Panamá
Estado de América Central, que comprende a parte máis meridional e máis estreita da rexión do istmo. Bañado ao N polo Atlántico e ao S polo Pacífico, limita ao O con Costa Rica e ao L con Colombia (75.517 km2; 2.869.000 h [estim 2001]). A súa capital é a cidade de Panamá.
Xeografía física
En épocas xeolóxicas pasadas a rexión ístmica de Panamá era bastante máis extensa, pero un movemento de submersión, tal e como o testemuñan a topografía dos fondos submarinos e a irregularidade das costas, reducírona ao estado actual. Case todo o territorio é montañoso, aínda que na vertente do Pacífico esténdense pequenas chairas, que son as áreas máis fértiles e ricas. Polo centro oeste do país esténdese unha cordilleira (Chiriquí, 3.477 m). Outro sistema é a Cordillera Central (Cerro Santiago, 2.826 m). O relevo da península de Azuero constitúe un terceiro aliñamento montañoso. A actividade volcánica, xa rematada, recubriu os sedimentos cenozoicos. O clima, cálido e húmido, de carácter en conxunto ecuatorial, favorece a desintegración das rochas e, polo tanto, a erosión; por isto, os cumes son suaves e redondeados. Ao N, cara ao Atlántico, esténdese a rexión das selvas pluviais, de terras cálidas, húmidas e insalubres. Ao S, cara ao Pacífico, está a rexión das sabanas e dos pantanos. Cun ancho máximo de 190 km, Panamá non ten ríos longos, pero si caudalosos. Na costa atlántica está o Chagres, eixe sobre o que se desenvolveu o país e que alimenta en parte o canal e o lago artificial de Gatún. No Pacífico desaugan o Chepo (ou Bayano) e o Tuira, con esteiros navegables.
Xeografía económica
Os principais focos de actividade económica son o canal e as actividades urbanas que este favorece. É moi acentuada a oposición entre a vella rexión agrícola de poñente, centro tradicional do país, e a zona de poboación urbana cosmopolita, que vive do comercio e dos servizos relacionados co canal. A agricultura é pobre e céntrase nos cultivos de autoconsumo (cana de azucre, arroz, millo, tomates, laranxas, café, tabaco, etc) e nas explotacións comerciais, financiadas en parte por capitais estranxeiros, como as plantacións de plátanos. A gandaría é fundamentalmente bovina. Do bosque, que cobre o levante do país, extráese leña, pero tamén madeiras como a caoba. Unha actividade en expansión é a pesca de crustáceos xigantes, pero cuantitativamente é moito máis importante a de anchoa. Extráense sal, pedra para a construción e ouro, pero a verdadeira minaría está por iniciarse, a pesar dos xacementos de carbón e cobre. A produción de enerxía redúcese ao aproveitamento do petróleo importado para obter gas butano e enerxía eléctrica. A industria manufactureira está representada por modestas industrias alimentarias (cervexa, azucre e conservas de tomate) e tabaqueiras. A economía do país descansa esencialmente sobre os servizos, que están baseados no intenso tráfico internacional do canal, no sector financeiro, na Zona Franca de Colón e no turismo. As importacións baséanse, sobre todo, nos carburantes minerais, na maquinaria industrial e no equipamento de transportes; os principais provedores son EE UU, a Zona Franca de Colón e Xapón. Panamá exporta, sobre todo, plátanos e gambas, e os países receptores son principalmente EE UU, Alemaña e Italia. As vías de comunicación aínda son escasas, coa excepción da área do canal, servida por ferrocarril, estrada e o oleoduto Transpanameño. O aeroporto principal está na capital e os portos aos extremos do canal teñen importancia comercial. O papel nacional da mariña mercante é máis ben escaso, porque unha boa parte da frota está composta por buques doutros países que aproveitan as vantaxes fiscais da bandeira panameña. O considerable desenvolvemento do sector terciario non estimulou os outros dous, senón que distorsionou a economía e facilitou o endebedamento externo.
Xeografía humana
A poboación está desigualmente repartida e as áreas máis poboadas son as terras baixas do Pacífico e as do canal, coas cidades de Panamá e Colón. O crecemento demográfico é do 17,1‰ anual, froito dunha natalidade que acada o 22,2‰ (1999). A metade da poboación é rural.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
O maior grupo étnico é o dos mestizos, que representan o 64% da poboación. Outros grupos importantes son os negros (14%), brancos (10%) e amerindios (8%). A lingua oficial é o castelán. O 80,2% da poboación é católica, o 14,5% protestante e o 5,3% doutras relixións. A educación é gratuíta e obrigatoria entre os 6 e os 15 anos de idade, e conta con nove universidades das que destacan as tres situadas na cidade de Panamá.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Panamá entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 52º posto cun índice do 0,784). Este indicador ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 73 anos para os homes e de 78 anos para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 92,1%; o índice bruto de escolaridade é do 75%; e o PNB real por habitante é de 3.080 $ EE UU.
