Paraguay

Paraguay
Nome científico: [nome oficial en cast: República del Paraguay]

Estado de América do Sur, que limita con Bolivia ao NO e ao N, con Brasil ao NL e ao L, e con Arxentina ao S, ao SO e ao O (406.752 km2; 5.291.000 h [estim 2001]). A súa capital é Asunción.
Xeografía física
Paraguay é en boa parte un país baixo e chan, aínda que cunha morfoloxía variada. Na zona comprendida entre os ríos Paraná e Paraguay localízanse os contrafortes do altiplano do Mato Grosso. No centro do país érguense uns macizos separados do Mato Grosso pola erosión. No N de Paraguay esténdese unha penechaira de granito e gneis dominada ao O por un estreito macizo delimitado por fallas. O Gran Chaco, que cobre máis do 60% da superficie do país, é unha gran chaira horizontal que se estende entre o río Paraguay e os Andes, cuberta de monte baixo espiñoso, habitada por tribos indíxenas nómades e por onde se estenden inmensos dominios gandeiros. O clima, sen diferenzas moi acentuadas, é cálido e húmido. No L domina a formación de selva tropical. No centro hai unha paisaxe de pastos e áreas de cultivo. No O esténdese o Chaco, e as chuvias son menores. Todo o país pertence á conca do Río de La Plata-Paraná, que está atravesado polo río Paraguay, tributario do Paraná. Ambos os dous ríos son navegables dentro do estado. As dúas chairas que envolven este sistema fluvial facilmente se transforman en pantanos, os característicos esteiros.
Xeografía económica

Sectores de actividades
A economía está dominada pola actividade agrícola e gandeira. Arredor da capital e ao S do país hai unha zona de pequenas explotacións de subsistencia que producen millo, mandioca, arroz, trigo e batatas, e onde se explota a avicultura doméstica e o gando porcino. O centro do país e o Chaco son as zonas de explotación extensiva de gando bovino e cabalar principalmente. No SL foron implantados algúns cultivos industriais, como o da cana de azucre, tabaco, algodón e oleaxinosas, ademais de froiteiras (laranxeiras), café e mate. A gandaría fornece carne de porco, de bovino, avícola, leite, coiro, ovos e la. A explotación forestal baséase no quebracho e na caoba. O subsolo non está suficientemente explotado, malia que en Chaco se efectúan sondaxes petrolíferas. Extráese sal, caolín e calcarias. A carencia de combustibles comporta un consumo moi baixo de enerxía. Con Brasil e con Arxentina pactouse a repartición de augas do gran río Paraná (1971), e emprendéronse importantes proxectos. A central de Acaray (1976) xa puxera fin ás importacións de electricidade. Na fronteira con Brasil foron inauguradas en 1984 as tres primeiras turbinas da central de Itaipú, unha das máis grandes do mundo. A industrialización é moi feble e dedícase especialmente a produtos agrícolas e alimentarios como conservas, conxelación de carnes, azucre, aceites vexetais, algodón, cervexa, tabaco, nafta e cemento. Posúe unha refinaría de petróleo en Asunción.
Comunicacións e comercio exterior
As comunicacións son aínda insuficientes. A vía fluvial mantén o seu papel de eixo principal para o comercio exterior. Asunción é o primeiro porto e aeroporto do país. Non obstante, unha parte do comercio oceánico realízase polo porto brasileiro de Santos. A estrada Panamericana é o único ferrocarril importante e constitúe a alternativa terrestre á vía do Paraná. En conxunto, a economía padece un alto grao de dependencia dos capitais estranxeiros e tamén dos mercados de fóra, e por iso se decanta cara a unha exportación dos produtos de base directamente obtidos das riquezas naturais e cara a unha importación de produtos manufacturados. Importa maquinaria, vehículos, petróleo, tabaco, bebidas e produtos químicos e farmacéuticos, a cambio de algodón, sementes oleaxinosas, madeira, aceites vexetais, tabaco, coiros, carne de bovino e tanino. Provese sobre todo de Brasil, EE UU, Arxentina e Xapón, e destacan como clientes Brasil, Países Baixos, Arxentina e EE UU. A balanza comercial é negativa.
Xeografía humana
A distribución da poboación é moi desigual. A capital, Asunción, é o único núcleo urbano importante. Algo máis da metade da poboación vive en núcleos urbanos (56%). O crecemento demográfico é alto (26,7‰), a pesar da considerable emigración cara a Brasil e Arxentina.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
O maior grupo étnico é o dos mestizos, que representa un 90,8% da poboación, mentres que os amerindios un 3% e outros grupos un 6,2%. Segundo a Constitución Nacional de 1992, establécense como linguas oficiais o guaraní e o castelán, e recoñécense as linguas indíxenas como patrimonio cultural de Paraguay.   O 88,4% da poboación é católica, o 4,9% é protestante e o 6,7% practica outras relixións. A educación é gratuíta e obrigatoria entre os 6 e os 12 anos.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano situaba a Paraguay entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 80° posto cun índice do 0,738). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 71 anos para os homes e de 76 anos para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 93,5% e o índice bruto de escolaridade é do 64% da poboación. O PNB por habitante é de 1.560 $.
Goberno e política
Antiga colonia española independente desde 1811. É unha república de tipo presidencial. Segundo a Constitución de 1967, reformada o 20 de xuño de 1992, a función lexislativa perténcelle ao Congreso Nacional, órgano bicameral elixido por un período de 5 anos por sufraxio universal que está integrado pola Cámara de Diputados, formada por 80 membros, e a Cámara de Senadores, integrada por 45 senadores. O poder executivo exérceo o presidente, elixido mediante voto popular, tamén por un período de 5 anos. O sistema xudicial baséase nos códigos arxentinos, no dereito romano e no código francés; conta cunha Corte Suprema de Justicia e non acepta o Tribunal Internacional de Xustiza. As principais forzas políticas son: os conservadores Partido Colorado/Asociación Nacional Republicana (ANR) e Unión Nacional de Ciudadanos Éticos (UNACE), o liberal Partido Liberal Radical Auténtico (PLRA), o populista Movimiento Patria Querida (MPQ), o centrista Partido Encuentro Nacional (PEN) e o socialista Partido Patria Libre (PPL). Forma parte das seguintes organizacións internacionais: MERCOSUR, Organización dos Estados Americanos (OEA) e ONU.
Historia

A época precolombina e a colonización española
Na época precolombina estivo habitado por tribos guaranís de cultura seminómade, que no s XV ocuparon Chaco ata os confíns do Imperio Inca. Cara a 1524 chegaron os primeiros exploradores europeos e o primeiro colonizador foi Domingo Martínez de Irala, que converteu o alto Paraguay no principal centro colonial de Río de La Plata. Desde Asunción, fundada en 1537 por Juan de Salazar, colonizouse a metade setentrional de Arxentina. Martínez de Irala fortificou a fronteira con Brasil e resistiu a penetración portuguesa, grazas á rápida incorporación dos indios ao sistema colonial e á mestizaxe hispano-guaraní. Deste xeito, o país caracterizouse por un forte sentimento nacional que o diferenciaba doutros núcleos coloniais. En 1588 chegaron os primeiros xesuítas, que concentraron e organizaron a poboación guaraní en reducións, ou poboacións autoadministradas. A principal finalidade destas era defender a poboación indíxena das incursións dos brasileiros, que buscaban escravos, e dos encomendeiros casteláns. Os xesuítas ensinaron aos indios a agricultura, a industria lixeira e o emprego de armas de fogo, respectaron a súa lingua e mantivéronos á marxe das autoridades civís.
