións de Allariz, Figueiroá, Paderne, O Pereiro de Aguiar e Solbeira de Belmonte, na provincia de Ourense. Entre os señoríos que cobraban rendas estaban o marqués de Malpica, o cabido de Ourense e o duque de Medina de Rioseco. En 1836 creouse o concello de Paderne de Allariz; o engadido da parroquia de San Xes, segregada da parroquia de San Lourenzo de Siabal, foi a única variación posterior.
Patrimonio cultural
Ademais dos vestixios arqueolóxicos sobresaen as igrexas parroquiais de San Pedro de Figueirido, San Salvador de Mourisco, San Xes, San Lourenzo de Siabal ou a de San Cibrao de Paderne. Con respecto á arquitectura de carácter popular, destaca o peto de ánimas de Saa (San Salvador de Mourisco) e a gran variedade de hórreos e muíños do concello. Das festas parroquiais destacan as da Pascua, en Figueiroá; a de Santo Antonio, en Solbeira; a de San Miguel, en Cantoña; a de San Pedro, en Figueiredo; e a de San Marcos, en Golpellás.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Allariz-Maceda
Extensión 38 Km2
Poboación Total 1605 h
Poboación Homes 784 h
Poboación Mulleres 821 h
Densidade de poboación 42.24 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias