Países Baixos
Estado de Europa noroccidental, que limita ao O e ao N co mar do Norte, ao L con Alemaña e ao S con Bélxica (41.526 km2; 16.044.000 h [estim 2001]). A súa capital é Amsterdam.
Xeografía física
Relevo e xeoloxía
Unha parte, case a metade, de Países Baixos, forma parte da gran chaira de Alemaña setentrional, mentres que a outra metade se identifica co delta do Rin e do Mosa. Un 50% do territorio neerlandés atópase baixo o nivel do mar (ata 7 m) e o resto está formado por rexións planas ou lixeiramente onduladas, ata 50 m, que se elevan leve e progresivamente cara ao S, onde se atopa, en Limburg, o punto máis alto con 322 m de altitude; e cara ao L. Xeoloxicamente, corresponde a unha zona de afundimento desde o Paleozoico, onde se acumularon grandes capas de sedimentos. O litoral tivo un papel de primeira orde na vida do país. Esténdese ao longo de case 1.000 km e está formado por un cordón de dunas que constitúen unha fráxil muralla entre o mar e a terra, fraxilidade que deu lugar a grandes traballos de fixación de dunas e construción de diques. O sector meridional aparece cortado polo conxunto de illas que forman Zelanda, continúa ata Den Helder e ao N desta o cordón de bancos de area segue polas illas Frisias. Da loita e a protección contra as augas son exemplos a consolidación do cordón litoral, o peche do golfo de Zuiderzee, a regularización dos ríos, o plano Delta e o proxecto sobre o Waddenzee. Desta loita e da conquista das terras sobre as augas xurdiu un terreo artificial característico, o pólder. A construción iniciouse a mediados do s XVI, e desde aquela época ata agora as terras desecadas superan as 550.000 ha; destacan o mar de Haarlem (s XIX) e o Zuiderzee (1925-1975).
Clima e hidrografía
O clima de Países Baixos é fresco, pero a ausencia de relevos permite que as influencias oceánicas se estendan por todo o territorio e suavicen as temperaturas que ofrecen moderados contrastes. Unha característica do clima neerlandés é a forte e frecuente nebulosidade e as chuvias, que aínda que son bastante habituais non son moi elevadas, debido a que o territorio está situado baixo a traxectoria da maior parte das perturbacións da fronte polar. O país non ten unha rede hidrográfica propiamente dita, porque esta se identifica co curso baixo do Mosa e a desembocadura do Rin, que está dividido en diversos brazos. A vexetación é de carácter subatlántico. En estado natural predomina o bosque de follaxe caduca e tamén son abundantes as landas e os lamazais.
Xeografía económica
Sector primario
Aínda que o 27% da superficie é cultivada, a agricultura ten un papel secundario, xa que o sector primario só ocupa o 3% da poboación activa. A diferenciación das clases de terra é determinante para a aptitude agrícola do solo. Non obstante, non só a fertilidade natural é o factor primordial, senón tamén a regulación dos niveis das canles e ríos e a estruturación do solo, ademais do clima, que permite o cultivo de moitas variedades de produtos. No s XIX, a industrialización dos países veciños deu un impulso enorme á agricultura neerlandesa, que se caracteriza polos altos rendementos e a especialización en produtos de exportación. Os cultivos máis importantes son a remolacha, a pataca, o trigo, a cebola, a cebada e as flores. Das plantas industriais destacan o liño, a remolacha e a colza. A gandaría máis importante é a bovina e a porcina. O leite dedícase en boa parte á produción de manteiga e queixos, nos centros tradicionais de Alkmaar, Gouda, Edam e Hoorn. A carne é esencialmente de porcino, bovino e ave, e é obxecto de exportación, como os ovos. A pesca ten unha importancia reducida, e destacan os portos de Scheveningen, Ijmuiden, Katwijk (ostreicultura) e Vlaardingen (arenque). Os recursos forestais son moi reducidos, pero teñen unha función plural, a produción de madeira, a recreación e a hixiene do medio natural.
Minaría
Posúe reservas minerais de gas natural, petróleo, sal e grava. O gas natural, o seu recurso máis notable, explótase ao N do país polo estado e as compañías Shell e Esso. A produción aumentou considerablemente, pero as reservas, incluíndo as do mar do Norte, só permiten manter o nivel de explotación ata 2010. A produción de petróleo non é suficiente para cubrir as necesidades do país, e ten poucas reservas. Non obstante, a importación é moi alta, xa que Países Baixos exporta moito petróleo refinado.
