Paquistán

Paquistán
Nome científico: [nome oficial: República Islámica de Paquistán; urdú: Islām-ī Jamhūrīya-e Pākistān]

Estado de Asia meridional, situado entre Irán ao O, Afganistán ao O, NO e N, China ao NL, India ao L, e o mar de Arabia ao S (796.095 km2; 140.673.000 [estim 2001]). A súa capital é Islāmābād.
Xeografía física
Está formado por tres rexións: a rexión montañosa do N-NL, Baluchistán e o val do Indo. A primeira inclúe unha parte do Karakorum, os contrafortes do Hindu Kush ao O e do Himalaia ao L. O clima é alpino, con precipitacións abundantes, sobre todo de neve, que no desxeo provocan as fortes crecidas do Indo e dos seus afluentes; o bosque desaparece coa altitude e no extremo N dominan os glaciares. A rexión de Baluchistán está formada polos contrafortes do altiplano iraniano, que descende cara ao Indo; os ventos secos e cálidos convértena nunha vasta extensión desértica e estépica, interrompida por lagos salgados e relevos irregulares, pouco apta para o cultivo. O val do Indo, unha chaira inmensa que desde as ladeiras montañosas descende ata o mar de Arabia, é seco e caloroso, con escasa vexetación e sometido a inundacións durante as crecidas; a fertilidade do solo, formado por depósitos aluviais, permitiu a construción de presas e canais de regadío.
Xeografía económica

