Páramo, O
Concello da comarca de Sarria, situado na provincia de Lugo no centro-L da Comunidade Autónoma de Galicia e no centro da provincia de Lugo. A súa posición xeográfica é de 42° 49’ 30” latitude N e 7° 30’ 40” lonxitude O. Limita ao N co concello do Corgo e co de Guntín (comarca de Lugo), ao L cos de Láncara e Sarria (comarca de Sarria), ao S co de Paradela (Sarria) e ao O cos de Portomarín e Guntín (Lugo). Abrangue unha superficie de 75,7 km2, en que acolle unha poboación de 1.770 h (2007) distribuídos nas parroquias de Adai, Friolfe, Gondrame, Grallás, Moscán, Neira, Piñeiro, Reascos, Ribas de Miño, A Ribeira, Sa, San Vicente de Gondrame, Santo André da Ribeira, A Torre, Vilafiz, Vilarmosteiro, Vilasante e Vileiriz. A capital está no lugar de Trebolle, parroquia da Torre, localizada a 119 km de Santiago de Compostela e a 18 km de Lugo. Está adscrito á diocese de Lugo e ao partido xudicial de Sarria.
Xeografía física
A simplicidade é a nota característica do relevo do Páramo, dominado polo macizo granítico do mesmo nome e os cursos dos ríos Miño e Neira. Distínguense tres áreas individualizadas. A primeira área está formada polas terras baixas dos ríos antes citados, no O e N do concello, que acadan altitudes entre os 350 e 450 m e orixinan amplas veigas, en especial nas parroquias de Reascos e Neira. Unha segunda área coincide cun territorio de transición, entre os 500 e 650 m, disposto a modo de estreita franxa con orientación NL-SO, onde destacan os montes Albaredo (584 m) e Grallás (547 m). Por último, o extremo SL do concello é a serra do Páramo propiamente dita, en que destacan as cotas do Páramo (876 m) e Monte Maior (792 m). O concello repártese entre os dominios climáticos oceánico de montaña e oceánico continental, ao abeiro da influencia moderadora das masas de aire mariño. A temperatura media anual é de 10,8°C, a media de xaneiro é de 4,6°C, a de xullo de 17,7°C e a amplitude térmica extrema chega aos 24,5°C. A precipitación anual media é de 1.457 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival, xa que o 39% das precipitacións son recollidas no inverno, fronte ao 10% do verán, mentres que quedan con valores medios a primavera (26%) e o outono (25%). A rede hidrográfica verte totalmente ao Miño, que delimita o concello no seu extremo oriental, e onde desemboca o río Neira que delimita polo N o territorio do Páramo. Da vexetación autóctona destacan os carballos mesturados coas terras de cultivo e pastos, así como as árbores de ribeira nos cursos fluviais. As masas de piñeiros de repoboación e o mato están limitados ás terras da serra do Páramo.
