Papua Nova Guinea

Papua Nova Guinea
Nome científico: [nome oficial ingl: Papua New Guinea]

Estado de Melanesia, que abrangue a parte oriental da illa de Nova Guinea e unhas 600 illas máis pequenas, entre as que destaca o arquipélago de Bismarck e as illas de Buka e Bougainville, que forman parte das illas Salomón (462.840 km2; 5.321.000 h [estim 2001]). A súa capital é Port Moresby.
Xeografía
Todas as terras son montañosas, con numerosos volcáns activos. A máxima altitude está en Nova Guinea, no monte Wilhelm, con 4.509 m. O clima é cálido e húmido todo o ano e os ríos son curtos e caudalosos. É un país eminentemente subdesenvolvido, pois máis das tres cuartas partes da poboación vive da agricultura de subsistencia. Os cultivos principais son os tubérculos e as raíces, as bananas e as froitas tropicais, e os cultivos de exportación, como o coco, o café, o cacao, o caucho, o aceite de palma e a cana de azucre. A gandaría é de curral e ten vacas leiteiras. O bosque ocupa o 84,4% do territorio. A pesca é un recurso importante, pero ten minguado moito. A minaría, base da economía do país, céntrase no cobre, ouro e prata, ademais de contar con xacementos de cromita, cobalto e níquel. As tres cuartas partes da enerxía eléctrica proveñen do petróleo importado. A industria é incipiente e baséase nas fábricas de elaboración de tabaco, a construción, os mobles e a madeira, a montaxe de automóbiles e o material eléctrico, a industria da seda e as industrias derivadas da agricultura. As comunicacións son moi primarias: o único porto e aeroporto importantes están en Port Moresby. Importa maquinaria e medios de transporte, manufacturas básicas e alimentos, e exporta ouro, cobre, café, cacao, aceite de palma e de copra. A balanza comercial sáldase cos capitais que entran para o desenvolvemento, que proceden principalmente de Australia. A unidade monetaria é o kina. A poboación urbana só representa o 17,4% (2000) do total.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
Está integrada basicamente por papúas (84%), que viven no centro e S de Nova Guinea, e melanesios (15%), que ocupan o N de Nova Guinea e as illas restantes. O 1% restante correponde a outras etnias, que no interior son moi primitivas. As linguas oficiais son o hiri motu, o tok pisin e o inglés, ademais de se falar máis de 700 linguas nativas. En canto á súa filiación relixiosa, o 60% da poboación é protestante, o 28,2% católica e o 3,9% anglicana. As demais filiacións inclúense no 7,9% restante da poboación.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Papua Nova Guinea entre os países cun desenvolvemento humano medio (122º posto cun índice do 0,534). Este indicador ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 61 anos para os homes e de 65 para as mulleres, o índice de alfabetización de adultos é de 64,6% da poboación, o índice bruto de escolarización é do 41% e o PNB real por habitante é de 810 $ EE UU.
Goberno e política
Monarquía independente desde 1975 no ámbito da Commonwealth, segundo a Constitución do 16 de setembro de 1975, o poder lexislativo correspóndelle ao National Parliament, integrado por 109 membros que son elixidos por sufraxio universal cada 5 anos. O poder executivo correspóndelle ao monarca, que está representado por un gobernador xeral que nomea ao primeiro ministro e que é responsable diante do National Parliament. O sistema xudicial baséase na common law, conta cunha Corte Suprema, cun xuíz principal nomeado polo gobernador xeral e con tribunais de distrito, locais e de garda. A pena de morte está oficialmente en vigor. As principias forzas políticas son o centrista Papua and Niugini Union Pati (Partido Unido de Papua Nova Guinea, PANGU), o socialdemócrata Melanesian Alliance Party (MAP) e os conservadores People’s Democratic Movement (PDM), People’s Progress Party (PPP) e o People’s Action Party (PAP). Forma parte das seguintes organizacións internacionais: Commonwealth, Cooperación Económica Asia Pacífico, Comunidade do Pacífico (PC) e é membro asociado á ONU.
Historia
A creación oficial deste país materializouse en 1975, cando se uniu o territorio nororiental (baixo administración australiana desde 1906) co suroriental (antiga posesión alemá que Australia administraba desde 1914), que desde 1949 estaban unidos baixo a administración australiana. En 1973 recoñeceuse a autonomía interna e en 1975 foi proclamado estado independente, no seo da Commonwealth. Michael Somare, líder do PANGU, foi o primeiro ministro dun goberno de coalición desde 1972 ata 1985 (agás no período 1980-1982). O conflito interior principal situouse na illa de Bougainville que, aínda que se proclamou independente baixo o nome de República de Salomón, reincorporouse ao territorio tras a independencia da illa (1976). Desde 1985 gobernou unha coalición de cinco partidos, encabezada por Paias Wingti, quen foi substituído nas eleccións de 1994 por Julius Chan, do PPP. En 1988 estalou unha insurrección en Bougainville, motivada polo enfrontamento entre a compañía australiana, que explotaba os xacementos de cobre, e os propietarios expropiados, dirixidos polo Exército Revolucionario de Bougainville. En 1997 as partes asinaron unha tregua e aquel mesmo ano o goberno de Julius Chan foi obrigado a dimitir. As eleccións lexislativas devolveron o seu partido ao poder e Bill Skate foi elixido primeiro ministro. As catástrofes naturais de 1998, xunto co impacto da crise asiática, conduciron o país a unha crise financeira de graves repercusións sociais e económicas. Desde 1999, Mekere Morauta, conservador, exerceu de primeiro ministro e nas eleccións de 2002 foi substituído por Michael Somare, novo líder do PDM.