1 papado
(< 1 papa)
-
s
m
[RELIX]
Dignidade de papa.
-
s
m
[RELIX]
Institución histórica do pontificado, na súa continuidade. Desde o principio, a natureza do seu poder, espiritual e temporal, e a súa supremacía foi fonte de conflitos e controversias. O bispo de Roma, como sucesor de san Pedro, ocupa a máxima autoridade na Igrexa Católica. Esta supremacía comezou a definirse nas primeiras comunidades cristiás. Desde o s III, os bispos de Italia central e meridional considerárono o seu metropolitano e celebraron sínodos baixo a súa presidencia. Desde os primeiros séculos do cristianismo existiron antipapas, non recoñecidos pola Igrexa Católica. Despois do Edito de Milán (313), recoñeceuse a supremacía do papa e o Papa Dámaso I (366-384) viu recoñecido o supremo poder xudicial sobre todos os metropolitanos de Occidente. Durante o s IV e comezos do s V, os papas reclamaron para si unha autoridade especial. Xelasio I (492-496) formulou por primeira vez a doutrina dos dous poderes, o espiritual e o temporal, e promulgou diversos textos legais e disciplinarios que deixaron a súa pegada no dereito canónico medieval. Nestes séculos os emperadores convocaban os concilios, pero os enviados do papa tiñan un papel preferente. Ademais os concilios recoñeceron a primacía da sé de Roma pero tamén a de Constantinopla. Despois da caída do Imperio Romano de Occidente, Gregorio I (590-604) sentou as bases do futuro estado pontificio ao recibir moitos territorios como legado e logrou equiparar o prestixio de Roma ao de Constantinopla. Os emperadores comezaron entón a intervir na elección do bispo de Roma e Xustiniano atribuíuse o dereito de confirmar a súa elección en 553. A predisposición dos emperadores bizantinos cara ao cesaropapismo provocou que Roma se achegase aos francos. Así, aceptouse a protección de Carlomagno, quen ademais lle concedeu territorios na Italia central, xermolo dos Estados Pontificios que comezaron a súa formación co Papa Estevo III (752-757). Por outra banda, o Papa León III (795-816) sentou as bases do Sacro Imperio Romano Xermánico ao coroar a Carlomagno emperador dos romanos na basílica de San Pedro (25.12.800). Durante o s X o papado decaeu ao mesmo tempo ca os poderes temporais; o emperador, principalmente, inmisciuse nos asuntos da Igrexa, sobre todo na elección dos bispos. Gregorio VII (1073-1085) puxo en práctica a reforma da igrexa que buscaba restaurar a orde interna e que provocou a Querela das Investiduras. Ademais reivindicou a autoridade suprema do papa sobre todos os bispos. Outro defensor da teocracia papal foi Inocencio III (1198-1216). En 1309, ante a inseguridade que existía en Roma, o papa trasladouse a Aviñón ata que en 1377 o Papa Gregorio XI (1310-1378) volveu á sé de Roma. Durante estes anos o papado reorganizou a Igrexa, pero recibiu as influencias dos monarcas franceses. A simonía, o despotismo e outras prácticas levaron ao Cisma de Occidente (1378-1417), en que chegaron a existir tres papas que se autodenominaban lexítimos. Xunto aos papas de Roma (Urbano VI, Bonifacio IX, Inocencio VII e Gregorio XII), os únicos que recoñece a Igrexa Católica, existiron dous papas (Clemente VII, 1378-1394, e Benedito XIII, 1394-1417), que recoñecían como sé Aviñón, e os denominados terceiros papas (Alexandre V, 1409-1410, e Xoán XXIII, 1410-1415). Durante o Renacemento o papado tentou recuperar o seu prestixio. No s XVI os papas impuxeron o seu poder nos territorios pontificios, pero tiveron que enfrontarse aos movementos reformistas. Paulo III (1534-1549) comezou a reforma da Igrexa que culminou co Concilio de Trento (1545-1563). Aínda que no concilio non se tratou a misión do papa na Igrexa, os seus poderes saíron favorecidos ao ser o papa o encargado de poñer en práctica os decretos e de resolver as cuestións que quedaron pendentes. A primacía xurisdicional e a infalibilidade do papa promulgáronse no Concilio Vaticano I (1870) co Papa Pío IX (1846-1878). Coa unificación de Italia, os Estados Pontificios e a cidade de Roma incluíronse no novo reino en 1870, feito que provocou que o Papa Pío IX se retirase á zona do Vaticano. A denominada Cuestión Romana non se solucionou ata 1929, cando os Pactos de Letrán converteron o territorio da Cidade do Vaticano nun estado soberano que tiña o papa como xefe de estado. Ao longo do s XX o papado foise interesando por cuestións económicas, políticas e sociais ao tempo que fortaleceu a súa posición centralizadora dentro da Igrexa. O Concilio Vaticano II, desenvolvido nos pontificados de Xoán XXIII (1958-1963) e Paulo VI (1963-1978), tratou, entre outros temas, o ecumenismo, o ministerio pastoral da Igrexa, a renovación da vida relixiosa, a formación sacerdotal, o apostolado dos laicos e a liberdade relixiosa. O papado de Xoán Paulo II (1978) caracterizouse pola relevancia que lle outorgou ao ecumenismo e á natureza universal da Igrexa.