Industria
As industrias principais son a metalurxia de transformación e a química. As empresas máis importantes da industria metalúrxica dedícanse á elaboración de produtos electrotécnicos, electrónicos, maquinaria e medios de transporte. A química, que parte do sal como materia prima, concentrouse principalmente nas partes oriental e setentrional do país, e a petroquímica e as refinarías están na rexión do delta común dos grandes ríos. As ramas manufactureiras que ocupan máis traballadores son a alimentaria, a de maquinaria e química, e as de máis valor, a química, a petroleira e a de material eléctrico. A electricidade é a forma máis frecuente de enerxía, que está cuberta por centrais térmicas, dúas nucleares e a importación. Os gobernos seguen unha política de planificación industrial e estimulación económica das rexións débiles coa implantación de núcleos industriais, estimulación nas provincias agrarias e áreas de reestruturación. Dado que a poboación laboral non evoluciona paralelamente ao crecemento da poboación, por causa da escolaridade obrigatoria máis longa e o envellecemento, a oferta laboral non pode ser cuberta e favoreceu a inmigración de traballadores.
Comunicacións e comercio exterior
A rede de comunicacións está formada por 5.046 km de vías navegables. A maior parte das vías férreas, 2.061 km, están electrificadas, pero o tránsito céntrase nos 124.530 km de estradas, dos que 2.235 km son autoestradas. Ademais, a mariña dispón dunha serie de bos portos marítimos e fluviais, dos que destaca o de Rotterdam. O transporte de pasaxeiros adóitase facer por ferrocarril ou por estrada máis que por aire. O transporte internacional de mercadorías por terra é escaso, e a vía marítima ten máis importancia ca a fluvial, que se centra no Rin. O comercio exterior descansa no prestixio financeiro de Amsterdam e no seu carácter de mercado internacional de tabaco, diamantes, metais preciosos e obras de arte. Impórtase esencialmente maquinaria e automóbiles, alimentos, bebidas e tabaco, compostos químicos, petróleo en bruto e téxtiles a cambio de maquinaria, alimentos, bebidas e tabaco, produtos químicos, petróleo refinado e téxtiles. Os provedores e clientes destacados son Alemaña, Bélxica e Luxemburgo. A balanza corrente global é positiva.
Xeografía humana
Constitúe un dos países máis densamente poboados do mundo. As rexións máis poboadas son as provincias de Holanda Meridional e Holanda Setentrional. A maior concentración humana dáse no denominado Randstad, centro vital do país, onde se concentran as principais funcións da vida económica, política e cultural, repartidas entre as tres aglomeracións máis importantes: A Haia, sede do goberno, aínda que a capitalidade corresponde a Amsterdam, centro histórico de Países Baixos; e Rotterdam, primeiro porto do país e do mundo. A poboación urbana ascende ao 89,4%. O goberno, a través dunha política de desconcentración, intentou implantar o excedente humano nas rexións menos poboadas. Despois da Segunda Guerra Mundial houbo unha explosión da natalidade, que foi minguando. Países Baixos forma unha zona fronteiriza entre as razas nórdicas e alpinas, pero a industrialización, as migracións intensas e as urbanizacións tenden a eliminar as diferenzas. Un grupo importante da poboación provén das antigas colonias (Indonesia, Surinam, Antillas Neerlandesas).