A independencia
A competencia que representaban os produtos procedentes das reducións xesuíticas provocou enfrontamentos entre España e Portugal (Guerra Guaraní, 1753-1756) e a expulsión dos xesuítas en 1767. En 1776 o país incluíuse no vicerreinado de Río de La Plata, mentres a economía pasaba de agrícola a gandeira. En 1810 o gobernador Bernardo de Velasco formou a Junta Superior Gubernativa que en 1811 proclamou a independencia pacificamente. En 1813 a xunta de Asunción proclamou a república, dirixida polos cónsules Fulgencio Yegros e José Gaspar Rodríguez de Francia, líderes do movemento independentista. En 1814 este último alcanzou o poder absoluto e instaurou un réxime ditatorial, autárquico e xenófobo. En 1840 volveuse ao sistema de cónsules, e un deles, Carlos Antonio López, foi elixido presidente constitucional en 1844. Foi unha época de progreso e de reformas que modernizaron o país, e a política exterior caracterizouse pola hostilidade con Arxentina.
A Guerra da Tripla Alianza e a Guerra do Chaco
Francisco Solano López sucedeu o seu pai en 1862, reorganizou o exército e esforzouse por devolver Río de La Plata á hexemonía paraguaia. Esta actitude motivou unha alianza entre Arxentina, Brasil e Uruguay contra Paraguay na Guerra da Tripla Alianza (1864-1870). A guerra resultou desastrosa para Paraguay. Mentres o país comezaba a refacerse e recuperaba o sentimento nacionalista, que se decantou cara a un culto de Solano López, xenófobo e pechado, Brasil afirmou a súa hexemonía. A reconstrución foi lenta e efectuouse sobre a gran propiedade privada, que liquidou as terras comunitarias e estatais. A penetración de capital estranxeiro foi moi notable, malia ao dominio político brasileiro. Este capital favoreceu a formación dun partido liberal en 1887 moderadamente progresista e antibrasileiro, oposto aos colorados-conservadores. Tras varios anos de incidentes fronteirizos con Bolivia, en 1932 estalou a Guerra do Chaco motivada polo interese boliviano por atopar unha saída ao Atlántico e pola disputa entre compañías petroleiras estadounidenses. A guerra e a Paz de Bos Aires favoreceron a Paraguay, que incorporou gran parte de Chaco Boreal en 1938. En 1936 o coronel Franco instalou un goberno militar progresista, pero en 1939 a presidencia do xeneral José Félix Estigarribia significou o retorno dos liberais e do constitucionalismo, inspirándose no populismo do brasileiro Getúlio Vargas. A etapa dos presidentes Higinio Morínigo (1940-1948) e Natalicio González (1948-1949) foi conservadora, e abriu a economía ás compañías estadounidenses.
O goberno de Stroessner e a volta á democracia
En 1954 o exército, co apoio dos colorados, ocupou directamente o poder baixo a dirección do xeneral Alfredo Stroessner, que foi reelixido cada cinco anos en sucesivas eleccións fraudulentas. Stroessner instaurou unha férrea ditadura militar e ultraconservadora, que dependeu do imperialismo estadounidense e brasileiro. En 1982, o réxime entrou nunha etapa de grande inestabilidade polo descontento de amplos sectores populares. A necesidade de relevar o xeneral e a publicidade sobre varios escándalos financeiros produciron unha escisión dentro do Partido Colorado (1985). Stroessner tentou controlar a situación cunhas novas eleccións fraudulentas en 1988 pero ao ano seguinte foi derrocado polo golpe de estado dirixido polo xeneral Andrés Rodríguez, que restableceu as liberdades de asociación e de expresión e que foi elixido presidente da república. En 1993 as primeiras eleccións democráticas do país déronlle a presidencia a Juan Carlos Wasmosy, do Partido Colorado, e continuaron as tensións coas forzas armadas, que se viron excluídas do dereito de voto. Desde 1994 a situación política caracterizouse por un feble apoio ao goberno de Wasmosy. En 1996 o xeneral Lino Oviedo tentou dar un golpe de estado, polo que foi encarcerado. As eleccións presidenciais de 1998 déronlle a vitoria a Raúl Cubas, membro do Partido Colorado. Cubas dimitiu en 1999 pouco antes de ser cesado polo Senado, e sucedeuno Luis Ángel González Macchi. En 2003 substituíuno Óscar Nicanor Duarte Frutos á fronte do goberno.