palloza
(
-
s
f
[ETN]
Construción de planta redonda da arquitectura popular galega con presenza ao longo das distintas etapas históricas. É unha das vivendas máis primitivas do NO da Península, que aínda pervive nalgúns lugares das serras luguesas. Este primitivismo maniféstase ao se constituír nunha unidade en que se integra a vivenda, corte, forno e almacén. A súa orixe non se coñece con precisión e moitos autores identifícana coas casoupas redondas das vivendas castrexas, con paralelismo no aparello dos muros, nos escasos ocos e na cuberta vexetal. Aséntase en terras montañosas, de topografía abrupta e climatoloxía moi adversa, e localízase en asentamentos situados a media ladeira e de terras aptas para o cultivo. A evolución da primitiva casa de planta circular deu orixe aos seguintes modelos espaciais: a palloza de planta oval, a máis numerosa, a de planta elíptica, a elíptica truncada polos extremos, en forma de barril, e a de planta rectangular redondeada, semellante á primitiva casa térrea. A construción realízase cos materiais existentes nos arredores e aplicando técnicas moi elementais. Emprégase xisto e granito, madeira de castiñeiro e carballo e como material de cubrición o colmo, que se obtén do cultivo do centeo. Os muros, de cachotaría ou granito, van asentados sobre o propio terreo rochoso ou sobre unha simple cimentación de lousas dispostas nunha gabia, e rematados polo beiril. Ao redor do muro leva a viela, un sistema arcaico antihumidade, en forma de rego ou canle, para recoller a auga da choiva ou neve. O sistema de estrutura da cobertura vertical está formada por muros perimetrais, dous grosos esteos (pés de armar), dous madeiros en forma inclinada (as tesoiras), uns pequenos esteos que parten do muro, que serven de apoio e rematan en forquitas (forcas) e unhas trabes horizontais que enlazan as tesoiras pola metade da estrutura vertical da cuberta e serven de apoio aos cangos. Sobre o núcleo formado polos pés de armar, as tesoiras e a forca vai unha trabe, chamada cumieira ou trabe de armar, que soporta toda a armazón. Desta trabe parten os tiradores ou cangos, sobre os que van ensambladas unhas táboas de acabado rústico (latas ou estelas); enriba delas aséntase a cubrición final, elaborada cunha pequena capa de ramallos e deseguido outra capa de palla centea ou colmo, amarrado todo con cordóns de palla trenzada ou xesta. Nas pallozas de planta circular a cuberta é cónica e moi alta, e leva no centro do espazo un esteo ou pé de armar encaixado nunha lousa de pedra, e uns cangos que soportan todo o peso da cuberta. A construción curvada, o colmo e a forma cónica do tellado illan a palloza do exterior, conservando a calor do fogar, dos animais e da fermentación do estrume das cortes, a unha temperatura de 14°. Interiormente a palloza está dividida de maneira horizontal e vertical. A división horizontal consiste nun taboado que vai apoiado sobre unha armazón de cangos sostidos por pontóns e asentados sobre os muros (a barra). A división vertical está construída con táboas, ramallos ou muros de cachotaría, que separa a vivenda das persoas e animais. O piso de vivenda é térreo, excepto o lar que ten lousas. O interior organízase en tres dependencias separadas por divisións perpendiculares ao eixe maior, que nunca chegan ao teito, con cadansúa porta para comunicar entre si os espazos e poder atender o gando sen necesidade de saír fóra da palloza. Na primeira dependencia está o ástrago e o lar, onde se desenvolve a vida doméstica. O lar ten dúas ou varias lousas de pedra deitadas no chan; por riba está o canizo, onde se coloca algunha lousa de xisto para impedir que as faíscas de lume prendan na palla do teito. Ao seu carón sitúanse dous ou tres escanos, complementados ás veces cunha mesa de levante e uns tallos, e o burro ou cabalete de madeira que xira sobre uns couzóns e sostén a gramalleira da que vai pendurada o pote. Ao redor do lar están os cuartos, compartimentos para durmir en forma de caixóns pechados por taboados; tamén está nesta dependencia o forno, construído dentro da parede do fondo, de planta circular e coa boca cara á lareira. A carón do forno, o requeixo, recinto onde se garda a leña ou cortello para os cuxos, porcos ou ovellas. A segunda dependencia é a estrevariza, que está comunicada coa vivenda por unha porta e ás veces con acceso directo desde o exterior, serve de corte. Sobre ela vai a barra, plataforma de madeira que cobre total ou parcialmente a corte, situada á altura do muro exterior destinada a almacén de herba, palla, patacas, etc, e en moitas ocasións no verán úsase como dormitorio. Chégase a ela a través dunha escada de madeira ou de pedra. Xunto á estrevariza hai outro espazo pequeno destinado a gando lanar ou porcino, comunicado por un portelo. Cando a palloza ten dous compartimentos, no meirande está a lareira, os leitos e a corte, mentres o outro se destina a corte de gando maior. Nas pallozas pequenas hai ademais unha serie de construcións auxiliares como unha eira, unha construción cun tellado de colmo ou lousa para gardar ferramentas e roupa, a cabana e o hórreo de pés altos para gardar debaixo o arado ou carro. Todo o conxunto vai pechado e separado cun valado de cachotes de pedra e cunha cancela de acceso. OBS: Tamén se denomina pallaza.
-
s
f
Edificación con teito de palla.
Sinónimos: pallaza, pallota, pallote. Confrontacións: pallarega.