Paradela

Paradela


Concello da comarca de Sarria, situado na provincia de Lugo no centro-leste da Comunidade Autónoma de Galicia, a 42° 45’ 30’’ de latitude N e 7° 34’ de lonxitude O. Limita ao N co Páramo (comarca de Sarria), ao L con Sarria e O Incio (ambos os dous na comarca de Sarria), ao S con Bóveda e O Saviñao (ambos os dous na comarca de Terra de Lemos), e ao O con Taboada (comarca de Chantada) e Portomarín (comarca de Lugo). Abrangue unha superficie de 77,7 km 2 , en que acolle unha poboación de 2.240 h (2007), distribuída nas parroquias de Aldosende, Andreade, Barán, Castro, Castro de Rei de Lemos, As Cortes, Ferreiros, Francos, A Laxe, Loio, Paradela, San Facundo de Ribas de Miño, San Martiño de Castro, San Vicente de Paradela, Santa Cristina de Paradela, Santalla de Paradela, Suar e Vilaragunte. A súa capital está no lugar de Pacios, na parroquia de Paradela, situada a 115 km de Santiago de Compostela e a 35 km de Lugo. Está adscrito á diocese de Lugo e ao partido xudicial de Sarria.
Xeografía física
O relevo pódese descompoñer en catro unidades diferenciadas: o val do Miño, o val do río Loio, os contrafortes da serra do Páramo, e un extenso territorio de formas suaves no centro e S do concello. O val do Miño é unha franxa de terreo situado ao O do concello, cunha orientación N-S e unha altitude media entre os 350 e os 550 m. O val do Loio é unha estreita franxa que se estende polo N do territorio, cunha dirección L-O e unha altitude media entre os 400 e 600 m. Os contrafortes da serra do Páramo correspóndense co extremo NL do concello, coincidindo co extremo SO desta elevación. Por último, o centro e o SO de Paradela correspóndese cunha extensa penechaira, prolongación cara ao O da superficie de erosión de Chantada, cunha altitude media de 600-700 m que culmina no monte Acebedo (816 m) e no Veitureira (841 m), e se estende cara ao S por terras do Saviñao. Paradela repártese entre os dominios climáticos oceánico de montaña e oceánico continental, ao abrigo da influencia moderadora das masas de aire mariño, feito que repercute nun réxime térmico asentado en temperaturas contrastadas. A temperatura media anual é de 10,8°C cunha media en xaneiro de 4,6°C, e unha en xullo de 17,7°C. A amplitude térmica extrema chega aos 24,5°C. A precipitación anual media é de 1.457 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival; o 39% das precipitacións recóllense no inverno, fronte ao 10% no verán, ficando con valores medios na primavera co 26% e no outono co 25%. A rede hidrográfica pertence en case toda a súa totalidade á conca do río Miño, agás o extremo SL que está drenado pola cabeceira dalgúns regos de escasa consideración tributarios do río Mao, na conca do Cabe. Ao río Miño, que delimita Paradela polo O discorrendo xa encaixado polo encoro de Belesar, van parar os ríos Loio, Trapa e Zancroia, todos eles con dirección L-O. A vexetación clímax consérvase nos vales mesturados coas agras e prados, mentres que nas terras altas da penechaira e dos contrafortes do Páramo son substituídas por piñeiros ou mato.