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A poboación de Países Baixos está composta por un 95,6% de neerlandeses, un 0,9% de marroquís e un 0,8% de turcos. A lingua dominante e oficial é o neerlandés. Con todo, hai tamén unha lingua minoritaria, o frisón, que se conservou como lingua cultural e acadou un certo recoñecemento. A Fryske Akademy (Academia Frisoa) fundouse en 1938. Fronte a unha maioría de católicos (31,9%) existe un 23% de protestantes, un 4,3% de musulmáns e un 2,8% que se identifica con outras filiacións relixiosas. O 38% da poboación neerlandesa é atea. A Igrexa Católica Romana é, numericamente, a máis importante pero, despois dun longo período de catolicismo conservador, a Igrexa Católica Neerlandesa interveu decisivamente nas cuestións teolóxicas e, tras o Concilio Vaticano II, seguiu un camiño particular e progresivo. A causa da multiformidade e o carácter de tolerancia da sociedade neerlandesa, hai unha gran diferenciación de escolas: ademais das oficiais, existen escolas particulares, a maioría ligadas a unha das múltiples tendencias relixiosas ou laicas do país. Todas están subvencionadas imparcialmente. A educación é obrigatoria ata os 18 anos. As catro universidades oficiais están en Leiden, Utrecht, Limburg e Groningen, pero hai tamén outra universidade en Rotterdam, unha universidade municipal en Amsterdam, unha universidade libre tamén en Amsterdam e unha universidade católica en Nimega.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúao entre os países cun alto desenvolvemento humano (ocupa o 8º posto cun índice do 0,931). Este indicador ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 76 anos para os homes e de 81 anos para as mulleres, o índice de alfabetización de adultos e o índice bruto de escolarización son do 99%, e o PNB real por habitante é de 25.140 $ EE UU.
Goberno e política
Países Baixos é unha monarquía constitucional e hereditaria cun sistema parlamentario. É un estado unitario cunha administración descentralizada. Segundo a Constitución de 17 de febreiro de 1983 o poder lexislativo pertence á coroa e ao Staten-Generaal (Parlamento), órgano bicameral formado polo Eerste Kamer (Primeira Cámara), composta por 75 membros elixidos mediante representación proporcional por un período de 6 anos, e a Tweede Kamer (Segunda Cámara), formada por 150 membros elixidos por sufraxio universal cada 4 anos. O poder executivo reside no Consello de Ministros designado e encabezado polo primeiro ministro. O sistema xudicial baséase no dereito francés, a pena de morte non está en vigor, acepta con reservas o Tribunal Internacional de Xustiza e conta cunha Corte Suprema onde os xuíces son nomeados vitalicios pola coroa. As principias forzas políticas son: o democratacristián Christen Democratisch Appèl (CDA), o conservador Christen Unie (Unión Cristiá, CU), o demócrataliberal Democraten 66 (Demócratas 66, D66), o ecoloxista Groen Links (Esquerda Verde, GL), o socialdemócrata Partij van de Arbeid (Partido Laborista, PvdA) e o socialista Socialistische Partij (Partido Socialista, SP), entre outros. Forma parte das seguintes organizacións internacionais: Benelux, Consello de Europa, EBRD, OTAN, OCDE, ONU, OSCE e UE.
Historia
A Antigüidade e a Idade Media
Desde o s VI a C, o territorio de Países Baixos estivo habitado ao S polos celtas e ao N por tribos xermánicas como os batavos e os frisóns. No s I a C foi conquistado por Roma ata o Rin, pero durante os ss IV e V novas tribos xermánicas chegaron á rexión: os frisóns mantiveron as súas posesións ao N, mentres que os saxóns ocupaban a zona oriental e os francos se adentraban polo O e polo S. Despois da dominación de Carlomagno, que o dividiu en condados, pasou a mans de Lotario I polo Tratado de Verdun (843). En 925 Lorena foi anexionada polo Sacro Imperio Romano-Xermánico e posteriormente dividida (969) en Baixa e Alta Lorena; a primeira pasou a Brabante (s XIII) e a segunda a Alsacia (1048). O condado de Flandres, baixo a tutela francesa -especialmente despois da Batalla de Bouvines (1214)- pasou a Borgoña (1384), ao Sacro Imperio Romano-Xermánico (1477) e a Castela (1566). Os restantes territorios, fraccionados en pequenos estados máis ou menos independentes -que orixinaron as provincias posteriores (Flandres, Holanda, Brabante)- iniciaron unha política de achegamento, que estivo propiciado polas herdanzas e polos enlaces matrimoniais e pasaron a mans dos duques de Borgoña.