Goberno e política
Desde o 28 de novembro de 1821 é unha república independente de España e, desde o 3 de novembro de 1903, de Colombia. Segundo a Constitución do 11 de outubro de 1972, reformada en 1983 e en 1994, o poder executivo reside no xefe do estado e no presidente do goberno. O poder lexislativo está formado por un órgano unicameral, a Asamblea Legislativa, formado por 77 membros, que poden variar en cada lexislatura de acordo co establecido na constitución panameña, elixidos para un mandato de 5 anos. O sistema xudicial baséase nun sistema de leis civís, conta cunha Corte Suprema de Justicia e acepta, con reservas, a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. As principias forzas políticas son: o populista Partido Revolucionario Democrático (PRD); o liberal Partido Liberal Nacional (PLN); o Partido Solidaridad (PS); o conservador Partido Arnulfista (PA) e o Movimiento Liberal Republicano Nacionalista (MOLIRENA), o Movimiento de Renovación Nacional (MORENA) e o democratacristián Partido Popular (PP). Forma parte da Organización dos Estados Americanos (OAS) e da ONU.
Historia
A colonización
En época precolombina habitaban o territorio os caribes, situados no leste, os chibchas nas terras altas do oeste e grupos de orixe maia no sur. En 1501 Rodrigo de Bastidas, Juan de la Cosa e Vasco Núñez de Balboa exploraron a costa oriental. Cristovo Colón fundou a cidade de Santa María de Belén (1502), que foi destruída polos indios. En 1513 Vasco Núñez de Balboa cruzou o istmo e descubriu a costa occidental e o Océano Pacífico. O gobernador Pedro Arias Dávila fundou a cidade de Panamá en 1519 e comezou a exploración da rexión occidental, organizada desde esta cidade. Os escasos indíxenas foron sometidos ou desprazados cara ao leste. Despois de rematar a conquista, cara a 1536, Panamá foi Real Audiencia (1535-1542), dependeu da Capitanía General de Guatemala (1543-1565), pasou ao vicerreinado de Perú (1565-1718) e despois ao de Nueva Granada. O istmo converteuse na ruta do tráfico comercial de Perú e das colonias próximas. Durante dous séculos as riquezas de Perú embarcaban ata Panamá, cruzaban o istmo e reembarcaban cara a Europa, polo que a zona foi asediada por corsarios como Francis Drake e Henry John Morgan. O territorio permaneceu case virxe ata o s XVIII, cando a decadencia comercial obrigou a introducir o cultivo de produtos tropicais. En 1741 os xesuítas renunciaron a evanxelizar Panamá, feito que provocou certa decadencia cultural.
A independencia
O proceso de independencia de Panamá foi pacífico. En 1821 acadou a independencia e o territorio incorporouse á República de Gran Colombia co nome de Departamento del Istmo. Ao disolverse esta unión seguiu ligado a Colombia pero con ampla autonomía e, despois de diversas rebelións, o Tratado de Mallarino-Bidlack (1846) garantiu a seguridade do istmo como territorio soberano de Colombia. En 1855 declarouse estado federal e acordouse elixir os seus gobernadores por sufraxio universal. A importancia do istmo como medio de comunicación entre os océanos Atlántico e Pacífico incrementouse tras a colonización da costa oeste estadounidense e o descubrimento do ouro en California. En 1846 o presidente Tomás Cipriano Mosquera concedeu a EE UU os dereitos de construción dun ferrocarril no territorio e EE UU comezou a intererarse pola construción dun canal interoceánico dada a situación estratéxica do istmo. Unha vez construído o ferrocarril (1849-1850), en 1878 comezaron as negociacións con Francia para a construción do canal. A operación francesa fracasou e en 1902 o Tratado Hay-Herrán, asinado entre Colombia e EE UU, cedeu a este último unha franxa de terreo para construír un canal a cambio de 10.000.000 de dólares e un pagamento anual de 250.000 dólares. Colombia negouse despois a ratificar o acordo, e EE UU apoiou os independentistas panameños, que proclamaron a República de Panamá en 1903.
A construción do canal de Panamá e a presenza galega
Coa firma do Tratado Hay-Bunau-Varilla EE UU comezou a construción do canal, que non se inaugurou ata 1920. Dos aproximadamente 45.000 estranxeiros que participaron na súa construción, ao redor de 8.298 eran españois, sobre todo galegos que empezaron a ser recrutados a partir de 1905. Os traballadores galegos foron moi valorados polos enxeñeiros norteamericanos que os consideraban homes duros que toleraban ben o clima caloroso do istmo, que estaban acostumados a traballar arreo e que ademais eran persoas que non causaban problemas e que aprendían con facilidade. As condicións de traballo eran moi duras, xa que tiñan lugar baixo temperaturas de 42°C e cunha humidade do 85%, baixo torrenciais chuvias e vivindo amoreados en tendas de campaña primeiro e despois en cabanas de madeira, ademais de estar expostos acotío a enfermidades e accidentes laborais. Algúns perderon a vida e moitos tornaron enfermos de malaria ou febre amarela. A partir de 1910 a presenza de obreiros galegos e, en xeral, dos estranxeiros, comezou a diminuír significativamente cando os traballadores antillanos lograron adaptarse mellor ao medio e ser máis produtivos a menos custo. Tras a finalización das obras en 1914, a maioría dos galegos volveron a Galicia ou se dirixiron a Cuba. Os poucos galegos que foron chegando ao país con posterioridade instaláronse sobre todo na capital e na cidade de Colón; a maioría deles procedía da provincia de Ourense e dedicáronse ao comercio, sobre todo a fabricar e vender mobles, e tamén se introduciron no sector hoteleiro.