Economía e sectores de actividade
A economía é esencialmente agrícola, con tendencia a aumentar grazas á extensión de áreas cultivadas e á introdución de maquinaria e sistemas modernos e racionais. Os principais cultivos son a cana de azucre, o trigo, o arroz, o millo e o algodón. A gandaría está moi desenvolvida e predominan os búfalos e cabras, que a fornecen de la, pel e coiro. A pesca produce un excedente para exportar e non é desprezable a produción de madeira. Os recursos enerxéticos inclúen xacementos de gas natural, petróleo no altiplano de Potwar e en Punjab, carbón, lignito e hulla. Os minerais son escasos e os máis importantes son os hidrocarburos, o grafito, os fosfatos, o coiro e a pedra calcaria. A electricidade é case toda de orixe hidráulica. Ten industria naval, de montaxe de automóbiles, de locomotoras, de máquinas de coser, de ferramentas de aceiro e de instrumental cirúrxico. O sector máis desenvolvido é o téxtil, aínda que tamén é importante a industria química, especialmente a de fertilizantes e produtos de base. Outras industrias son a do cemento, a da polpa e papel, a oleícola, a azucreira, a de pel e do calzado e a do tabaco. O centro industrial máis importante e o porto principal é Karāchi.
Comunicacións e comercio exterior
As insuficientes comunicacións dificultan o comercio interior. Conta cunha rede de liñas férreas de 8.775 km e con 229.934 km de estradas. O tráfico aéreo é importante, con grandes aeroportos en Karāchi e Lāhaur. Exporta algodón, fío e tecidos de algodón, roupa, arroz, coiro, alfombras e tapices, pesca e la a EE UU, Alemaña, Reino Unido e Xapón. As importacións proceden basicamente de Xapón, EE UU e Alemaña. O enorme déficit da balanza comercial e de servizos sáldase en parte cos envíos dos traballadores paquistanís no estranxeiro, e o resto, cos dos bancos internacionais de occidente ou dos estados árabes. Desde 1958, a economía está orientada segundo planos quinquenais de desenvolvemento.
Xeografía humana
É un país moi poboado e cunha densidade moi irregular. A poboación é basicamente rural (63%), e o resto concéntrase nas grandes cidades. A migración deu lugar ao crecemento desproporcionado de cidades como Karāchi e Lāhaur. Outras cidades importantes son a capital, Islāmābād, Faisalabad, Hyderābād e Multān.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
O maior grupo étnico é o punjabi, que representa o 48,2% da poboación. Outros grupos son os pashto (13,1%), sindhi (11,8%), saraiki (9,8%), urdús (7,6%) e outros (9,5%). As linguas oficiais son o urdú e o inglés, pero tamén se falan outras linguas como o sindhi, o punjabi e o saraiki. O 75% da poboación é musulmá sunnita, o 20% musulmá xiíta, o 2% cristiá, o 1,8% hinduísta e o 1,2% practica outras relixións. A educación primaria, dos 5 aos 9 anos, é gratuíta e obrigatoria.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Paquistán entre os países cun desenvolvemento humano baixo (ocupa o 127º posto cun índice do 0,498). Este indicador ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 64 anos para os homes e de 66 anos para as mulleres, o índice de alfabetización de adultos é do 44%, o índice bruto de escolaridade é do 36% e o PNB por habitante é de 470$ EE UU.
Goberno e política
Antiga colonia británica, é independente desde o 14 de agosto de 1947. Segundo a Constitución do 10 de abril de 1973, suspendida durante períodos militares (1977-1985 e 1999-2000), Paquistán é unha república. O poder executivo reside no presidente do goberno, elixido por un mandato de cinco anos polo Parlamento, e no primeiro ministro. O poder lexislativo reside nun órgano bicameral, o Majlis-i-Shura (Parlamento), dividido na Asemblea Nacional, elixida por cinco anos e formada por 342 membros, e no Senado, formado por 100 senadores elixidos polas asembleas provinciais. O sistema xudicial baséase na common law e na lei islámica, acepta con reservas a xurisdición do Tribunal Internacional de xustiza e está en vigor a pena de morte. As principais forzas políticas son o Partido do Pobo de Paquistán (PPP), o minoritario Movemento Muttahida Quami (MQM), o partido Liga de Musulmáns de Paquistán, con diversas faccións, entre as que destaca a Quaid-e-Azam (LMPQ) e a Nawaz (LMPN), o islamista Muttahhida Majlis-e-Amal Pakistan (MMA) e a alianza electoral Alianza Nacional (NA). Forma parte das seguintes organizacións internacionais: Commonwealth, ONU e Organización da Conferencia Islámica (OCI).
Historia
Acadou a independencia en 1947, dividido en dúas partes, Paquistán Oriental e Paquistán Occidental, segundo a partición do dominio británico por un criterio relixioso, entre hinduístas e musulmáns. A guerra con India polas augas do Indo significou a anexión de Kashmir en 1949. Despois de morrer Ali Jinnah, fundador do país e primeiro gobernador xeral (1948), o asasinato do seu sucesor Liaqat ‘Ali Khān en 1951 acentuou a inestabilidade e a dependencia respecto de Reino Unido e EE UU. A polémica entre musulmáns tradicionalistas e modernistas culminou coa creación da República Islámica de Paquistán en 1956. Co golpe de estado de 1958, o xeneral Ayūb Khān asumiu o poder e elaborou unha nova constitución (1962). Enfrontouse con India pola cuestión de Kashmir, foi obrigado a dimitir (1969) e o seu substituto, Mu ḥ ammad Yaya Khān, suspendeu a Constitución de 1962. Desde 1970 as relacións entre ambos os dous Paquistáns foron moi tensas: a Liga Awami, partidaria da independencia, gañou as eleccións na parte oriental (1971), que se rebelou. India interveu na represión e someteuna. Na banda occidental, a guerra, que dirimiu de novo a cuestión de Kashmir, quedou estabilizada. Paquistán Oriental, coa axuda de India, conseguiu a independencia en 1972 co nome de Bangladesh. A derrota obrigou a dimitir a Yaya Khān, a quen sucedeu Ali Bhutto, que volveu ao réxime parlamentario e recoñeceu a independencia de Bangladesh; en 1977 o golpe militar do xeneral Mu ḥ ammad Zia ul-Haq derrocouno. O réxime militar derrogou a constitución, disolveu o Majlis-i-Shura, estableceu a lei marcial e ordenou arrestar a Ali Bhutto, que foi executado en 1979. Zia ul-Haq asumiu a presidencia en 1978 e instaurou un goberno civil controlado polo exército, que islamizou o país. Paquistán mantivo un conflito armado con Afganistán entre 1985 e 1986, xa que a guerrilla que combatía o réxime prosoviético deste país utilizou o territorio paquistaní como base de operacións. Tras a morte de Zia (1988), o Consello Nacional de Emerxencia convocou eleccións, que gañou o PPP, liderado por Benazir Bhutto, que asumiu o cargo de primeira ministra (1988). Durante o seu mandato continuaron os disturbios inter--étnicos en Sind e medrou a tensión con India a consecuencia da axitación musulmá en Jammu e Kashmir. En 1990 o presidente Ghulam Ishaq Khan obrigou a dimitir a Bhutto e convocou novas eleccións, que gañou a Alianza Democrática Islámica, e o seu líder, Nawaz Sharif, converteuse en primeiro ministro. En 1993, as diverxencias entre o presidente e o primeiro ministro remataron coa dimisión de ambos os dous e a convocatoria de eleccións, que devolveron o poder ao PPP e a Bhutto. Faruq Ahmed Leghari, do mesmo partido, ocupou a presidencia. O fracaso do goberno de Bhutto na aplicación das reformas sociais prometidas e o permanente conflito interétnico, a crise económica e a corrupción política forzaron a disolución do Majlis-i-Shura en 1996 e a destitución da primeira ministra. As eleccións anticipadas celebradas a comezos de 1997 deron a vitoria ao LMPN e Nawaz Sharif foi nomeado primeiro ministro. As novas disensións políticas entre o poder xudicial e o lexislativo provocaron a dimisión do presidente Leghari, que foi substituído por Mu ḥ ammad Rafiq Tarar. En política exterior, as relacións entre India e Paquistán polo conflito de Jammu e Kashmir mantivéronse baixo unha situación de inestabilidade. En 1999 Pervez Musharraf deu un golpe de estado e converteuse no presidente dunha xunta militar. En 2001 autoproclamouse presidente e Shaukat Aziz ocupa, desde 2004, o cargo de primeiro ministro.