A loita pola independencia no Norte: as Provincias Unidas
Durante a primeira metade do s XVI estes territorios, coñecidos historicamente como Países Baixos (Bélxica, Luxemburgo, Países Baixos e Artois), pasaron a mans dos Habsburgo hispánicos, cuxo goberno foi cedido por Carlos V ao seu fillo, o futuro Filipe II. Rebeláronse contra el, ansiosos por conseguir a independencia -tanto política como económica, pero especialmente relixiosa- nun conflito liderado inicialmente por Guillerme I de Orange-Nassau que se prolongou durante oitenta anos (Guerra dos Países Baixos, 1568-1648). O conflito sumiu nunha forte débeda ao monarca hispánico, que se viu obrigado a recoñecer a independencia dos territorios protestantes do N -constituídos como Provincias Unidas desde a Unión de Utrech (1579)- coa sinatura da Tregua dos Doce Anos (1609-1621). Durante a tregua comezaron as discusións dentro da Igrexa Reformada sobre as relacións entre Igrexa e Estado, a posición da provincia de Holanda dentro das Provincias Unidas e a autoridade do stadhouder. En 1621, durante o reinado de Filipe IV reiniciouse a guerra contra a Coroa de Castela, coñecida nesta segunda fase como Guerra dos Trinta Anos (1618-1648), que rematou co recoñecemento da independencia definitiva das Provincias Unidas na Paz de Westfalia (1648). Isto supuxo un golpe mortal para o comercio dos territorios meridionais (aos que se lle pechaba o acceso do río Escada para a navegación comercial) que, de filiación maioritariamente católica -reforzada na Unión de Arrás (1579)- continuaron baixo a autoridade castelá ata 1714.
A prosperidade económica e a expansión das actividades comerciais
Desde finais do s XVI a república de Provincias Unidas destacou como potencia económica e comercial a pesar das guerras. Así, fixéronse as primeiras grandes viaxes (1595-1597) e fundáronse a Compañía Holandesa das Indias Orientais (1602) -co monopolio comercial en todos os países ao L do cabo de Boa Esperanza, en África e ao O do estreito de Magallanes en América do Sur- e a Compañía Holandesa das Indias Occidentais (1621), destinada ao comercio con América. O Stadhouder Federico Enrique I de Orange-Nassau, creou unha poderosa frota naval e impulsou o desenvolvemento do dominio colonial holandés. Aínda que a Paz de Münster (1648) confirmou a independencia das Provincias Unidas, fixo crecer as discordias entre os rexentes e o Stadhouder Guillerme II de Orange-Nassau, que logrou impoñerse. Á súa morte, non se nomeou ningún stadhouder en cinco provincias, o que deu lugar a unha hexemonía ilimitada dos rexentes e á supremacía de Holanda dentro da república. A frota holandesa dominou o Mar Báltico, e en Asia a política colonial acadou unha grande expansión. En 1653 Jan de Witt, máxima figura dos republicanos, foi nomeado gran gobernador de provincias e iniciou unha política que favoreceu os intereses comerciais da burguesía. A competencia comercial con Inglaterra orixinou as dúas primeiras Guerras Anglo-holandesas (1652-1654 e 1665-1667), de resultados indecisos. Por outra banda, a Francia de Luís XV disputoulle á república o dominio de Países Baixos meridionais (Guerra de Devolución, 1667-1668), e invadiunos. Isto suscitou un movemento nacionalista favorable ao príncipe de Orange e a animosidade do pobo cara ao goberno republicano. Guillerme III foi nomeado stadhouder (Guillerme III de Orange-Nassau, 1672-1702) e concentrouse na defensa do país. En 1672 Francia atacou de novo a república (Guerra de Holanda, 1672-1678), pero grazas á hábil política de Guillerme III, tivo que asinar a Paz de Nimega (1678-1679). O nomeamento de Guillerme III como rei de Inglaterra (1689) proporcionoulle axuda cando Francia intentou novamente conseguir a hexemonía en Europa. Formaron parte da Liga de Augsburgo, contra Luís XV, quen tivo que asinar o Tratado de Rijswijk (1697). A finais do s XVII a prosperidade do país decaeu a causa das guerras europeas e o seu comercio pasou progresivamente ás mans de Inglaterra.
O declive das repúblicas: das Provincias Unidas á República Batava
O s XVII estivo salpicado por diversos conflitos, en que a Coroa de Castela perdeu diferentes territorios: polo Tratado dos Pireneos (1659), cedeu en favor de Francia as rexións artesianas, as cidades flamengas, Hainaut e Luxemburgo e, polos tratados de Rastatt (1713) e Utrecht (1714), tivo que ceder os países meridionais ao Sacro Imperio Romano-Xermánico. A partir de entón, gozou dun longo período de paz que favoreceu a restauración económica que tentaba acadar o Emperador Carlos IV, interrompido en 1740 pola Guerra de Sucesión de Austria (1740-1748), en que interveu Provincias Unidas, aliada con Reino Unido e Francia. Durante esta guerra, Luís XV de Francia conquistou os territorios de Países Baixos que dependían do Sacro Imperio Romano-Xermánico, que recuperou en 1748 polo Tratado de Aquisgrán. En 1747, foi nomeado stadhouder Guillerme IV de Orange-Nassau, cuxo dominio non conseguiron extinguir as rebelións populares de 1748. Baixo Guillerme V de Orange-Nassau (1751-1795) os abusos perduraron e a república, co comercio estancado, declinou económica e internacionalmente. Isto favoreceu a formación dun partido patriótico e a penetración das ideas dos filósofos e enciclopedistas franceses. Unha nova guerra contra Reino Unido (1780-1784) provocou unha recesión económica e unha forte oposición ao stadhouder, quen, diante da vitoria do partido democrático en Holanda e Utrecht, fuxiu a Gelderland (1786). Non obstante, máis tarde foille restituído o cargo por Prusia, que interveu militarmente e que, xunto con Reino Unido, garantiu a autoridade de Guillerme V. A política do Emperador Xosé II (1765-1790), chea de reformas precipitadas, provocou a oposición dos brabanzóns, conservadores que se rebelaron (1789) e se independizaron; tamén se alzaron os flamengos, pero ambos os dous foron sometidos polos austríacos ao cabo de pouco tempo. En 1793 a Francia revolucionaria invadiu Provincias Unidas e provocou o exilio do príncipe de Orange e o cambio de nome da república polo de República Batava (1795). En 1798 proclamouse unha constitución, que garantía á poboación igualdade, liberdade persoal e un goberno democrático, pero introducía no país unha centralización moi marcada. Por estes anos, suprimiuse a Compañía das Indias Orientais. Ademais, a nova república asinou unha alianza con Francia contra Reino Unido e as hostilidades que se derivaron dela causáronlle a perda das súas colonias.
As monarquías: a creación do Reino dos Países Baixos e a independencia de Bélxica
En 1806 Napoleón I Bonaparte converteu a República Batava en Reino de Holanda, e colocou ao mando ao seu irmán, Luís I de Holanda. En 1809 Reino Unido invadiu Zelanda e Napoleón anexionou o país (1810). O fracaso do Imperio Napoleónico en Rusia permitiu o alzamento contra a administración francesa e a formación dun goberno provisional. En 1815 o Congreso de Viena reuniu a Países Baixos setentrionais e meridionais, é dicir, os territorios de Bélxica, Holanda e Luxemburgo nun único reino, o de Países Baixos baixo o cetro de Guillerme I dos Países Baixos. O que se pretendía era a creación dun estado forte que lle puidese facer fronte a Francia. Non obstante, esta unión forzosa, non deu bo resultado: as diverxencias entre o N (protestante, comercial e librecambista) e o S (católico, industrial, agrícola e proteccionista) acabaron provocando a formación de dúas tendencias contra a dinastía dos Orange-Nassau. Dunha banda os liberais, partidarios dun estado burgués, e doutra os católicos, que reivindicaban un estado fortemente influído pola Igrexa. Uníronse ambos os dous e o resultado foi a sublevación en Bruxelas (1830), coa que se conseguiu a proclamación da independencia de Bélxica, constituída como reino desde 1831, con Leopoldo I no trono e recoñecida internacionalmente desde 1839, ano en que Luxemburgo tamén foi dividido entre Bélxica e Países Baixos.
As primeiras reformas democratizadoras
Os conflitos interiores, así como as presións liberais que impuxeron reformas constitucionais, obrigaron a Guillerme I a abdicar no seu fillo Guillerme II dos Países Baixos (1840). Aínda que este continuou a política autoritaria do seu pai, a revolución xeral europea de 1848 introduciu cambios radicais na constitución, como a supresión do dereito real de nomear ministros, a introdución do sistema parlamentario e da responsabilidade ministerial, a garantía das liberdades individuais e a reforma do sistema electoral. Baixo Guillerme III dos Países Baixos (1849-1890) comezou a hexemonía da burguesía, que se dividiu entre os partidos liberal, conservador e antirrevolucionario. Ademais, o movemento obreiro progresou e fundou o partido socialdemócrata. Unha vez reformada a administración, impúxose o librecambismo e a liberdade relixiosa supuxo o final das discriminacións aos católicos. O progreso da industria aumentou o nivel de vida das clases dominantes, pero as condicións laborais eran moi duras, feito que levou á creación dos primeiros sindicatos. A reforma constitucional de 1887 permitiu a extensión do dereito electoral, e iso debilitou a posición dos liberais, en beneficio dos católicos e dos antirrevolucionarios.