Da independencia ao s XXI
En 1904 proclamouse a primeira constitución que estableceu un réxime presidencialista, con Manuel Amador Guerrero como primeiro presidente da república (1904-1908). A política do país moveuse arredor do prezo do usufruto do canal e dos intereses estadounidenses, mentres que as plantacións e as liñas férreas afastadas do canal de Panamá pasaron ao dominio da United Fruit Company. A inestabilidade política foi crónica durante este tempo e producíronse numerosas intervencións armadas de EE UU. En 1940 unha reacción nacionalista deulle a vitoria nas eleccións ao presidente Arnulfo Arias, que adoptou medidas antiestadounidenses, pero foi destituído. En 1964 unha intervención das tropas estadounidenses provocou unha matanza de estudantes e unha gran revolta popular, feito polo que as relacións con EE UU foron interrompidas. Tras as eleccións de 1968 a Guardia Nacional, co xeneral Omar Torrijos á fronte, deu un golpe de estado alarmada polo ascenso da esquerda. En 1970 os militares acordaron un pacto político co Partido del Pueblo, estableceron un equilibrio de forzas e desprazaron a oligarquía tradicional. O xeneral Torrijos, xefe de estado e líder da revolución, instaurou unha democracia formal, promulgou unha nova constitución (1972) e ese mesmo ano convocou eleccións para unha Asamblea Nacional, que lle deu poderes extraordinarios como xefe de goberno. O réxime abriu negociacións con EE UU sobre a soberanía da zona do canal, que en 1977 culminaron coa sinatura do Acordo Torrijos-Carter, polo que o canal pasaría a ser de propiedade panameña a partir de 2000, aínda que EE UU podería acudir á zona para defender a súa neutralidade. Este acordo entrou en vigor en 1979 e permitiu que Panamá asumira o control do canal aínda que as forzas militares estadounidenses permaneceron no país ata o 31 de decembro de 1999. En 1978 legalizáronse os partidos políticos e Arístides Royo foi elixido presidente (1978-1982). Iniciouse unha loita polo poder entre militares e civís, Royo foi obrigado a dimitir e foi substituído por Ricardo de la Espriella (1982-1984), que levou a cabo unha política máis prooccidental. R. de la Espriella foi substituído por Jorge Enrique Illueca Sibauste, que convocou eleccións presidenciais e lexislativas en 1984. O candidato, que tiña o apoio da Guardia Nacional, gañou e asumiu a presidencia; dimitiu e ao ano seguinte foi sucedido polo vicepresidente Eric Arturo Delvalle (1985-1988), mentres medraba a oposición política ao réxime por causa da corrupción do xeneral Manuel Antonio Noriega, que exercía o control efectivo do goberno ao tempo que recibía axuda económica de EE UU, a quen en 1988 acusou de narcotráfico e crime organizado e fixo revogar o presidente Delvalle para colocar a Manuel Solís de Palma na presidencia do país. EE UU puxo en práctica fortes sancións económicas a Panamá, que coincidiron cunha folga xeral no país e, despois de que Noriega anulara os resultados das eleccións de 1989 que lle deran a presidencia a Guillermo Endara, produciuse a intervención militar de EE UU. Noriega foi detido, entregado ás forzas estadounidenses e encarcerado en EE UU, onde foi condenado en 1992 por tráfico de drogas, branqueo de diñeiro e crime organizado. Endara foi investido presidente, co apoio dos estadounidenses. En 1994, Ernesto Pérez Balladares gañou as eleccións presidenciais e o seu partido, o PRD, as lexislativas. Entre 1996 e 1997 a política exterior panameña xirou arredor da discusión sobre a devolución do canal, prevista para decembro de 1999. Neste sentido, Balladares iniciou conversas coa administración estadounidense para o mantemento das tropas máis alá da data fixada. Desde 1999 a 2004 ocupou a presidencia Mireya Moscoso, da coalición Unión por Panamá, formada polo MOLIRENA, MORENA e Cambio Democrático. Durante o seu mandato produciuse a entrega do canal a Panamá. Desde setembro de 2004 ocupou a presidencia do país, Martín Torrijos, fillo de Omar Torrijos.