paleontoloxía

paleontoloxía

(< pale- + ontoloxía)

  1. s f [PALEONT]

    Ciencia que estuda os fósiles, é dicir, os restos de animais e vexetais do pasado que permaneceron soterrados nas capas xeolóxicas. A paleontoloxía presenta dúas vertentes: a paleontoloxía estratigráfica, que estuda obxectivamente os fósiles e con eles determina a idade relativa das capas xeolóxicas, e a paleontoloxía biolóxica, ou paleobioloxía, que observa e determina os fósiles como restos duns seres que viviron nun pasado máis ou menos remoto. A paleontoloxía ten métodos propios e afástase tanto da xeoloxía como da bioloxía no senso estrito das dúas disciplinas. En efecto, ten que ver cuns restos que xa non teñen vida, que soamente dan, polo xeral, unha idea parcial do animal ou do vexetal conservados. É moi rara a conservación de fósiles completos, como é o caso dos mamuts e rinocerontes siberianos ou dos insectos encapsulados no ámbar do Báltico. O paleontólogo ten que reconstruír, co que atopa, a totalidade do animal ou do vexetal, mesmo as partes brandas, que polo xeral desaparecen por putrefacción. A paleontoloxía abrangue diversas ramas do coñecemento das ciencias naturais, desde a paleontoloxía histórica ata a paleoxenética (descubrimento de mutacións no pasado). As disciplinas que engloba son a biocronoloxía (estreitamente relacionada coa bioestratigrafía), a paleobioloxía (que inclúe a paleoecoloxía, a paleontoloxía evolutiva e a paleobioxeografía) e a tafonomía. A aplicación dos conceptos da ecoloxía ao estudo dos fósiles é a base da paleoecoloxía, así ao variar as condicións do medio cambia a composición específica do ecosistema, e ao tempo as poboacións sofren cambios, é dicir, evolucionan. O propósito da paleontoloxía evolutiva é determinar a historia filoxenética dos diversos organismos a partir dos seus restos fósiles. Finalmente, estas poboacións tiñan en vida unha determinada distribución xeográfica, obxecto de estudo da paleobioxeografía. Nas últimas décadas a paleontoloxía dirixiuse cara aos temas relacionados coa paleoecoloxía e a tafonomía. A orixe da vida, as extincións faunísticas e as reconstrucións paleobioxeográficas, que axudan a determinar os movementos das placas tectónicas, son algúns exemplos dos novos campos que, co rigor que proporcionan os novos métodos de estudo, se abriron á paleontoloxía, que ofrece unha visión histórica da vida, e grazas a ela pode establecerse o que se pode denominar a súa árbore xenealóxica. Existen fósiles seguros de 3.200 Ma, e a paleontoloxía demostrou que se trataban de bacterias e algas cianofíceas que non teñen núcleo (organismos procariotas). Máis tarde apareceron as formas eucariotas da vida (con núcleo), e posteriormente os metazoos. A través do prisma paleontolóxico descubriuse que a vida comezou no mar e que no momento da súa aparición no planeta había moi pouco osíxeno na atmosfera. A paleontoloxía resolveu en moitos casos o gran problema do tránsito dun grupo de fósiles a outro superior, ás veces con tal cantidade de detalles que se pode dicir que manexa seres aínda vivos. Son xa clásicos o paso dos pisciformes aos primeiros anfibios e dos réptiles terápsidos aos mamíferos. Pola paleontoloxía tamén se coñece o paso á hominización, no terreo da paleoantropoloxía, grazas ao achado de restos de homínidos.

  2. paleontoloxía lingüística [LING]

    Disciplina que ten por finalidade a reconstrución de fenómenos culturais, étnicos ou sociais dos pobos antigos dos que non queda ningún testemuño histórico, mediante os datos que proporcionan as súas linguas, moitas veces coñecidas unicamente por topónimos e inscricións.