O s XX: o reinado de Guillermina I dos Países Baixos
Morto Guillerme III, houbo oito anos de rexencia a causa da minoría de idade da princesa herdeira, que se converteu na Raíña Guillermina I dos Países Baixos (1898-1948). Os primeiros anos do s XX caracterizáronse polas intervencións continuas dos sindicatos e dos socialistas na vida política. A loita social concentrouse no sufraxio universal. Pouco antes de declararse a Primeira Guerra Mundial (1914-1918) formouse un goberno liberal-radical. Durante as hostilidades, tiveron que tomarse medidas drásticas para evitar o desequilibrio económico e comercial, a pesar de que o país se mantivo como potencia neutral. A nova reforma constitucional de 1916 fixo posible a introdución do sufraxio universal, a representación proporcional, a perspectiva do sufraxio feminino e a igualdade entre as organizacións escolares públicas e privadas. A fin da guerra significou unha serie de tensións políticas, non obstante, o goberno conseguiu impoñerse aos intentos revolucionarios. Tamén xurdiron conflitos con Bélxica, que reivindicou as rexións que lle tivera que ceder para conseguir a independencia en 1830. Por outra banda, a crise económica de 1929 tamén tivo graves repercusións e incrementouse a representación parlamentaria do partido comunista e do antirrevolucionario. Como a depresión continuou, aumentou a axitación comunista e apareceu o NSB -Movemento Nacionalsocialista, partidario do réxime nazi alemán-. No medio destas convulsións, declarouse a Segunda Guerra Mundial (1939) e aínda que Países Baixos declarara de novo a súa neutralidade, Alemaña invadiu o país (1940) e o goberno tivo que exiliarse en Reino Unido, desde onde organizou a resistencia. Mussert, líder do NSB, converteuse no líder neerlandés no contexto nacionalsocialista e colaborou estreitamente cos alemáns, que incrementaron a deportación de xudeus e endureceron a súa actitude en xeral tras o Desembarco de Normandie. Non foron totalmente expulsados ata 1945. Neste ano, Países Baixos converteuse en membro fundador da ONU. Os novos problemas da posguerra viñeron sobre todo de parte das colonias: Sukarno proclamou a independencia de Indonesia (1945) e a presión internacional fixo que se recoñecese de facto a nova república e que se lle concedese a soberanía (1949). Isto representou para o país a privación dunha gran parte dos recursos e obrigoulle a efectuar unha reconversión da economía, como o incremento da produción agrícola e industrial, proceso financiado dentro do Plan Marshall. Respecto ás colonias occidentais -Antillas Neerlandesas, Surinam- en 1954 outorgóuselles un goberno e unha administración independentes, aínda que a coroa mantiña nelas un gobernador.
O reinado de Xiana I
En 1948 a Raíña Guillermina abdicou na súa filla, Xiana I dos Países Baixos, e o país formou unha unión económica (Benelux) con Bélxica e Luxemburgo. Un ano despois, Países Baixos adheriuse á OTAN. Durante a década de 1960 xurdiron novos partidos e novas formacións: renovouse o partido liberal e creouse a converxencia democratacristiá, que tentou reunir as tendencias conservadoras dos partidos católico e protestante. As tensións manifestáronse en cuestións como o cambio de relixión, o casamento da princesa Irea ou a revolta dos obreiros da construción (1965). Durante a década de 1970 a inestabilidade política acentuouse, feito que supuxo a formación de diversos gobernos de coalición. O que estivo máis tempo no poder (1973-1977) foi presidido por Joop den Uyl, un dos líderes do Partij van de Arbeid (PvdA), cuxo mandato se caracterizou polas reformas sociais e a concesión da independencia a Surinam (1975). En 1977 formouse un gabinete de coalición de diversos partidos moderados que en 1980 se unificaron no Christen-Democratisch Appèl (CDA) e o Volkspartij voor Vrijheid en Democratie (Partido Popular para a Liberdade e a Democracia, VVD). Este goberno estivo encabezado por Andries van Agt, líder do CDA.
A presenza galega nos Países Baixos
Países Baixos foi o cuarto país de destino, despois de Suíza, Alemaña e Francia, na preferencia dos galegos que emigraron a Europa, aínda que a moita distancia, xa que só recibiron o 2,96% do total. A cifra oficial de emigrantes galegos a Países Baixos foi, entre 1960 e 1990, de 10.824 persoas (o que representaba o 25,68% do total de españois), e foi na década de 1960 cando o maior numero de galegos entraron neste país, o 67,41% do total, mentres que na década de 1980 só entraron un 0,26%. Por provincias de orixe, o grupo máis numeroso procedía da provincia de Ourense (47%), seguida de Pontevedra (26%), da Coruña (24%) e de Lugo (3%). Tratouse dunha emigración fundamentalmente masculina, xa que os homes representaban o 94% do total, e estaba formada sobre todo por traballadores procedentes do sector industrial e artesáns (68%), e por agricultores e mariñeiros (17%). Instaláronse sobre todo nas cidades de Amsterdam, Rotterdam e Eindhoven, e tamén noutras como Ede ou Helmond. Os traballos máis habituais que desempeñaron foron no campo da siderurxia e da industria auxiliar (fábricas, estaleiros). En 1976 un grupo de galegos encabezados por Domingo Prieto, profesor da Universidade de Groningen, fundou o Comité pra Galicia en Holanda. A finais dese mesmo ano xa contaban con seccións nas cidades onde había núcleos importantes de emigrantes galegos. A sección de Rotterdam foi a base sobre a que se creou O Lar Galego en 1977. Outros centros galegos foron: S.C.D. Compostela (Rotterdam, 1971), Asociación Galega de Fotografía (1974, Ede), Sociedad Cultural y Recreativa Lembranzas e Agarimos (1978, Ede), Asociación Cultural Galega O Pote (1979, Helmond), Sociedad Cultural Recreativa Airiños da Terra (1983, Rotterdam), Centro Galego Semente Nova (1991, Amsterdam) e o Hogar del Pensionista (Eindhoven, 1993).
O reinado de Beatriz I
En 1980 a Raíña Xiana I dos Países Baixos abdicou na súa filla primoxénita, Beatriz I dos Países Baixos. Realizadas as eleccións xerais de 1981, formouse un goberno de coalición de centroesquerda formado por PvdA, CDA e Democraten 66 (D66), e encabezado por Andries van Agt, pero dimitiron un ano despois a consecuencia das controversias internas sobre a política económica. As dúas lexislaturas seguintes foron encabezadas polas coalicións de centrodereita CDA-VVD, con Ruud Lubbers, do CDA, como primeiro ministro. Nas eleccións de 1989, este partido permaneceu no poder, aínda que agora en coalición cos socialistas. A acción de goberno de Lubbers estivo marcada polo forte compromiso europeísta -reforzado pola presidencia de Países Baixos en 1991, ano en que foi asinado o Tratado de Maastricht- e, no interior, pola continuación da política tradicionalmente aberta en materia social e a adopción de medidas para promover a ocupación. As eleccións de 1994 deron o goberno á coalición de laboristas e liberais PvdA-VVD-D66, con Wim Kok (PvdA) como primeiro ministro. Desde entón, o país experimentou unha situación económica favorable (crecemento do PIB, inflación mantida no 2% anual) que permitiu a redución de impostos e o mantemento dun alto gasto social. Nas eleccións lexislativas de 1998 Wim Kok ratificou o seu cargo e propiciou importantes reformas en materia social como a aprobación do matrimonio entre homosexuais, a regularización da prostitución, así como a legalización, en determinados casos, da eutanasia activa (2002). En 2002, el e o seu goberno dimitiron e asumiron a presunta responsabilidade do asasinato perpetrado por tropas serbobosnias sobre miles de musulmáns bosnios, en Srebrenica (1995), durante a guerra da antiga Iugoslavia e cando esa cidade se atopaba baixo a protección de cascos azuis neerlandeses. Substituíuno no goberno o líder da CDA Pietr Hein Donner.