Xeografía humana
A poboación mantívose estable ata 1940, momento en que acadou o seu máximo demográfico. A partir dese momento comezou un descenso continuado que provocou que os efectivos de 2001 fosen aproximadamente a metade dos de 1940. Os primeiros anos do s XX foron de estancamento. Entre 1900 e 1910 só creceu un 0,06% interanual, mentres que entre 1910 e 1930 houbo un leve retroceso (-0,10% interanual), seguido dunha recuperación apreciable entre 1930 e 1940 (0,57% interanual). Despois houbo un constante descenso demográfico, máis leve entre 1940 e 1950 (-0,45% interanual), 1970 e 1981 (-0,49% interanual) e 1991 e 2001 (-0,68% interaual), e máis intenso entre 1950 e 1970 (-1,58%) e entre 1981 e 1991 (-1,44%). Entre 2001 e 2007 a poboación decreceu un -7,18%. A emigración cara a Europa e ás rexións españolas máis desenvolvidas desencadeou o proceso de despoboamento do concello, agravado co avellentamento (os menores de 20 anos só representan o 11,2% e os de máis de 65 anos, o 33,8%; o grupo intermedio o 55%) e a emigración cara a Lugo e Sarria. Por sexos a composición está equilibrada: 50,73% os homes e 49,26% as mulleres. Polo que respecta ao saldo vexetativo, este tamén indica o avellentamento da poboación pois a mortalidade é moi elevada (17‰) fronte a unha natalidade baixa (5,8‰) o que dá un saldo de -11,2‰ (2006).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello do Páramo é do 50,4% (57,1% a masculina e 43,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 47% (52,7% a masculina e 41% a feminina), e unha taxa de paro do 6,8% (7,7% a masculina e 5,5% a feminina). A principal actividade económica é a agricultura, que dá traballo ao 54,4% da poboación ocupada. A superficie cultivada representa o 13,94% do seu territorio, e nela predominan os cultivos de forraxes, millo e, en menor medida, pataca. O gando é un elemento fundamental da economía agraria, o 24,88% do seu territorio son prados e pastos, con 227 explotacións e 7.084 cabezas (2007) de gando vancún de tamaño medio. A gandaría porcina tamén ten importancia, xa sexa de reprodución (200 cabezas) ou de ceba (2.630 cabezas, 2005). A industria e a construción teñen pouca relevancia, xa que só ocupan, respectivamente, o 4,9% e o 9,5% dos activos. Os servizos supoñen o 31% da man de obra. As importantes feiras de Trebolle, en especial as de primavera, revitalizadas con concursos de gando, animan a escasa vida comercial do concello. A principal vía de comunicación é a estrada LU-546, de Lugo a Monforte, que atravesa o seu extremo oriental, ademais da estrada local que une A Pobra de San Xiao con Portomarín.
Historia
As primeiras referencias documentais referidas ao concello datan de 569, ano en que se celebrou o Concilio de Lugo, onde se definiron os límites dos 11 condados que formaban a diocese lucense. Daquela O Páramo recibía o nome de Paramiensis. Consérvase a carta de restauración da igrexa de San Xoán de Friolfe (910) e un escrito de 1255 en que Afonso X o Sabio confirmaba un privilexio polo que outorgaba estas terras en doazón á orde do Hospital. Durante o Antigo Réxime, as parroquias distribuíronse entre as xurisdicións de San Xoán de Portomarín, señorío da encomenda de Portomarín compartido nalgunha parroquia co conde de Amarante, o marqués de Bendaña e outros señores, e da Pobra de San Xulián, señorío do conde de Lemos. Tras a división municipal de 1835 estas dúas xurisdicións convertéronse en concellos. O concello do Páramo creouse en 1840 pola reforma xudicial e municipal que decretou a Xunta de Goberno da provincia de Lugo. En 1845 a parroquia de Santa Cruz de Moscán pasou a integrarse na de Santa María Madanela de Moscán e en 1861 autorizouse o traslado da capitalidade do concello da parroquia de Piñeiro á da Torre.
Patrimonio cultural
Son frecuentes os restos arqueolóxicos prerromanos, entre os que destacan os túmulos megalíticos en Santo André da Ribeira e os castros en Friolfe e Moscán. Da Idade Media consérvanse algunhas igrexas románicas, entre elas as de San Salvador de Vileiriz, Santa María de Gondrame ou Santa Eufemia de Vilarmosteiro. Tamén destacan as igrexas parroquiais de San Xoán de Friolfe, Santo Estevo de Grallás e San Salvador de Vileiriz, e os pazos de Paredes (Sa) e de Vilafiz (Vilafiz). Anualmente celebra as feiras de primavera (o 10 de xuño é o día grande) e as feiras locais os días 10 e 25 de cada mes.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Sarria |
| Extensión | 74 Km2 |
| Poboación Total | 1770 h |
| Poboación Homes | 898 h |
| Poboación Mulleres | 872 h |
| Densidade de poboación | 23.92 h/Km2 |