Xeografía humana
Paradela viviu desde 1900 dúas grandes etapas demográficas, unha ata 1960, de estabilidade poboacional con apenas oscilacións, e outra a partir desa data, dominada por unha tendencia claramente regresiva. Iniciou o s XX presidido por un suave incremento demográfico que culminou en 1920, cando acadou o seu máximo poboacional (0,39% interanual entre 1900 e 1920), seguido dun leve retroceso entre 1920 e 1930 (-0,36% interanual), que deu paso a unha sucesión de décadas de estancamento entre 1930 e 1940 (0,12% interanual), de diminución entre 1940 e 1950 (-0,61% interanual) e moderado crecemento entre 1950 e 1960 (0,76% interanual). A partir dese momento iniciou unha fase en que se alternaron importantes perdas de poboación (-3,21% entre 1960 e 1970, -1,71% entre 1991 e 2001), con outras de suave regresión (-0,53% entre 1970 e 1991). Entre 2001 e 2007 o descenso foi do -11,98%. En 2006 o saldo natural foi negativo (-15,9‰) froito dunha natalidade moi baixa (2‰) e unha mortalidade elevada (18,9‰) o que indica un avellentamento da poboación, motivado tamñen pola emigración cara a focos industriais como Catalunya, Francia e Alemaña: o 10,3% da poboación ten menos de 20 anos e o 33,8% máis de 65 anos; o grupo de adultos é do 55,9%. O reparto da poboación por sexos presenta unha estrutura equilibrada: 50,75% de homes e 49,24% de mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Paradela é do 49,8 % (54,3% a masculina e 45,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 45,6% (49,3% a masculina e 42% a feminina) e a taxa de paro é do 8,4% (9,1% a masculina e 7,6% a feminina). A principal actividade económica é o sector primario, que ocupa o 59,4% da man de obra. A superficie cultivada acada o 15,01% do seu territorio e está ocupada por cultivos forraxeiros, centeo e millo. A economía do concello baséase na gandaría; os prados e os pastos ocupan o 13,36% do territorio, onde destaca o gando bovino (13.139 cabezas en 2007) destinado tanto para leite como para a obtención de carne. O gando porcino ten tamén ampla difusión (264 cabezas reprodutoras e 300 de ceba en 2005). A industria só supón o 7,4% da poboación ocupada. A construción representa o 6,4% da man de obra, con empregos preferentemente na veciña vila de Sarria. O sector servizos constitúe o 26,8% do emprego, tanto no equipamento terciario local como no asentado en Sarria. As principais vías de comunicación son a LU-535 e as estradas locais.
Historia
Os restos máis antigos atopados pertencen á época castrexa, entre outros, os castros de Barán, Francos, Toural e Santa Cristina. O Camiño de Peregrinación a Santiago atravesa o territorio de L a O. Na Idade Media, a orde dos Cabaleiros Cambiadores estableceuse no mosteiro de Santa María de Loio (s VIII) baixo a regra de san Froitoso de Braga, coa misión de velar polos peregrinos. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Paradela pertenceron á xurisdición de Paradela, señorío do conde de Lemos, do cabido de Santiago de Compostela e do mosteiro de Montederramo; Castro de Rei de Lemos, señorío do conde de Lemos; Taboada, señorío do conde de Macenda e Portomarín, señorío de varios fidalgos e do marqués de Bóveda. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal. Daquela produciuse a creación dos concellos de Paradela e Castro de Rei, pertencentes ao partido xudicial de Sarria. En 1822 ambos os dous concellos adscribíronse á nova provincia de Lugo. En 1823 Fernando VII derrogou a constitución, feito que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, e en 1840 xurdiu o concello de Paradela ao integrarse nel o concello de Castro de Rei e desaparecer os concellos de Castro de Rei de Lemos e Somoza Maior de Lemos. Desde 1845 non se produciron variacións nos seus límites.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, no eido da arquitectura relixiosa destacan, entre outras, as igrexas parroquiais románicas de Santa María de Vilaragunte e Santa María de Ferreiros, e a de San Facundo de Ribas de Miño, románica de transición ao gótico e declarada BIC en 1982 e o seu contorno en 1995. Das festas que teñen lugar no concello destacan as da Virxe das Dores, a finais de setembro en Pacios, a da Virxe do Rosario en Mosteiro Vello (Castro de Rei de Lemos), a de santa Engracia en Aldosende e a festa do Magosto en Pacios en novembro.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Sarria
Extensión 121 Km2
Poboación Total 2240 h
Poboación Homes 1137 h
Poboación Mulleres 1103 h
Densidade de poboación 18.51 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias